Financiado por:
/ Portada / Delegados

Electrosensibilidade como consecuencia dun accidente laboral

05-04-2019 - SENTENZA

A Sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Aragón ratificou a sentenza 203/2018, do 29 de xuño de 2018, do Xulgado do Social Número 1 de Zaragoza, na que se determinaba que a electrohipersensibilidade padecida por un traballador da entidade Endesa tiña a súa orixe na súa actividade laboral, polo que as incapacidades temporais deste empregado deben ser consideradas como accidente de traballo.

O demandante presta servizos como técnico superior de telecomunicacións en Endesa, onde “realiza tarefas consistentes en controlar, coordinar, e xestionar as actividades dos sistemas, as redes de telecomunicacións e os equipos asociados ás mesmas”, establece a sentenza. Dende o ano 2008, o actor prestaba os seus servizos para a demandada no centro de traballo de Argualas, en Zaragoza, e en novembro de 2011 foi asignado ao centro de traballo en Aznar Molina, na mesma cidade.

No ano 2009, o demandante “comezou a presentar sensación de parestesias en pés e mans, prurito xeneralizado e fatiga persistente, asociando así mesmo acúfenos e dor perianal-testicular”. Non foi ata 2014 cando se lle diagnosticou de electrohipersensibilidade.

Así, tras solicitar administrativamente o cambio de enfermidade común a accidente de traballo das súas incapacidades temporais, o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) resolveu que ditas incapacidades debían ser consideradas como continxencias comúns, polo que o empregado interpuxo demanda para solicitar o devandito cambio a través do Xulgado do Social mencionado, o cal estimou o seu requirimento.

Despois da sentenza do 29 de xuño de 2018, as empresas demandadas, en concreto Endesa, a mutua Muprespa e Enel Iberoamérica, interpuxeron recursos ante o Tribunal Superior de Xustiza de Aragón, o cal denegou ditas reclamacións e ratificou a ditada sentenza.

A sentenza é a terceira en España que considera que a enfermidade foi causada pola excesiva exposición electromagnética do traballador, segundo informou a Asociación Independente para Defender a Saúde (Asides). Segundo a asociación, en 2016 un enxeñeiro de telecomunicacións conseguiu que o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid declarase que a súa electrosensibilidade era causa de incapacidade laboral, do mesmo xeito que o lograba en 2017 unha traballadora da Universidade de Murcia.

Membros da comunidade científica levan tempo denunciando que os crecentes niveis de contaminación electromagnética supoñen un risco para a saúde e que as institucións de protección radiolóxica están a ser influídas polas compañías de telecomunicacións.

Ligazón á Sentenza primeira instancia

Ligazón á Sentenza TSX de Aragón

Fonte: Actasanitaria e Finanzas

 

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS