Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

A violencia no traballo aumenta o absentismo

05-03-2014 - PSICOSOCIAL

Segundo un informe que acaba de publicar a Fundación Europea para a Mellora das Condicións de Vida e Traballo, aproximadamente o 6% dos traballadores europeos declaran ter sufrido algunha forma de violencia no traballo, xa sexa física ou psicolóxica, nos últimos 12 meses.

En xeral, os niveis de violencia psicolóxica son superiores aos de violencia física. Dos diversos tipos de violencia psicolóxica, intimidación (bullying) ou o acoso en xeral son máis frecuentes que o acoso sexual.

En xeral, a frecuencia é comparativamente maior en Francia e os países do Benelux, mentres que os niveis son menores nos países do sur e este de Europa. As variacións entre países da exposición poden reflectir diferentes niveis de concienciación sobre o tema e a vontade de informar, ademais da frecuencia real de casos.

As diferenzas entre os distintos sectores de actividade son importantes. A exposición a todo tipo de violencia tende a concentrarse nos sectores en contacto co público por enriba da media. O nivel de violencia física e psicolóxica é especialmente elevado nos sectores de saúde e asistencia social, así como na administración pública.

Tanto a violencia física coma a psicolóxica teñen graves consecuencias para a saúde e benestar dos traballadores. Os traballadores expostos a riscos psicosociais presentan niveis significativamente máis altos de problemas de saúde relacionados co traballo que os que non o son. Os síntomas máis comúns son o estrés, problemas de sono, fatiga e depresión.

A exposición á violencia psicolóxica correlaciónase con taxas de absentismo máis altas que a media. Aínda que o impacto da violencia psicolóxica é, pola súa natureza, máis acumulativo que o da violencia física, os seus efectos negativos para a saúde medidos en termos de absentismo parecen ser tan prexudiciais como os da violencia física.

As características do medio de traballo contribúen á incidencia da violencia no traballo. Por exemplo, os altos niveis da intensidade do traballo (prazos de entrega axustados, traballando a moi alto ritmo), un alto número de restricións (escasa autonomía) e traballar en contacto frecuente cos clientes; os clientes asócianse cunha maior probabilidade de que se presenten situacións de violencia.

 

Fonte: Eurofound

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS