Financiado por:
/ Portada / Delegados

O Goberno establece a consideración da COVID-19 como enfermidade profesional para traballadores sanitarios e socio-sanitarios

03-02-2021 - ENFERMIDADE PROFESIONAL

O Consello de Ministros aprobou onte un Real Decreto-Lei no que se inclúen medidas para establecer a consideración de enfermidade profesional da COVID-19 para os profesionais sanitarios e sociosanitarios, a efectos de prestacións. Con esta decisión, mellora a cobertura deste colectivo, cuxos contaxios xa tiñan unha consideración especial como continxencia profesional derivada de accidente de traballo para todas as prestacións.

Desta forma, aqueles profesionais que presten servizos en centros sanitarios e socio sanitarios rexistrados nos rexistros correspondentes; aqueles que atendan no exercicio da súa profesión, durante a prestación de servizos sanitarios ou socio sanitarios, a enfermos contaxiados polo virus  SARS- Cov2; e contraesen o virus dende a declaración da pandemia internacional pola OMS ata que as autoridades sanitarias levanten todas as medidas de prevención adoptadas para facer fronte á crise sanitaria terán as mesmas prestacións que a Seguridade Social outorga aos afectados por unha enfermidade profesional.

Os servizos de prevención de riscos laborais deberán emitir o correspondente informe onde se faga constar que a actividade profesional conleva a atención a enfermos contaxiados polo virus  SARS- CoV2. Unha vez acreditado o contaxio presumirase en todo caso que este se produciu por atender a persoas contaxiadas pola COVID-19.

Dende o inicio da pandemia, o Goberno tomou varias medidas para mellorar a protección das persoas afectadas pola COVID-19. En marzo xa mellorou a protección de todos os traballadores contaxiados ou en illamento ao asimilalas a accidente de traballo, o que supón elevar a prestación para o traballador ata o 75% da base reguladora (fronte ao 60% da baixa común) e liberar do custo a traballadores/as e empresas, xa que se fai cargo dende o primeiro día a Seguridade Social.

 

Fonte: Gabinete de Comunicación Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS