Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

CIG, CCOO e UGT denuncian que a supresión do rango de dirección xeral do ISSGA é un “mazazo” para a prevención

20-12-2012 - Témese que sexa o inicio do control absoluto do Instituto por parte da consellaría de Traballo e alertan de que baixar a garda en prevención vai repuntar a sinistralidade

O ISSGA foi creado ao abeiro do diálogo social en febreiro de 2007, derrogando así o antigo IGASEL, organismo no que as centrais sindicais máis representativas non participaron, pois tiñan atribuído o papel de "meras comparsas", xa que na comisión consultiva non se recollían as súas funcións.

Créase o ISSGA como organismo autónomo e configúrase como órgano técnico en materia de prevención de riscos laborais. Goza de personalidade xurídica propia, autonomía funcional e plena capacidade de obrar.

É evidente que todo isto pérdese ao amparo da decisión adoptada polo Consello da Xunta o pasado día 5.

Tamén resulta destacable que se estabelecía que a dirección do Instituto se elixía previa proposta da titular da Consellaría de Traballo, pero logo da consulta coas organizacións representadas no consello.

E que o artigo 6 da Lei 14/2007 do 30 de outubro, polo se crea e regula o ISSGA, recolle que á Dirección do Instituto lle corresponde cargo de director ou directora xeral. Isto evidencia que coa decisión do día 5 ignoran un dos artigos básicos da propia Lei.

Ademais, as tres organizacións sindicais desconfían de que detrás desta decisión existe un intento de control de todas as políticas preventivas por parte da Consellería de Traballo e, polo tanto, a máxima politización das políticas preventivas no eido laboral.

Unha das vertentes máis importantes desta medida é que supón unha baixada da garda en materia de prevención e, probabelmente, en vindeiras datas, un incremento e repunte da sinistralidade laboral. Máis feridos, máis falecementos e maiores custes para a sociedade, tanto en termos económicos, como en custes de carácter social para as familias e afectados.

Os tres sindicatos xa viñan advertindo nestas últimas datas que a crise non podía utilizarse como escusa para reducir os investimentos en materia de prevención porque isto suporía unha volta cara atrás inadmisible. Pero parece que o Goberno da Xunta carece da sensibilidade necesaria para percatarse desta crúa realidade.

UGT, CCOO e CIG fan un chamamento á reconsideración desta medida en aras de que a prevención sexa un obxectivo prioritario da Administración galega.

 

Fonte: www.galizacig.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS