Financiado por:
/ Portada / Delegados

Novas directrices para sentenzas no Reino Unido

19-07-2016 - Sentenza

No mes de febreiro entraron en vigor no Reino Unido novas directrices para os xuíces, referidas ás sentenzas que teñen que ver con temas de saúde e seguridade. A partires de agora os xuíces (no Reino Unido non hai sancións administrativas), deberán estabelecer as multas non só en función do dano real ou potencial causado, senón tamén tendo en conta a capacidade económica da empresa, algo que antes se facía nalgúns casos de motu propio, pero que agora pasa a ser obrigatorio. Polo momento o resultado está a ser un aluvión de importantes sancións para as grandes empresas.

Noutros países este tipo de sancións preocupan pouco ás grandes empresas pois os importes das multas, aínda que poden afundir a pequenas empresas, non lles supoñen un quebranto económico.

Un exemplo deste novo xeito de ditar sentenza no Reino Unido pode ser o caso da construtora Balfour Beatty, multada con 2,6 millóns de libras (uns 3 millóns de euros) tras a morte dun empregado dunha subcontrata no colapso dunha gabia de 2,4 metros de profundidade sen ningunha clase de medida preventiva. Ou a multinacional McCain, (produce alimentos conxelados) que foi multada con 800.000 libras (ao redor dun millón de euros) por un accidente no que un dos seus empregados sufriu o atrapamiento dun brazo nunha máquina mal protexida, accidente que limitou a mobilidade da man do traballador; no xuízo demostrouse que a avaliación de riscos realizada pola empresa non contemplara a posibilidade do accidente que ocorreu. No exercicio anterior a empresa tivera un beneficio antes de impostos de 63,7 millóns de libras.

A empresa adicada á reparación de pneumáticos, Watling Tyre Service Limited, foi multada cun millón de libras despois de que un traballador de 21 anos morrese debido á explosión dun pneumático que estaba a reparar. O traballador era un autónomo contratado para facer o traballo, que non contaba nin coas ferramentas nin coa formación necesaria para realizar o traballo que se lle encargou.


A central térmica Scottish Power,  foi condeada a pagar 1,75 millóns de libras (algo máis de dous millóns de euros) polo accidente dun traballador, que sufre graves secuelas tras a fuga de auga quente producida nunha válvula defectuosa. As autoridades cualificaron de desastroso o estado da seguridade da planta, que actualmente atopase pechada. A multa, incialmente fixada en 2,5 millóns de libras foi rebaixada á cifra citada porque a empresa aceptou desde un principio a súa culpabilidade. Á sanción administrativa debe engadirse unha indemnización «substancial» que a empresa abonou ao empregado, así como as costas, entre o 5 e o 10% da multa.

Ligazón ás novas relacionadas con estas sentenzas (en inglés) publicadas no HSE (Health and Safety Executive):

Nova sobre Balfour Beatty

Nova sobre McCain

Nova sobre Watling Tyre Service Limited

Nova sobre Scottish Power

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS