Financiado por:
/ Portada / Delegados

Explosión dunha planta de fertilizantes en Texas

22-04-2013 - SEGURIDADE

Unha forte explosión nunha fábrica de fertilizante en Texas causou un número indeterminado de mortos e máis dun centenar de feridos. O lume estendeuse e danou e mesmo destruíu uns 60 edificios adxacentes.

As autoridades investigan as causas da explosión nunha planta de fertilizantes na localidade texana de West. O seu alcalde anunciou que polo menos 35 persoas faleceran na explosión da fábrica de aboamento de West.

As autoridades recibiran en varias ocasións queixas dos veciños polo olor a amoníaco que se desprendía dos depósitos. Pero o plan de prevención de risco aprobado en 2011 dicía que a fábrica era segura e non consideraba a posibilidade dunha explosión.

As autoridades aínda non encontraron os cadáveres de todos os falecidos. Pero esperan encontrar polo menos 35 corpos. Dez deles pertencen a bombeiros voluntarios e a membros dos servizos de emerxencia. Os demais mortos son persoas que residían nas catro mazás xunto á fábrica destruída pola detonación.

Os depósitos da fábrica contiñan unhas 24 toneladas de amoníaco puro en estado líquido. Unha substancia que a fábrica mesturaba e distribuía entre agricultores locais que a usan como aboamento nos seus cultivos de cereal.

O complexo químico estaba situado ao pé da autoestrada I-35 e moi preto dunha escola, un bloque de 50 apartamentos e unha residencia onde viven 133 anciáns. Un extremo que orixinou protestas ocasionais dos veciños, que percibían a miúdo o olor penetrante do amoníaco e temían dende hai anos pola súa seguridade.

Os expertos pensan que a orixe da explosión foi o amoníaco que a fábrica de fertilizantes de West almacenaba en dous depósitos idénticos para os que só solicitou o permiso necesario despois de que as autoridades detectasen que operaban sen autorización.

A fábrica é propiedade da empresa Texas Grain Storage. Apenas ten sete empregados e naceu como un silo en 1957. Uns anos despois, a compañía instalou unha pequena fábrica de aboamento para abastecer os agricultores do condado e logo construíu os depósitos que foron presa da deflagración.

O plan de seguridade presentado pola empresa en 2011 dicía que a fábrica non tiña alarmas, devasas ou sistema de apagamento automático. Detalles que segundo os expertos poderían ter axudado a limitar o impacto dun accidente. A compañía asegurou entón que o maior perigo que corría a fábrica era sufrir un escape de amoníaco e non fixo ningunha referencia á posibilidade dunha explosión.

Expertos consultados citaban dous posibles motivos para o estalido dos depósitos de amoníaco. O primeiro sería unha reacción química do amoníaco líquido co osíxeno do aire, unha partícula de po ou unha substancia inflamable como o gas natural. O segundo apuntaría a unha explosión mecánica producida pola rotura dun dos depósitos onde se almacena o amoníaco. Un extremo que pode acontecer por un escape ou como froito dun incendio que quente o contido do depósito ata converter o amoníaco líquido en gas.

"O amoníaco é un gas a temperatura ambiente pero para aforrar espazo as empresas almacénano en estado líquido e a presión. Ao cambiar de estado dunha forma brusca, dispárase a presión interior do depósito e este a miúdo rebenta provocando a explosión".

A explosión iluminou o ceo de Texas sete minutos antes as oito da tarde e dúas horas despois de que se declarase o incendio preliminar. O estalido escoitouse con nitidez nun radio duns 130 quilómetros á redonda e deixou pegada nos sismógrafos de Texas, que reflectiron un tremor de máis de dous graos na escala de Richter xusto despois do instante da detonación. "Foi coma se explotase unha bomba nuclear", dicía un veciño de madrugada a un reporteiro televisivo mentres se afanaba por encontrar un familiar.

Centos de veciños salvaron a vida grazas á intervención dos bombeiros, que evacuaron a residencia de anciáns e os demais edificios lindantes uns minutos antes da detonación.

Os servizos de emerxencia afanábanse por encontrar posibles superviventes entre os entullos das veciñanzas máis afectadas. Tamén a un puñado de bombeiros que permanecían desaparecidos.

 

Elmundo.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS