Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

Campaña Europea de Avaliación de Riscos Psicosociais no Traballo.

21-02-2012 - PSICOSOCIAL

A Unión Europea, a través do Comité de Altos Responsables da Inspección de Traballo (Committee of Senior Labour Inspectors, SLIC), puxo en marcha unha campaña europea de inspección de riscos psicosociais no traballo, que se realizará ao longo do presente ano.

A través deste proxecto innovador, o SLIC pretende chamar a atención sobre a presenza destes riscos na contorna laboral, cuxa incidencia vai en aumento. Para iso, realizarase unha campaña de avaliación en todos os Estados membros, incluída España, a diferentes empresas e servizos, públicos e privados, pertencentes aos sectores de asistencia sanitaria, traballo social, servizos (hoteis e restaurantes) e transporte de mercadorías, dado que estes sectores produtivos adoitan ser os máis afectados pola presenza destes problemas.

 Os riscos psicosociais, que fan referencia ao acoso psicolóxico, á tensión laboral, ao traballo por quendas, á elevada carga de traballo, á realización de tarefas monótonas, á falta de claridade nas funcións e tarefas entre os traballadores, ou aos problemas de comunicación, entre outros, constitúen o principal problema de saúde laboral en todo o mundo. A súa presenza supón un elevado custo, tanto para as empresas e organizacións como para os propios traballadores, en termos de diminución da produtividade, aumento do absentismo laboral, maior rotación de persoal, incremento dos accidentes laborais motivados por falta de comunicación, coordinación ou adaptación dos traballadores e prevalencia de problemas de saúde mental, trastornos do soño ou outras enfermidades físicas.

 A pesar da súa incidencia e das graves repercusións que supoñen, non existe unha estratexia planificada e coordinada a nivel mundial para facerlles fronte. Por este motivo, o principal obxectivo desta campaña europea é conseguir que se incorpore de maneira sistemática a avaliación dos riscos psicosociais en todas as empresas e organizacións, así como impulsar a adopción de medidas preventivas e de control destes riscos na contorna laboral.

 Para a realización desta campaña, o Comité de Altos Responsables da Inspección de Traballo desenvolveu un conxunto de ferramentas de inspección específicicas para a avaliación de riscos psicosociais, que se compón dos seguintes materiais:

 Unha guía para os inspectores de traballo.

Un folleto informativo sobre avaliación de riscos psicosociais no traballo.

Unha lista de verificación de tensión laboral.

Un modelo de guía para a análise das avaliacións de riscos psicosociais.

Unha guía de entrevista de avaliación de riscos psicosociais en contextos hospitalarios.

Unha guía de entrevista de avaliación de riscos psicosociais en hoteis e restaurantes.

Unha guía de entrevista de avaliación de riscos psicosociais no sector de transporte de mercadorías.

Unha enquisa sobre riscos psicosociais a encher polos empregados.

 

Fonte de Datos: Consello Xeral de Colexios Oficiais de Psicólogos.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS