Financiado por:
/ Portada / Delegados

Bayer pagará 10.900 millóns de dólares para pechar as demandas polo glifosato

15-09-2020 - SAÚDE

O grupo químico e farmacéutico alemán Bayer tiña pendente un xuízo con 125.000 estadounidenses que reclamaban indemnización, despois de que en varios xuízos nese país fose probado por peritos que o herbicida glifosato, comercializado baixo a marca Roundup, é un produto canceríxeno.

Para evitar ir a xuízo, e nun momento no que as relacións entre Estados Unidos e Alemaña pasan polo seu peor momento dende a II Guerra Mundial, a empresa chegou a un acordo cos demandantes polo que pagará unha indemnización conxunta de máis de 10.900 millóns de dólares para poñer fin ao proceso. De acordo coa cadea pública de televisión alemá ARD, que cita fontes da empresa, o acordo resolve unhas tres cuartas partes das máis de 125.000 reclamacións presentadas, das cales só unha parte estaba xudicializada.

Dos 10.900 millóns que Bayer comprométese a pagar, unha partida de 1.250 millóns está reservada para litixios que poidan xurdir no futuro, debido a que aínda quedan aproximadamente 30.000 casos sen resolver, segundo calculan os medios alemáns.

Bayer contaba co veredicto da Axencia de Protección Ambiental de EEUU (EPA), que considera o glifosato seguro e sostén que non constitúe un risco para a saúde pública, pero varios tribunais consideraron xa probada a correlación entre o uso de glifosato e varios casos de cancro, polo que os avogados de Bayer oteaban un resultado incerto das demandas

«É o paso adecuado no momento adecuado para poñer fin á incerteza por un longo período de tempo», declarou o xefe do consorcio, Werner Baumann, que pecha así o peor negocio da historia da empresa, despois de comprar en 2018 por 60.000 millóns de dólares a empresa creadora do glifosato, Monsanto.

Fonte: Expansion

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS