Informe mundial sobre salarios 2024-202510-12-2024 - OIT-Organización Internacional do TraballoSegundo o informe da OIT, o crecemento do salario medio real mundial comezou a aumentar de novo a medida que a inflación diminúe progresivamente. A pesares destes resultados persisten altos niveis de desigualdade salarial, o que a converte nunha cuestión política apremiante. As mulleres e as persoas traballadoras asalariadas da economía informal teñen máis probabilidades de estar entre as peor pagadas. Este achado reforza a necesidade de accións específicas para pechar as brechas salariais e de emprego e garantir salarios xustos para todas as persoas traballadoras asalariadas. |
|---|
O novo informe da Organización Internacional do Traballo revela que a desigualdade salarial diminuíu en preto de dous terzos de todos os países desde 2000. A pesar desta tendencia positiva, persisten diferenzas salariais significativas en todo o mundo.
O “Informe mundial sobre salarios 2024-25: Está a diminuír a desigualdade salarial no mundo?” sinala que desde comezos da década do 2000, en media, a desigualdade salarial, que compara os salarios dos asalariados altos e baixos, diminuíu en moitos países a unha taxa media que oscilou entre 0,5 e 1,7 por cento anual, dependendo da medida utilizada. Os descensos máis significativos producíronse nos países de renda baixa, onde a diminución media anual oscilou entre o 3,2% e o 9,6% nas dúas últimas décadas.
A desigualdade salarial está a diminuír a un ritmo máis lento nos países máis ricos, reducíndose anualmente entre un 0,3 e un 1,3 por cento nos países de renda media-alta, e entre un 0,3 e un 0,7 por cento nos países de renda alta. Ademais, aínda que a desigualdade salarial reduciuse en xeral, os descensos foron máis significativos entre os traballadores asalariados do extremo superior da escala salarial.
Os salarios reais aumentaron en todo o mundo, pero persisten as diferenzas rexionais
O informe tamén conclúe que os salarios mundiais han crecido máis rapidamente que a inflación nos últimos tempos. En 2023, os salarios reais mundiais creceron un 1,8%, e as previsións alcanzan un crecemento do 2,7% para 2024, o maior aumento en máis de 15 anos. Estes resultados positivos supoñen unha notable recuperación se se comparan co crecemento negativo dos salarios mundiais, do -0,9%, observado en 2022, un período no que as elevadas taxas de inflación superaron o crecemento dos salarios nominais.
Con todo, segundo o informe, o crecemento salarial foi desigual entre rexións, e as economías emerxentes experimentaron un crecemento máis forte que as economías avanzadas. Mentres que as economías avanzadas do G20 rexistraron un descenso dos salarios reais durante dous anos consecutivos (-2,8% en 2022 e -0,5% en 2023), o crecemento dos salarios reais mantívose positivo durante ambos os anos nas economías emerxentes do G20 (1,8% en 2022 e 6,0% en 2023).
Os patróns rexionais de crecemento salarial variaron considerablemente. Segundo o informe, as persoas traballadoras asalariadas de Asia e o Pacífico, Asia Central e Occidental e Europa do Leste experimentaron os seus aumentos salariais reais a un ritmo máis rápido que as doutras partes do mundo.
«O retorno ao crecemento dos salarios reais é un avance positivo», dixo o Director Xeral da OIT, Gilbert F. Houngbo. «Con todo, non debemos esquecer que millóns de traballadores e as súas familias seguen sufrindo a crise do custo da vida que erosionou os seus niveis de vida, e que as disparidades salariais entre e dentro dos países seguen sendo inaceptablemente elevadas.»
Persistencia da desigualdade salarial
A pesar dos recentes avances, os altos niveis de desigualdade salarial seguen sendo un problema perentorio. O informe mostra que, a nivel mundial, o 10% das persoas traballadoras peor pagadas gañan só o 0,5% da masa salarial mundial, mentres que o 10% mellor pagadas gaña case o 38% desta masa salarial. A desigualdade salarial é maior nos países de renda baixa, onde preto do 22% dos traballadores/as asalariados están clasificados como mal pagados.
As mulleres e as persoas traballadoras asalariadas da economía informal teñen máis probabilidades de estar entre os peor pagadas. Este achado reforza a necesidade de accións específicas para pechar as brechas salariais e de emprego e garantir salarios xustos para todas as persoas traballadoras asalariadas.
A desigualdade salarial é relevante en todos os países e rexións. Con todo, a escala mundial, un de cada tres traballadores é un traballador non asalariado. Na maioría dos países de renda baixa e media, a maioría son traballadores autónomos, que só atopan oportunidades para gañarse a vida na economía informal. Por este motivo, o informe amplía a súa análise para incluír aos autónomos no caso dos países de renda baixa e media. Como resultado, a desigualdade medida dos ingresos laborais aumenta significativamente nestas rexións, en comparación coa que se mide baseándose unicamente nos salarios dos traballadores asalariados.
«As estratexias nacionais para reducir as desigualdades requiren o fortalecemento das políticas e institucións salariais», afirma Giulia De Lazzari, Economista da OIT e unha das principais autoras do informe. «Pero igualmente importante é deseñar políticas que promovan a produtividade, o traballo decente e a formalización da economía informal».
Reforzar as políticas salariais para reducir a desigualdade
O estudo fai fincapé na necesidade de políticas específicas para fomentar un crecemento económico integrador.
O informe conclúe que a redución da desigualdade salarial require tanto políticas salariais sólidas como un apoio estrutural ao crecemento equitativo. Abordando estes retos, os países poden realizar progresos reais cara á redución das diferenzas salariais e a promoción dun crecemento económico xusto e sostible para os traballadores/as de todo o mundo.
Entre as principais recomendacións da OIT figuran:
- Fixar os salarios a través do diálogo social: os salarios deben fixarse e axustarse a través da negociación colectiva ou de sistemas de salario mínimo acordados nos que participen gobernos, traballadores/as e empresarios/as.
- Adoptar un enfoque global: a fixación de salarios debe ter en conta tanto as necesidades dos traballadores/as e as súas familias como os factores económicos.
- Promover a igualdade e a igualdade de oportunidades de trato e de resultados: as políticas salariais deben apoiar a igualdade de xénero, a equidade e a non discriminación.
- Utilizar datos fiables: as decisións deben basearse en datos e estatísticas fiables.
- Abordar as causas profundas dos baixos salarios: as políticas nacionais deben reflectir o contexto específico de cada país e abordar as causas dos baixos salarios, como a informalidade, a baixa produtividade e a infravaloración dos empregos en sectores como a economía dos coidados.
Ligazón ao Resumo executivo do ao “Informe mundial sobre salarios 2024-25: Está a diminuír a desigualdade salarial no mundo?” OIT 2024
Ligazón ao “Informe mundial sobre salarios 2024-25: Está a diminuír a desigualdade salarial no mundo?” OIT 2024 (En inglés)