Financiado por:
/ Portada / Delegados

Aumenta a demanda sanitaria

14-01-2014 - SAÚDE

Os relatores do seminario impulsado por A Fundació Víctor Grífols i Lucas e a Sociedade Española de Saúde Pública e Administración Sanitaria (Sespas) e que co título de "Ética, crise e saúde pública" tivo lugar en Barcelona o pasado 18 de decembro coincidiron en destacar a importancia de adoptar inmediatamente medidas que eviten os efectos negativos que a crise xa está a causar na saúde da poboación.

Neste sentido, Mª José Fernández, especialista en medicina Familiar e comunitaria do Institut Català da Salut, alerta que "os cambios económicos son moi rápidos, pero que os cambios na saúde poden ser moi lentos e manifestarse ao cabo de moitos anos". Pola súa banda Ildefonso Hernández, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade Miguel Hernández, comentou que "a falta de dispoñer de análises máis consolidadas sobre os efectos que a crise está a causar na saúde da poboación, é inaprazable adoptar medidas que eviten ou amortezan estes efectos". O catedrático de Medicina considera necesarias "impulsar as políticas de emprego que permitan recobrar a esperanza e autoestima, reducir os riscos de mala saúde e mellorar o ámbito social".

Ademais, os expertos conclúen que este efecto social negativo se está a transformar en máis demanda sanitaria e está a provocar o incremento das mortes por suicidio, que superan aos accidentes de tráfico ou homicidios en Europa nos últimos anos. Nesta liña detéctase un maior número de suicidios nas zonas xeográficas españolas con maior desemprego, polo que alertan que o "estrés económico" provoca mortes evitables.

Polo que se refire ao uso dos servizos sanitarios públicos en tempos de crise, Jaume Puig, do Centre de Recerca en Economia i Salut da Universitat Pompeu Fabra (CRES-UPF), apuntou que "a crise está a ter un efecto disuasorio na utilización sanitaria das capas sociais máis desfavorecidas" e que, resulta imprescindible "prestar atención e medios aos que máis o necesitan para evitar que colectivos con mellor situación socioeconómica capturen os servizos dispoñibles tras os recortes de fondos públicos".

Pola súa banda, Begoña Román, profesora de Ética da Universitat de Barcelona, considera que os tres factores principais de risco de exclusión son a perda de estabilidade, capacidades e vínculos. Para Román, os asistentes sociais cobren estas perdas, non obstante, "o ser humano necesita de algo máis que do asistencialismo, necesita dun plan capaz de traballar as competencias, as capacidades e as habilidades das persoas".

Para minimizar os efectos negativos da crise e as súas consecuencias na deterioración da saúde, os relatores reunidos no seminario achegaron diferentes solucións. Para Hernández hai que fomentar políticas sectoriais -como a educación- que deben ir acompañadas de políticas transversais -como a de igualdade-". Pola súa banda, Antonio Casado, profesor do departamento de Filosofía dos Valores e Antropoloxía Social da Universidade do País Vasco considera que "é importante aplicar políticas de benestar, protección social e reinserción laboral para contrarrestar os efectos adversos da crise". Por último, Pablo Simón da Escuela An-daluza de Saúde Pública, apuntou algunhas das teses para mellorar a situación actual como: remoralizar a vida pública; incidir na formación dos profesionais; educar ética e moralmente á cidadanía; desmedicalizar; aumentar o investimento público en saúde e optimizar a súa xestión; diminuír o gasto sanitario hospitalario global, e aumentar o gasto público en atención primaria, saúde mental, saúde pública e no sector sociosanitario.

 

Fonte: Gaceta Médica

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS