Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

O 73% dos españois ten astenia por estrés, traballar moitas horas e durmir pouco

22-05-2015 - SAÚDE

O 73 por cento dos españois sente "astenia", que se traduce en falta de vitalidade e enerxía. Non durmir suficientes horas, o estrés e traballar moito son causas desta astenia que inflúe negativamente na vida laboral, social e familiar.

Estes datos son reflectidos no Estudo Vytal, realizado pola Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (Semergen), a través dunha enquisa entre 4.422 persoas de toda España, das que 419 eran médicos de familia.

En xeral, case a metade da poboación enquisada fala de fatiga física e mental e son as mulleres as que máis adoitan sentir ambos os dous tipos. Tarefas domésticas, coidado dos fillos e as preocupacións laborais son os principais factores a destacar segundo indicou José Luis Llisterri, presidente de Semergen.

A astenia, entendida como falta de vitalidade e enerxía, "é un concepto que manexamos moito os médicos", explicou o doutor Llisterri. De feito, un 30% dos motivos de consulta están relacionados con ela.

Apatía, cansazo e debilidade son algúns dos termos que moitas veces se manexan como sinónimo de astenia e que non deben confundirse, segundo o doutor Llisterri, quen sinalou que toda persoa que se sinta débil durante máis de dúas semanas debería acudir ao seu médico de familia.

A enquisa reflicte que a falta de vitalidade repercute directamente sobre a vida laboral, familiar, social e o coidado persoal, por esa orde, indicou a doutora Marisa López, presidenta do Grupo de Nutrición de Semergen.

"No que máis repercute o cansazo é no rendemento laboral, sobre todo porque se poden cometer erros e non cumprir coa tarefa encomendada", subliñou.

Isto é especialmente importante no caso dos médicos. Un 62% afirman sentir falta de vitalidade de forma esporádica. Un 38% asegura que os inflúe no seu día a día na atención aos pacientes e en ocasións pode ser a causa de erros no diagnóstico.

O estudo tamén incide nas causas do cansazo: un 74% atribúeo ao estrés, un 61% considera que é por durmir pouco e un 43% achácao ao traballo.

Levar un estilo de vida saudable, cunha alimentación sa e equilibrada, evitando fritos e comidas copiosas, e a práctica de exercicio físico, son as recomendacións dos médicos fronte á astenia.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS