Financiado por:
/ Portada / Delegados

Campos electromagnéticos e saúde: teléfonos móbiles

10-11-2014 - HIXIENE

Nos dous últimos decenios realizouse un gran número de estudos para determinar se os teléfonos móbiles poden causar riscos para a saúde. Ata a data non se confirmou que o uso do teléfono móbil teña efectos prexudiciais para a saúde.

O uso de teléfonos móbiles universalizouse: no mundo hai uns 6.900 millóns de contratos de telefonía móbil.

O Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro clasificou os campos electromagnéticos producidos polos teléfonos móbiles como posiblemente carcinóxeno para os seres humanos.

Hai estudos en curso para analizar máis a fondo os posibles efectos a longo prazo do uso dos teléfonos móbiles.

En 2016, a OMS realizará unha avaliación formal dos riscos a partir de todos os resultados de saúde estudados en relación con campos de radiofrecuencias.

Efectos a curto prazo

A principal consecuencia da interacción entre a enerxía radioeléctrica e o corpo humano é o quentamento dos tecidos. No caso das frecuencias utilizadas polos teléfonos móbiles, a maior parte da enerxía é absorbida pola pel e outros tecidos superficiais, de modo que o aumento de temperatura no cerebro ou noutros órganos do corpo é insignificante.

En varios estudos investigáronse os efectos dos campos de radiofrecuencia na actividade eléctrica cerebral, a función cognitiva, o sono, o ritmo cardíaco e a presión arterial en voluntarios. Ata a data, eses estudos parecen indicar que non hai probas fidedignas de que a exposición a campos de radiofrecuencia de nivel inferior aos que provocan o quentamento dos tecidos teña efectos prexudiciais para a saúde.

Ademais, tampouco se conseguiu probar que exista unha relación causal entre a exposición a campos electromagnéticos e certos síntomas notificados polos propios pacientes, fenómeno coñecido como «hipersensibilidade electromagnética».

Efectos a longo prazo

As investigacións epidemiolóxicas para analizar os posibles riscos a longo prazo derivados da exposición ás radiofrecuencias centráronse sobre todo en achar un nexo entre os tumores cerebrais e o uso de teléfonos móbiles. Non obstante, dado que numerosos tipos de cancro non son detectables ata moitos anos despois do contacto que puido provocar o tumor e o uso dos teléfonos móbiles non se xeneralizou ata principios do decenio de 1990, a día de hoxe nos estudos epidemiolóxicos só poden analizarse os tipos de cancro que se manifestan nun prazo máis breve. Aínda así, os resultados de estudos realizados con animais coinciden en que a exposición a longo prazo a campos de radiofrecuencias non aumenta o risco de contraer cancro.

Realizáronse ou están en curso varios estudos epidemiolóxicos multinacionais de grande envergadura, entre eles estudos de casos e testemuñas e estudos prospectivos de cohortes, nos que se examinaron varios criterios de valoración en adultos. O maior estudo retrospectivo de casos e testemuñas en adultos realizado ata a data, coñecido como INTERPHONE, coordinado polo Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro (CIIC), ideouse para determinar se había vínculos entre o uso dos teléfonos móbiles e o cancro de cabeza e colo en adultos.

A análise dos datos internacionais combinados procedentes de 13 países participantes non revelou un aumento do risco de glioma nin meningioma co uso do teléfono móbil durante máis de 10 anos. Hai certos indicios dun aumento do risco de glioma nas persoas que se achaban no 10% máis alto de horas acumuladas de uso do móbil, aínda que non se observou unha tendencia uniforme de aumento do risco co maior tempo de uso. Os investigadores sinalaron que os sesgos e erros limitan a solidez destas conclusións e impiden facer unha interpretación causal. Baseándose en boa parte nestes datos, o CIIC clasificou os campos electromagnéticos de radiofrecuencia como posiblemente carcinóxeno para os seres humanos (grupo 2B), categoría que se utiliza cando se considera que unha asociación causal é crible, pero o azar, os sesgos ou os factores de confusión non poden descartarse cunha confianza razoable.

Se ben os datos obtidos no estudo INTERPHONE non indican un aumento do risco de sufrir tumores cerebrais, o uso cada vez maior do teléfono móbil e a falta de datos referentes á súa utilización por períodos de máis de 15 anos fan evidente a necesidade de seguir investigando a relación do uso deste aparato co risco de contraer cancro cerebral. En concreto, dada a recente popularidade dos teléfonos móbiles entre os mozos e, por conseguinte, a posibilidade dunha exposición máis prolongada ao longo da vida, a OMS impulsou que se afonden as investigacións neste grupo de poboación. Nestes momentos, estanse a levar a cabo diversos estudos que investigan os posibles efectos sobre a saúde de nenos e adolescentes.

 

Fonte: OMS

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS