Financiado por:
/ Portada / Delegados

Condenan a unha empresa a indemnizar a unha profesora por acoso laboral

03-12-2012 - PSICOSOCIAL

O titular do Xulgado do Social 1, Alejandro Gracia Lafaja, acaba de ditar unha sentenza pola que condena á empresa Vangarda e Movemento e Tecnoloxía Galega a indemnizar unha profesora de inglés coa suma 12.502 euros por acoso laboral. O xuíz declara vulnerada a garantía de indemnidade do artigo 24 da Constitución.

Na sentenza considérase probado que María del Carmen Vázquez Fernández de Betoño, representada nesta demanda pola avogada Emma González, prestou servizos a tempo parcial dende 2006 para a empresa Vangarda e Movemento e Tecnoloxía Galega como profesora de inglés, impartindo clases ao persoal da Armada na Esengra e a Esepa.

No mes de xullo de 2008 interpuxo unha demanda contra a empresa por cesión ilegal, que foi desestimada, e en novembro do mesmo ano foi obxecto dun despedimento disciplinario, declarado nulo polo xulgado.

Despois de incorporarse ao traballo, en marzo de 2009 iniciou un proceso de incapacidade temporal por estrés e síndrome ansiosa depresiva por acoso laboral. O proceso de incapacitación temporal foi declarado por sentenza en novembro de 2010 como continxencia de accidente de traballo, en atención á ausencia de antecedentes médicos psiquiátricos e á situación de conflitividade evidenciada a raíz da demanda de cesión ilegal.

Tras serlle denegada a incapacidade permanente, a traballadora reincorporouse ao seu posto, pero modificáronselle os horarios. En novembro de 2010, presentou denuncia na Inspección de Traballo por infracotización e constatouse que a empresa cotizaba por ela á Seguridade Social por bases inferiores ás que lle correspondían, cuestión que foi emendada.

En xuño de 2011 volveu estar de baixa laboral por síndrome depresiva e ao mes seguinte foi sancionada con suspensión de emprego e soldo por infrinxir as normas de protección de datos, se ben a sanción foi revogada na súa totalidade.

En agosto de 2011 foi despedida de novo e o xulgado declarou a improcedencia deste.

 

Fonte: diariodeferrol.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS