Financiado por:
/ Portada / Delegados

Máis de 26.000 atencións clínicas por cancro laboral nun ano e tan só 23 casos recoñecidos

10-12-2019 - SAÚDE LABORAL

Os diagnósticos de tumores vinculados ao traballo custan 155 millóns e apenas se recoñecen oficialmente, segundo un estudo encargado por Sanidade. A miúdo é difícil ou mesmo imposible determinar a causa exacta dun cancro. Na contorna laboral, algúns traballadores/as están expostos a certas substancias que poden contribuír á formación de tumores: dende o amianto ata a radiación solar. O último estudo sobre este asunto, presentado no pasado congreso da Sociedade Española de Epidemioloxía, estima que nun só ano o cancro ocupacional costa ao Sistema Nacional de Saúde máis de 155 millóns de euros.

O informe, que foi encargado polo Ministerio de Sanidade e aínda non foi oficialmente publicado, calcula que en 2015, último exercicio do que había datos oficiais, producíronse máis de 16.600 ingresos hospitalarios (case un 4% do total) e máis de 10.100 atencións ambulatorias especializadas por tumores relacionados co traballo. Estes datos contrastan co ínfimo número de casos recoñecidos oficialmente: 23, ese mesmo ano, segundo o sistema Cepross (Comunicación de Enfermidades Profesionais na Seguridade Social).

Se ben é difícil determinar a causa dun cancro, tamén o é demostrar que se produciu por unha exposición ocupacional. Os tumores, de feito, non teñen normalmente unha única causa, e poden pasar anos ata que se desenvolven e detectan. É por iso que resulta complicado para un traballador/a relacionar certa exposición que sufriu no pasado co cancro que padece. O que fai o estudo para dar coa cifra é unha estimación estatística: cos datos totais de ingresos hospitalarios por cancro, calcula que porcentaxe deles teñen relación coa exposición laboral, baseándose na literatura científica que existe respecto diso.

O problema, en opinión de Manolis Kogevinas, investigador do Instituto de Saúde Global de Barcelona, é que no Estado español non existe un sistema para identificar os tumores producidos por exposicións laborais. “É imposible identificar todos, pero os datos en España son escandalosos. Recoñécense aproximadamente un 0,1%, cando noutros países da nosa contorna, como Alemaña ou Francia, a cifra está entre o 5% e o 10%”, asegura.

O estudo “Custo sanitario dos cancros atribuíbles a exposicións laborais en España en 2015”, presentado por Marcos Hernández Pereña e Montserrat García Gómez no último congreso da Sociedade Española de Epidemioloxía (SEE) asegura que ese ano producíronse no Estado 16.671 ingresos hospitalarios por cancro atribuíble ao traballo (13.282 en homes e 3.389 en mulleres), e 10.114 consultas de atención ambulatoria especializada (7.618 en homes e 2.496 en mulleres), ambos en persoas de 25 ou máis anos. O custo sanitario foi de 156,8 millóns de euros. O 64,2% correspondeu a asistencia especializada; o custo de farmacia representou o 33,5% e a atención primaria, o 2,3%. O custo sanitario directo en homes (127,2 millóns) foi 4,3 veces maior que en mulleres (29,6 millóns). O estudo foi realizado pola Área de Saúde Laboral do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social.

Este infrarrecoñecemento ten varias consecuencias. A primeira é que se usan recursos do Sistema Nacional de Saúde —neste caso das CCAA— para atender uns tratamentos que, de ser recoñecidos como laborais, debería asumir a Seguridade Social. Ademais, de que estar recoñecida como enfermidade ocupacional implicaría outro tipo de prestacións, ou mesmo indemnizacións por parte das empresas, no caso de que se demostrase que o tumor se produciu por algunha neglixencia; por exemplo: traballadores/as que estiveron expostos a determinadas substancias sen as medidas de protección axeitadas.

Outro efecto é a percepción do problema. “Se temos unhas ducias de casos ao ano, como sucede agora oficialmente, non se trata como unha verdadeira emerxencia de saúde pública; pero se son miles, como os que se estiman, a cousa cambia. Habería máis políticas para evitalo, máis medidas para previlo, as empresas terían que implicarse máis”, abunda Kogevinas.

Para recoñecer un cancro como laboral non é necesario que haxa unha relación causal tácita, aclara Araceli López-Guillén, médica do Instituto Nacional da Seguridade Social que traballa xustamente en identificar enfermidades profesionais. “A clínica dun cancro de pulmón, por exemplo é igual se o produce o tabaco ou por outra causa”, relata. Así que a normativa (o Real Decreto 1299/2006), o que fai é presentar unha listaxe de substancias canceríxenas e un de profesións que están expostas a estas. Se un traballador/a ten un tumor e acredita esta relación, debe ser recoñecido como ocupacional, asegura esta funcionaria. Iso si, a enfermidade sempre deberá estar expresamente recollida nesa lista.

Como ao longo da vida hai moitos factores para desenvolver un cancro, hai condutas, exposicións, factores hereditarios, uns traballadores/as padéceno, outros non… ao final só determínanse como laborais aqueles casos nos que hai unha relación clarísima, como é o mesotelioma, que en máis dun 90% dos casos ten como orixe o amianto.

De feito, a gran maioría dos cancros ocupacionais recoñecidos no Estado español son producidos por amianto. Dos 23 de 2015, 19 tiñan esta causa; dous debidos ao po de madeira dura, un ao cromo e un a hidrocarburos aromáticos policíclicos.

Con todo, as estimacións do estudo presentado no SEE, non sinalan ao mesotelioma como o que produciu máis custo ás arcas do Estado. O maior gasto en traballadores homes correspondeu a cancro de pulmón, seguido de vexiga, colon e, en quinto lugar, mesotelioma. Nas mulleres correspondeu ao cancro de mama, mesotelioma en segundo lugar, seguido de pulmón e ril.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS