Financiado por:
/ Portada / Delegados

Aumenta o risco de cancro na zona do accidente de Fukushima

06-03-2013 - SAÚDE

A Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu este xoves de que existe un maior risco de padecer algúns tipos de cancro entre os xaponeses que se viron máis afectados polo accidente nuclear de Fukushima en marzo de 2011, se ben o risco para a saúde da poboación nipoa en xeral e da mundial no seu conxunto é mínimo.

A axencia da ONU publicou un informe realizado por expertos internacionais sobre os riscos para a saúde vinculados pola traxedia de Fukushima, provocada polo terremoto e posterior tsunami que afectou a esta rexión xaponesa o 11 de marzo de 2011.

Estes expertos chegaron á conclusión de que para a poboación en xeral, tanto en Xapón coma no resto do mundo, os riscos que se predín para a saúde "son baixos e non se observaron incrementos nas cifras de cancro por enriba do normal".

Non obstante, "o risco estimado para algúns cancros específicos en certos estratos da poboación da prefectura de Fukushima aumentou", de aí que sexa necesario "vixilancia continuada a longo prazo e revisións médicas destas persoas".

A directora de Saúde Pública e Medioambiente da OMS, Maria Neira, explicou que "a desagregación dos datos sobre a base da idade, o sexo e a proximidade coa central nuclear mostra un maior risco de cancro para as persoas que residen nas zonas máis contaminadas". Fóra delas, mesmo dentro da prefectura de Fukushima," non se prevén incrementos da incidencia do cancro, precisou.

Así, segundo a OMS, prevese un 4% máis de todos os cancros en órganos entre as mulleres que se viron expostas cando eran nenas, as cales tamén terán un 6% máis de risco de contraer cancro de peito.

Este grupo de poboación terá tamén un 70% máis de probabilidades de contraer cancro de tiroide -normalmente o risco deste tipo de cancro é dun 0,75%-. En canto aos homes que se viron expostos ao accidente nuclear na súa infancia, terán un 7% máis de risco de contraer leucemia.

Traballadores de Fukushima

En canto aos traballadores dos servizos de emerxencia que traballaron na central tras a traxedia, estímase que "uns dous terzos" deles teñen risco de contraer cancro coas mesmas probabilidades que o resto da poboación, mentres que o terzo restante ten un maior risco.

Por outra parte, o informe, que consta de 200 páxinas, sinala que non se prevé un aumento do número de abortos, partos de nenos mortos e outros problemas mentais e físicos que poden afectar a recén nacidos tras o accidente debido á radiación.

Así mesmo, os expertos tamén analizaron o impacto psicosocial que podería ter sobre a saúde e o benestar o accidente nuclear. Neste sentido, a OMS incidiu en que este aspecto non debe ignorarse no marco da resposta global.

Segundo Neira, "é necesaria unha vixilancia sanitaria a longo prazo das persoas con maior risco, así como que se preste o seguimento médico necesario e servizos de apoio".

"Ademais de reforzar o apoio médico e os servicios, necesítase un seguimento ambiental, en particular dos alimentos e a auga, co fin de reducir a potencial exposición" á radiación" "no futuro", indicou pola súa banda a directora en funcións do Departamento de Seguridade Alimentaria da OMS, Angelika Tritscher.

 

Fonte: ambientum.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS