Financiado por:
/ Portada / Delegados

Non se someter ao recoñecemento médico pode ser motivo de despedimento

10-04-2013 - SAÚDE

Negarse a pasar o recoñecemento médico que esixe a empresa pode custar o despedimento. Así o determina unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Extremadura, que aborda o caso dun vixilante de seguridade ao que a súa empresa destinou a unha obra dun cliente que esixía que todos os gardas pasasen unha revisión médica.

A empresa chegou a pedirlle ata en seis ocasións que se sometese á revisión e mesmo lle ofreceu diñeiro para o desprazamento, pero o traballador negouse reiteradamente.

Ao parecer, había constancia de que podía sufrir algún problema de xordeira, algo que podía supoñer un perigo, tanto para el mesmo como para terceiros, tendo en conta que o seu traballo se desenvolvía nunha obra nunha zona apartada, en horario nocturno, e que o vixilante traballaba cunha arma.

Segundo o tribunal, o recoñecemento, ao que o empregado se negou sen causa xustificada, non tiña por que conducir a negarlle a ocupación efectiva, senón que buscaba avaliar as deficiencias acústicas que sufría. A sentenza detalla que a súa negativa podía custarlle á compañía a perda de clientela ou unha responsabilidade empresarial en caso de que o empregado sufrise un accidente ou resultase danado un terceiro.

Desobediencia

Por todo iso, imputóuselle unha conduta de indisciplina ou desobediencia, sancionables co despedimento disciplinario, confirmando o tribunal que a súa actuación é "merecedora" desta máxima sanción.

Segundo sostén, a negativa reiterada a someterse ao recoñecemento médico supón un incumprimento grave e culpable das ordes empresariais. Afirma que a orde en cuestión nin é arbitraria, nin está inxustificada, nin é lesiva para o dereito á intimidade.

Enlace á Sentenza

 

Fonte: Expansión

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS