Financiado por:
/ Portada / Delegados

Máis de 32 millóns de persoas expostas a canceríxenos no seu traballo

29-05-2013 - HIXIENE

Cada ano, en Europa, unhas 95.500 mortes por cancro poderían estar relacionadas co traballo, segundo a Axencia Europea de Saúde e Seguridade no Traballo (EU-OSHA). Esta organización reuniu en Berlín distintos expertos para debater novos enfoques na investigación e a intervención para a loita contra o cancro relacionado co traballo.

A Axencia Europea de Saúde e Seguridade no Traballo (EU-OSHA) manexa outros datos tamén alarmantes: polo menos 32 millóns de persoas na Unión Europea están expostas a axentes canceríxenos nos seus postos de traballo. Se as 95.000 mortes por cancro laboral se recoñecesen, o cancro sería a primeira causa de mortalidade profesional en Europa.

A Axencia Europea ten como unha das súas tarefas a identificación dos riscos emerxentes para a saúde dos e das traballadoras. Nesta liña, este organismo sinalou recentemente os seguintes axentes canceríxenos entre os problemas de saúde laboral emerxentes: amianto, po de sílice, po de serraduras, disolventes orgánicos, contaminantes orgánicos persistentes, aminos aromáticos, biocidas, materias colorantes azoicas e a exposición combinada a varios axentes canceríxenos.

Na reunión de expertos celebrada en Berlín, a novidade que debe poñerse de relevo é que se subliñou a necesidade de abordar as realidades sociais que contribúen ao cancro, e que esta perspectiva é necesaria tanto para valorar a eficiencia da protección do conxunto dos traballadores coma para identificar colectivos vulnerables e desprotexidos. Cambios no mundo do traballo tanto na investigación como nas intervencións se debe ter en conta a expansión crecente dos chamados novos modos de organización do traballo. Mencionouse o aumento da subcontratación, o traballo temporal, empregos múltiples, o traballo nas instalacións do cliente, o traballo cada vez máis estático, o incremento do peso do sector servizos en detrimento da industria, o aumento do emprego feminino en ocupacións con exposicións, a crecente importancia dos tempos de traballo atípicos, como o traballo nocturno e as quendas, as exposicións múltiples e a exposición a mesturas complexas en profesións como a pintura, etc. É importante que un factor da organización do traballo tal como o traballo nocturno e a quendas, que está a aumentar, fose sinalado como factor de risco para o cancro.

Ante esta situación, a reunión de expertos recomenda promover novas formas de investigación que poñan de manifesto estas realidades, para así sinalar a necesidade de novas respostas públicas. É necesario crear conciencia e proporcionar os datos e probas sobre os riscos emerxentes, así como compartir experiencias sobre boas prácticas nas solucións e políticas. Formulouse, en concreto, que é necesario poñer en valor as investigación que buscan estimar a verdadeira carga da enfermidade profesional e mostrar a relación entre ocupacións e exposicións, e que van máis alá das estatísticas oficiais; por exemplo, estimacións tipo CAREX e as diferentes matrices de exposición laboral. Sinalouse que resultan moi útiles e polo tanto merecen un amplo apoio institucional.

A reunión de expertos conclúe que existe unha crecente necesidade de identificar grupos vulnerables e "ocultos" cuxa exposición ocupacional aos riscos de cancro e procesos canceríxenos está subrepresentada nos datos de exposición e nas estratexias de intervención. Introduciuse o concepto de "cancros socialmente discriminatorios". Os grupos que padecen os devanditos cancros serían os inmigrantes, os traballadores a tempo parcial e os que traballan como persoal subcontratado. As mulleres e os traballadores novos, polo xeral en ocupacións de servizo onde a conciencia dos riscos químicos é baixa, tamén poden estar nesta situación. Estes grupos "ocultos" adoitan estar expostos a múltiples substancias canceríxenas, e polo contexto socioeconómico presentan maior risco de desenvolver cancro.

Necesítase unha visión máis ampla das causas do cancro relacionado co traballo. As conclusións sinalan que os factores de estilo de vida como a obesidade, o tabaquismo, o consumo de alcohol, etc., non son só persoais, senón que tamén poden estar determinados por condicións de vida e de traballo como a inseguridade económica, o acceso a unha alimentación e a instalacións sas, acceso doado a bebidas alcohólicas no traballo e o xeito en que se organiza o traballo.

O acceso aberto aos datos sobre substancias e exposicións é crucial para todos os actores, xa sexa para a política, a investigación, as inspeccións ou a prevención nos lugares de traballo. Necesítase un acceso máis amplo ás bases de datos de exposición e substancias, e aos datos xerados baixo REACH, así como datos sobre problemas de saúde. Débese promover a cooperación a nivel comunitario e nacional, e en todos os sectores industriais entre os distintos organismos e arriba e abaixo da cadea de subministración. Ademais, sinálase que hai unha serie de produtos carcinóxeno químicos e non químicos que non se inclúen no Regulamento REACH: os subprodutos, é dicir, as substancias non fabricadas a propósito, senón que se forman de xeito non intencionado durante o proceso de traballo.

Conclúese que existe un marco lexislativo sólido en Europa, pero que a súa aplicación e cumprimento é esencial para a prevención eficaz do cancro no lugar de traballo. Hai probas de que a sensibilización a nivel de empresa é xeralmente baixa, pero tamén que as empresas melloran as súas políticas tras unha visita da Inspección de Traballo ou cando reciben apoio de expertos, ou cando os traballadores demandan información e eliminación de canceríxenos. As empresas que preparan o seu documento de avaliación do risco cumprindo coa seguridade e saúde no traballo teñen máis éxito no logro de substitución das substancias perigosas que as que descoidan os seus deberes.

As experiencias de grandes proxectos de substitución poderían axudar a enxergar accións futuras. Concluíuse que ferramentas como o portal de Internet SUBSPORT, constitúen un apoio práctico para as empresas. E considérase tamén que para os casos en que a substitución non é aplicable, se han de crear ferramentas para compartir as solucións prácticas que reduzan as exposicións ao mínimo. Hai unha necesidade xeral de mellorar a comunicación entre todos os actores e de compartir as boas prácticas sobre sensibilización, intervencións e políticas.

Á Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo pedíuselle que manteña o impulso desa cooperación necesaria e que aborde temas como a recompilación de datos e a vixilancia, a identificación dos traballadores vulnerables e solucións prácticas como parte do seu labor actual e futuro.

 

Fonte: Claudia Narocki
PorExperiencia.
preventionworld

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS