Financiado por:
/ Portada / Delegados

Informe Mundial sobre Salarios 2018/19

07-03-2019 - ECONOMÍA

En 2017, o crecemento mundial dos salarios caeu ao seu nivel máis baixo desde 2008, moi por baixo dos niveis anteriores á crise financeira mundial, segundo un novo informe da Organización Internacional do Traballo (OIT). O Informe Mundial sobre Salarios 2018/2019 constata que en termos reais (axustados á inflación) o crecemento mundial do salario desacelerouse, pasou de 2,4 por cento en 2016 a 1,8 por cento en 2017. As conclusións baséanse en datos de 136 países. As diferenzas de remuneración entre homes e mulleres, de ao redor 20 por cento a escala mundial, seguen sendo inaceptablemente altas.

Ao analizar o crecemento do salario, o informe observa que nos países avanzados do G20 o crecemento real do salario diminuíu, de 0,9 por cento en 2016 a 0,4 por cento en 2017. Pola contra, nos países emerxentes e en desenvolvemento do G20, o crecemento dos salarios reais fluctuou entre 4,9 por cento en 2016 a 4,3 por cento en 2017.

“É desconcertante observar que nas economías de altos ingresos o lento crecemento dos salarios está acompañado por unha recuperación do crecemento do PIB e unha diminución do desemprego. Ademais, as primeiras indicacións suxiren que este lento crecemento do salario continuará en 2018”, declarou o Director Xeral da OIT, Guy Ryder. “Este estancamento dos salarios constitúe un obstáculo para o crecemento económico e a mellora dos niveis de vida. Os países deberían analizar, xunto aos seus interlocutores sociais, as maneiras de lograr un crecemento do salario sustentable dende o punto de vista económico e social”.

Nos últimos 20 anos, os salarios reais case se triplicaron nos países emerxentes e en desenvolvemento do G20, mentres que nos países avanzados do G20 aumentaron só 9 por cento, sinala o informe. Pero, en numerosas economías de ingresos baixos e medianos, as desigualdades salariais seguen sendo altas e con frecuencia os salarios son insuficientes para cubrir as necesidades dos traballadores e as súas familias.

O informe calcula as disparidades de remuneración por razón de xénero de maneira innovadora e máis precisa, utiliza datos que abarcan uns 70 países e preto de 80 por cento dos asalariados do mundo. Constata que, a escala mundial, as mulleres seguen percibindo un salario aproximadamente 20 por cento inferior ao dos homes.

“As disparidades de remuneración por razón de xénero constitúen unha das maiores manifestacións de inxustiza social da actualidade" comenta Guy Ryder, Director Xeral da OIT . “As disparidades de remuneración por razón de xénero constitúen unha das maiores manifestacións de inxustiza social da actualidade, e todos os países deberían esforzarse por comprender mellor que se esconde detrás disto e avanzar máis rapidamente cara á igualdade de xénero”, agregou .

O informe constata que nos países de altos ingresos, a diferenza de retribución entre ambos os sexos é máis elevada no extremo superior da escala salarial, mentres que nos países de ingresos baixos e medios, é maior entre os traballadores peor remunerados.

Ao utilizar datos empíricos, o informe mostra tamén que as explicacións tradicionais, como as diferenzas nos niveis de educación entre mulleres e homes que teñen un emprego asalariado, desempeñan un papel limitado para explicar as disparidades de remuneración por razón de xénero.

 “En numerosos países, as mulleres teñen un nivel de educación máis alto que o dos homes pero perciben salarios inferiores, aínda cando traballen nas mesmas categorías profesionais”, sinalou Rosalia Vázquez-Álvarez, especialista en econometría e salarios da OIT e unha das autoras do informe. “Os salarios das mulleres e dos homes tamén tenden a ser inferiores nas empresas e as profesións cunha forza de traballo predominantemente feminina. Por tanto, a fin de reducir as disparidades de retribución por razón de xénero é necesario facer máis para garantir a igualdade de remuneración entre homes e mulleres, e para rectificar a infravaloración do traballo das mulleres”.

Outro factor que ten un peso nas disparidades de remuneración por razón de xénero é a maternidade. O informe mostra que as mulleres con fillos xeralmente perciben salarios inferiores aos das mulleres que non teñen fillos. Isto pode estar relacionado con múltiples factores, como as interrupcións na carreira profesional, a redución do horario de traballo, traballos que permiten conciliar a vida profesional e a familiar con salarios máis baixos ou decisións estereotipadas sobre os ascensos a nivel empresa.

Segundo o informe, unha distribución máis equitativa das responsabilidades familiares entre homes e mulleres en moitos casos permitiría que as mulleres tomasen decisións profesionais diferentes.

Sorprendentemente, a evidencia mostra que aínda antes da maternidade as mulleres enfrontan unha desigualdade de remuneración. Isto indica que é necesario combater os estereotipos e a discriminación desde o seu ingreso ao mercado de traballo.

Ligazón ao resumo do Informe Mundial sobre Salarios 2018/19

Ligazón ao Informe completo en inglés

Fonte: ilo.org

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS