Financiado por:
/ Portada / Delegados

Fukushima: cinco anos despois do accidente nuclear

01-04-2016 - SAÚDE

Logo do desastre natural que causou o accidente nuclear na central de Fukushima foron evacuadas unhas 160.000 persoas que vivían nun radio de 20 quilómetros. A gran maioría aínda segue lonxe dos territorios contaminados. Pouco a pouco o goberno levanta a prohibición de poboar zonas próximas ao accidente; poucas son as familias que regresan: segundo un estudo da Axencia xaponesa para a reconstrución, menos dun 20% dos desprazados queren volver e moitos xa refixeron a súa vida noutros lugares.

A pesares dos esforzos económicos realizados tendentes á descontaminación das áreas afectadas, nalgúns lugares unicamente se teñen acadado niveis de recuperación do 40 por cento. O goberno nipón ten previsto rematar a descontaminación para o ano 2021. O procedemento de descontaminación baséase en remover, substituír ou lavar con chorros de auga a presión a terra contaminada; segundo a Axencia xaponesa para a enerxía nuclear, estas técnicas reducirán aproximadamente un 70% a radiación presente.

Pero que sucede cos residuos do accidente e os que se xeran nas tarefas de descontaminación? -Almacenados nos campos da zona, hai máis de 19 millóns de metros cúbicos de chan contaminado dentro de bolsas de plástico; debido ás inundacións do ano pasado máis de 700 destas bolsas foron desprazadas dos lugares de almacenamento e remataron en ríos a varios quilómetros de distancia-. Os centos de toneladas de material contaminado da central, os 1,4 millóns de toneladas de auga, empregados en refrixerar o combustible fundido na central, almacenada en tanques (que xa sufriron filtracións contaminando o mar), o combustible nuclear fundido que queda nos tanques de contención dentro dos reactores,…?  Xapón non conta con vertedoiros para residuos nucleares e o goberno non atopa solucións viables para todos estos residuos.

As consecuencias para a saúde das persoas e as ecolóxicas son evidentes: incremento de enfermidades diversas, como o cancro, así como estudos realizados na flora e fauna da zona afectada que detectaron mutacións xenéticas en bolboretas, descensos de poboación en varias especies de paxaros, altas concentracións de cesio en peixes,…

Agora, tres responsables da compañía que xestionaba a central de Fukushima serán xulgados por un presunto delito de neglixencia. Segundo se alertaba nun informe presentado dous anos antes do accidente e  ignorado pola dirección da central, ésta debería ter tomado medidas de precaución para evitar un accidente en caso dun hipotético tsunami. As investigacións posteriores ao accidente, poñen de manisfesto o exceso de confianza da empresa Tepco, que alardeaba de recortes en seguridade, ignoraba estudos sobre o estado das instalacións e eliminaba grabacións que amosaban defectos nas mesmas. Tamén queda en tea de xuízo  a xestión do accidente: a empresa vén de admitir que tardou dous meses en recoñecer que se produciran fusións en tres reactores porque os operarios ignoraban que estas se producían cando o dano no combustible superaba o 5%, segundo se estipulaba no manual de emerxencia.

Logo do accidente de Fukushima os 51 reactores nucleares de Xapón foron apagados de xeito gradual ata maio de 2012; o cambio no goberno de Xapón, que estima que as centrais son imprescindibles nun territorio que carece de recursos naturais, deu un paso atrás no apagón nuclear, dando orde de comezar no 2015 o reinicio escalonado das centrais que o goberno considera seguras.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS