Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

Cada día detéctanse no Estado español máis de 1.000 casos de fraude laboral

27-07-2021 - INSPECCIÓN DE TRABALLO

A Inspección de Traballo está a detectar cada día no Estado español ao redor de 1.000 casos de fraude nos contratos ou de pura explotación laboral. Os problemas máis recorrentes son a duración das xornadas laborais por enriba do que marca a lei e a remuneración por baixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI).

Nos primeiros 3 meses do ano, 79.729 persoas traballadoras con contratos eventuais foron convertidas en indefinidas, despois da intervención da Inspección de Traballo, segundo datos que facilitou o Goberno do Estado.

Isto supón unha cifra de 855 casos de contratos eventuais fraudulentos ao día se se ten en conta o período entre xaneiro e marzo de 2021, aínda que a cifra podería ser maior, segundo desvela Público, xa que aínda hai decenas de denuncias que se atopan en fase de trámite e que poden resolverse en contra das empresas.

Mais a fraude no tipo de contrato non é o único que presenta un alto volume de denuncias e comunicacións por parte da Inspección de Traballo da Seguridade Social. Outro aspecto preocupante é o do incumprimento da xornada laboral.

Segundo datos do Ministerio de Traballo, entre xaneiro e marzo de 2021 denunciáronse a 1.556 empresas que fixeron trampa co sistema de rexistro da xornada laboral, que é de obrigado cumprimento dende maio de 2019. A media de fraude detectada nestes casos é de 13 empresas ao día.

Outro caso que chama a atención é o das persoas que traballan como empregadas do fogar. O Ministerio de Traballo iniciou unha campaña a comezos de 2021 para regularizar a situación destas profesionais. O resultado foi tallante: atopáronse 28.904 traballadoras que cobran por baixo do SMI, xa que os seus empregadores/as remuneran menos horas das que en realidade fan, segundo aclara o Goberno noutra resposta ao mesmo parlamentario no Senado.

Estas infraccións son sancionadas cunha multa de 6.000 euros aos empregadores/as, que son os responsables de regularizar o soldo e as cotizacións das asistentes do fogar. Cada día detéctanse ao redor de 300 casos desta fraude.

En total, todas estas situacións irregulares suman máis de 1.000 casos diarios se se ten en conta o primeiro trimestre de 2021.

Fonte:  Businessinsider

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS