Financiado por:
/ Portada / Delegados

A saúde e a seguridade na encrucillada: Informe anual da EU-OSHA 2012

19-06-2013 - EU-OSHA

Nun contexto de incerteza económica permanente, a Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo (EU-OSHA) presenta no seu Informe Anual correspondente 2012 o intenso labor desenvolvido polo organismo co fin de promover a importancia que reviste para todo tipo de empresa un axeitado labor preventivo en materia de seguridade e saúde no traballo. Nun momento en que se debate a próxima estratexia que substituirá a aplicada pola Unión Europea en materia de SST durante o período 2007-2012, a Dra. Christa Sedlatschek, Directora da EU-OSHA, sostén que este é o momento de avogar, máis que nunca, dende un punto de vista ético e económico, pola saúde e a seguridade no lugar de traballo.

«Neste momento asistimos aos efectos da crise económica», sinala a Dra. Sedlatschek, con recortes dos gastos en seguridade e saúde no traballo (SST) en toda a Unión Europea. Non obstante, «as empresas intelixentes son conscientes da importancia que reviste, nos momentos difíciles, manter os seus niveis de apoio á seguridade e a saúde no traballo: en último termo veremos a mellora da situación económica e, nese momento, estas empresas necesitarán o concurso de empregados cualificados e en boas condicións físicas».

Entre os aspectos destacados do exercicio figura a culminación do proxecto de referencia "Foresight" da EU-OSHA, que anticipa os riscos a longo prazo no lugar de traballo (inicialmente en relación cos empregos «verdes»), co fin de estimular o debate e poñer de manifesto entre os responsables políticos as consecuencias de determinados vías de actuación.

A Enquisa europea de empresas sobre riscos novos e emerxentes (ESENER) proporcionounos unha imaxe sincrónica dos procedementos seguidos en lugares de traballo de toda Europa para a xestión de determinados riscos relevantes, especialmente os de índole psicosocial, como o estrés, a violencia e o acoso no traballo. O obxectivo prioritario do proxecto desprazouse á análise secundaria dos datos xerados pola enquisa inicial.

En 2012 asistimos ademais á nova campaña de Traballos saudables, baixo o epígrafe «Traballando xuntos para a prevención de riscos», que contou coa maior afluencia de socios rexistrada ata o momento: en total, uníronse a ela 87 organizacións paneuropeas, interlocutores sociais e empresas multinacionais.

A Axencia seguiu desenvolvendo o seu software gratuíto e en liña para a avaliación de riscos interactiva (OiRA), destinado á realización de avaliacións de xeito sinxelo e rendible. Así mesmo, empézase a dispoñer de ferramentas específicas aplicables a, dende o traballo en perruquería ou o traballo de oficina en Chipre, ata o transporte por estrada en Francia, ou a industria do coiro e o curtido en toda a UE.

2012 foi o Ano europeo do envellecemento activo e a solidariedade interxeracional, e EU-OSHA contribuíu activamente, asesorando sobre como axudar aos empregados a manterse en forma por máis tempo.

Entre as actividades de sensibilización cabe mencionar unha campaña dirixida a advertir aos traballadores e empresarios sobre os cambios operados nos pictogramas de riscos asociados ás substancias perigosas mediante un novo kit de ferramentas en liña, a iniciativa denominada «Napo for Teachers» (Napo para profesores), para que os alumnos de ensino primario adquiran coñecementos preventivos básicos, e a campaña «Smoke-Free Workplaces» (Lugares de traballo sen fume).

Por último, a EU-OSHA iniciou unha serie de consultas en torno ao seu próximo programa estratéxico plurianual, cuxa entrada en vigor está prevista en 2013.

Enlaces:

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS