Financiado por:
/ Portada / Delegados

Condenados cinco empresarios pola morte dun obreiro que caeu de 4 metros

18-10-2013 - ACCIDENTE LABORAL

Un xulgado de Palma condenou a cinco empresarios do sector da construción a un ano de prisión por un grave accidente laboral acontecido no verán de 2006 nun chalé en obras en Bendinat (Calvià) no que un obreiro sufriu unha caída dende catro metros de altura que lle custou a vida.

A vítima, un oficial de primeira de 49 anos, faleceu no hospital de Son Dureta pouco despois de ingresar en estado crítico. O operario precipitouse por un oco dende o primeiro piso ao chan da planta baixa da vivenda. Sufriu graves lesións como un traumatismo cranioencefálico e torácico que lle produciron a morte.

O burato non contaba coas medidas de protección e de seguridade pertinentes. Ademais, segundo o fiscal, non se utilizaron arneses ante o risco de caída, xa que non estaban a disposición dos empregados e tampouco existía un punto de ancoraxe fixa.

Os cinco imputados, dous construtores, dous promotores e un contratista dunha empresa de carpintaría, aceptaron onte ante o maxistrado do xulgado do penal 4 de Palma, Juan Manuel Sobrino, penas que suman un ano de cárcere por un homicidio imprudente e un delito contra os dereitos dos traballadores. Esta condena substitúese por unha multa. Ademais, os cinco empresarios foron inhabilitados para desempeñar a súa profesión durante o tempo da condena.

O xuíz apreciou as circunstancias atenuantes de dilacións indebidas, xa que o sinistro se produciu en 2006, e a de reparación do dano, xa que os familiares do falecido xa foron indemnizados.

Os feitos tiveron lugar o 7 de xullo de 2006 nun chalé en obras, situado na avenida Mallorca de Bendinat, en Calvià. Sobre as doce do mediodía, dous traballadores estaban sobre unha plataforma metálica de traballo e uns taboleiros, enriba dun oco, para observar a perspectiva da tarefa realizada, que consistía no revestimento con pranchas de madeira do oco do ascensor. Un dos operarios, de 49 anos, deu uns pasos atrás para mirar mellor o traballo efectuado, de costas a unha zona que quedara desprotexida. Así, precipitouse por un oco á planta baixa dende 4,20 metros de altura. Tras as graves lesións sufridas na caída, a vítima morreu. Os traballadores anteriormente desmontaran uns valos de seguridade para poder traballar no lugar.

 

Preventionworld.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS