Financiado por:
/ Portada / Delegados

Mellores condicións de traballo benefician a traballadoras/es e ás empresas

27-09-2016 - OIT

Unha avaliación independente do programa Better Work amosa melloras significativas na calidade de vida de traballadoras/es nas fábricas que asesora, así como un incremento da produtividade e rendibilidade das empresas. O programa Better Work, creado no ano 2007 pola Organización Internacional do Traballo e a Corporación Financeira Internacional membro do Grupo do Banco Mundial, ten como obxectivo mellorar as condicións de traballo e promover a competitividade nas cadeas mundiais de subministración da industria téxtil. Opera en sete países: Bangladesh, Camboia, Indonesia, Vietnam, Xordania, Haití e Nicaragua, e actualmente abarca a 1.300 fábricas que empregan a máis de 1,6 millóns de traballadoras e traballadores.

Segundo a avaliación da Universidade Tufts, o programa Better Work contribúe a que as fábricas abandonen as prácticas que fomentan longas xornadas de traballo, moi baixa remuneración, ameazas de despedimento e o uso abusivo dos contratos por un período de proba. Traballadoras e traballadores constatan un incremento do seu salario semanal neto e as horas extras excesivas e os salarios baixos son cada vez menos frecuentes. No estudo tamén se observan progresos na redución da diferenza salarial entre homes e mulleres, en particular nas fábricas que se benefician dos servizos de asesoramento de Better Work en Haití, Nicaragua e Vietnam. Tamén se constataron importantes avances na diminución das medidas laborais coercitivas e na redución do acoso e a violencia verbal.

Así mesmo, os investigadores observaron que a formación en técnicas de supervisión de Better Work é unha estratexia moi eficaz para mellorar as condicións de traballo e empoderar ás mulleres na industria. A análise amosa que as liñas de produción supervisadas por mulleres que recibiron formación nestas técnicas de supervisión incrementan a produtividade un 22 por cento, en comparación coas liñas de produción supervisadas por traballadores que non  recibiron esta formación.

Esta análise conclúe que estas melloras nas condicións de traballo non se logran a expensas do rendemento da empresa. A investigación estabelece unha relación directa entre mellores condicións de traballo e maiores beneficios para as empresas. En todas as fábricas nas que está implantado o proxecto Better Work en Vietnam,  os beneficios brutos aumentaron de 25 por cento logo de catro anos de participación .

O proxecto Better Work susténtase a través dos seguintes e principais doantes asociados: Australia (Departamento de Asuntos Exteriores e Comercio, DFAT); Dinamarca (Ministerio de Relacións Exteriores, Danida); Países Baixos (Ministerio de Relacións Exteriores, Danida); Suíza (Secretaría de Estado Económico, SECO); Estados Unidos ( Ministerio do Traballo, USDOL).

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS