Financiado por:
/ Portada / Delegados

As leis antitabaco apenas reduciron o consumo no ámbito laboral

06-10-2015 - SAÚDE

O último informe do Observatorio Español da Droga e as Toxicomanías sobre consumo de sustancias psicoactivas no ámbito laboral en España sinala que aínda fuman a diario un 34% dos traballadores, unha cifra similar á de 2007, cando entraron en vigor as primeiras lexislacións que restrinxiron o consumo e comezaron a realizarse este tipo de estudos.

Fúmase menos nos centros  pero aínda se segue a fumar, aínda existe un 12% de traballadores que seguen sendo fumadores pasivos, o que revela que a norma se incumpre, polo menos, nunha de cada dez ocasiones.

O último traballo, publicado hai só uns días, recolle datos referidos a 2013 e 2014 e as súas conclusións baséanse na análise de case 15.300 enquisas.

A sustancia que máis sinistralidade causa en España é o alcol, pero a máis consumida, e quizais a que máis gasto sanitario provoque, é o tabaco. Aínda fuman o 33,8% dos traballadores. A maioría dos adictos son homes, con estudos primarios ou como moito secundarios e sen parella. Os máis consumidores son os que realizan labores manuais de tipo cualificado. Fuman un de cada dez membros deste colectivo, nunha proporción lixeiramente superior á que se dá na hostalería (36,6%). Curiosamente, directivos e profesionais liberais son quen menos enganchados están (25,4%).

O informe avoga pola implantación de medidas lexislativas que permitan «manter e reforzar as intervencións orientadas ao consumo do tabaco e, en concreto ao tabaquismo pasivo naqueles sectores que continúan rexistrando cifras elevadas».

Os médicos móstranse máis preocupados polas cifras que arroxa o consumo de alcol. Un 11% dos traballadores enquisados recoñeceu que nos últimos 30 días bebeu a diario algún tipo de bebida alcohólica no seu lugar de traballo. E o que é peor: a enquisa advirte de que un 5% da poboación laboral realiza «un consumo de alcol de risco». Estes datos, cando menos, son preocupantes xa que o alcol causa sinistros laborais moi graves e representa un desafío sanitario maior que o do tabaco.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS