Financiado por:
/ Portada / Delegados

En vigor o novo sistema de sancións en materia de seguridade e saúde laboral no Reino Unido, que ten en consideración a capacidade económica da empresa á hora de fixar a cuantía económica da sanción.

24-05-2016 - Saúde laboral

No Reino Unido non existen sancións administrativas por infraccións de seguridade e saúde. Son os tribunais os que estabelecen as sancións que estiman oportunas atendendo á lei que se vulnera en cada caso. A partir do 1 de febreiro de 2016, entraron en vigor unhas novas directrices a aplicar nas sentenzas relativas a delitos de seguridade e saúde. Segundo estas directrices, na sentenza terase en consideración en primeiro lugar a gravidade do dano (real ou potencial) e a probabilidade de dano (que se divide nunha serie niveis dentro de cada categoría). A continuación terase en conta o volume de negocios da empresa, o que permitirá estabelecer multas dunha cuantía o suficientemente importante para que invite á reflexión aos directivos e accionistas da empresa.

Aínda que este novo procedemento está nas primeiras etapas de aplicación, xa se fixo público algún caso como o da compañía ConocoPhillips, que foi a primeira en ser procesada e condeada baixo estas novas directrices. Esta empresa, cunha facturación de 4,8 mil millóns £ (uns 6.000 millóns de euros), foi declarada culpable de tres infraccións de normas de saúde e seguridade por unha serie de emisións incontroladas de gases nunha das súas instalacións pretroleras en alta mar.
Logo de ser detectadas as emisións, e debido a un erro de comunicación, varios traballadores foron enviados a investigar o incidente mentres aínda había gas inflamable nunha concentración perigosa; aínda que ninguén chegou realmente a lesionarse, o xuíz considerou que o risco de morte ou de dano grave sería extremadamente alto no caso de que se producira a ignición do gas. Así mesmo, constatouse que aínda que a compañía tiña procedementos de control instalados, existía unha deficiente identificación e control dos riscos. 

Tras aplicar as novas directrices, o tribunal considerou que este era un caso extremo en canto á gravidade potencial do dano e de alta probabilidade de dano, adxudicando un nivel de culpabilidade "medio" e unha multa de 3 millóns de libras (sobre 3,6 millóns de euros). Con estas cifras parece que, sobre todo as grandes empresas, procurarán realizar maiores esforzos en materia preventiva.

Ligazón ao texto das novas directrices (en inglés)


Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS