Financiado por:
/ Portada / Delegados

Condena de 2 anos ao propietario dunha empresa polo incendio no que morreu unha traballadora

16-10-2014 - ACCIDENTE LABORAL

O propietario dunha empresa de elaboración de patacas fritas foi condenado a dous anos de cárcere por un delito contra os dereitos dos traballadores e outro de homicidio por imprudencia grave, polo incendio no que morreu unha traballadora, en setembro de 2010.

Nos feitos probados, indícase que na empresa un dos riscos máis graves é a posibilidade de incendio. De feito, en 2007, un servizo de prevención, alertou do "risco de incendio cualificándose como alto, probable e grave, facéndose recomendacións expresas a cumprir co Regulamento de Seguridade contra incendios industriais (RD2267/04 do 3 de Decembro) e a sinalizar convenientemente os medios de protección de utilización manual".

Xa antes, no 2004, outro servizo de prevención, reclamoulles que nomeasen un xefe de emerxencia, sen que se nomease, nin se houbera dotado de "equipos de primeira intervención ou alarma e evacuación, nin que se tivese realizado nunca un simulacro de incendio". Ademais, os traballadores apenas tiñan formación nesta materia.

Posteriormente, o ano do incendio, en 2010, o acusado como administrador da empresa, se encargou de realizar os traballos de substitución da cheminea da frixideira, "sen solicitar que se fixese estudo técnico de ningunha clase, nin encargou a ningún enxeñeiro que supervisase os traballos de construción e instalación da nova cheminea, senón que asumiu persoalmente a dirección dos traballos de substitución daquela".

Máis tarde, "como consecuencia directa da falta de illamento eficaz na cheminea que evacúa os fumes do establecemento de frituras do obradoiro, produciuse unha combustión, xerándose rapidamente chamas e gran cantidade de fume".

Minutos antes, a traballadora falecida, subira aos aseos, permanecendo no interior mentres o lume se estendía, allea por completo aos intentos dalgúns traballadores para apagar as chamas, sen que -coa ausencia de previsión xa antes indicada- se fixese soar ningunha alarma ou serea que puidese ser oída no contorno da fábrica". Cando a traballadora "tratou de saír, o fume e as chamas impedíronllo falecendo minutos despois por asfixia".

 

Fonte: prevention-world.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS