Influenza dos disruptores endocrinos durante o embarazo19-12-2016 - HixieneUn traballo realizado por investigadoras do Instituto de Saúde Global de Barcelona (ISGlobal) e publicado en Environmental Health Perspectives, amosa a relación entre a exposición a disruptores endocrinos no posto de traballo e o incremento do risco de baixo peso ao nacer. Neste proxecto analizáronse datos de 131.279 mulleres embarazadas en situación laboral activa pertencentes a 13 cohortes de nacemento europeas. Entre os achados do estudo atopamos que un 11% das participantes tiñan traballos clasificados como posible ou probablemente expostos aos disruptores endocrinos. | ![]() |
|---|
Entre as mulleres con traballos clasificados como expostos a un ou máis grupos de disruptores endocrinos obsérvase que tiñan un 25% máis de risco de dar a luz a termo a un bebé con baixo peso, sendo este risco maior canto maior era o número de grupos de disruptores endocrinos aos que as mulleres estaban expostas nos seus traballos.
Porén no que se atinxe a nacementos prematuros, o estudo non achou asociación significativa coa exposición a ningún dos grupos de disruptores endocrinos estudados.
En relación ás profesións estudadas, perruqueiras e as traballadoras do sector agrario foron clasificadas como expostas simultaneamente a polo menos catro destes grupos químicos, entre os que figuran os ftalatos, "significativamente asociados" con baixo peso ao nacer.
"Estes achados deberían ir seguidos dun estudo das consecuencias para a saúde a través da nenez, así como de investigacións que se centren nas profesións expostas a múltiples disruptores endocrinos", conclúen as investigadoras.