Co financiamento de:
/ Portada / Delegados / Negociación Colectiva

A saúde laboral na negociación colectiva

11-05-2012 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 1

Na actual situación, na que a presente, inxustificada e salvaxe reforma laboral elimina dereitos laborais e sociais fundamentais, estase a incrementar e xeneralizar de xeito exponencial un deterioro amplo e masivo das condicións substanciais de traballo, multiplicándose os riscos laborais e sociais aos que os/as traballadores/as vense sometidos, con crecentes e perigosas consecuencias para a súa seguridade e a súa saúde laboral.

A infradeclaración de accidentes e incidentes laborais como parte dunha práctica empresarial ilegal, noxenta e denunciable; o risco real de ser despedido/a como consecuencia de coller unha baixa por enfermidade; a nulidade das políticas de control da Inspección de Traballo ante o reiterado incumprimento normativo en materia preventiva das empresas; o incremento abraiante de casos de estrés e de situacións de acoso laboral propiciados e potenciados polo marco xerado coa aplicación da reforma, ou a práctica preventiva das Mutuas deixando indefensos aos traballadores/as fronte as empresas, ante situacións de accidentes ou enfermidades laborais sistematicamente non recoñecidas, configuran un escenario agresivo, inxusto e inadmisible en materia de seguridade e saúde laboral para o conxunto da clase traballadora.

Nomeadamente na Galiza no ano 2011 o índice de accidentes graves e mortais, 58,46 e 6,15 respectivamente, é moi superior ao índice da media do estado español 30,41 e 3,75; incrementándose tamén significativamente o número de enfermidades profesionais sen baixa fronte á baixada das enfermidades profesionais con baixa, o que amosa que cada vez máis temos que traballar enfermos e ou accidentados para non perder o emprego. Asemade dende a CIG detectamos que no noso País -e así llo fixemos saber á Inspección de Traballo- xeneralízase cada vez máis entre certos sectores empresariais en conivencia coas mutuas, unha estratexia de infradeclaración de accidentes laborais co gallo de evitar os custes asociados aos mesmos, así como custes futuros consecuencia da orixe profesional das súas lesións e enfermidades.

Con todo, a negociación colectiva constitúe sen dúbida unha importe ferramenta da que dispoñemos os traballadores para determinar e definir as nosas relacións laborais, debido en gran medida á súa capacidade de vinculación entre as partes (patronal e traballadores/as) no que atinxe aos dereitos e obrigas no ámbito das relacións de traballo. Neste senso, a prevención de riscos e a saúde laboral conforman unha área laboral de especial importancia, susceptible de ser abordada e desenvolvida neste marco de negociación contractual como medio para mellorar as nosas condicións de traballo.

A CIG a través da Secretaría Confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral coa colaboración do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral, ten elaborado un documento básico (en constante actualización) de orientacións e recomendacións en materia de negociación colectiva no ámbito da prevención de riscos e a saúde laboral que poderedes consultar ou baixar, na plataforma web cigsaudelaboral.org/delegados/negociacioncolectiva.

Documentos

ARTIGO 1 BOLETIN GALEGO 1.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS