Financiado por:
/ Portada / Delegados

A saúde dos traballadores e o beneficio empresarial

28-04-2014 - 28 de abril do 2014. Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo

Estamos ante un modelo social e laboral altamente perigoso para as clases traballadoras, no que os custes da seguridade e a saúde laboral son considerados por moitas empresas e mesmo polos gobernos da dereita, como un atranco para o incremento da produtividade e unha rémora para a consecución dos máximos beneficios posibles

A actual e persistente coxuntura de crise económica propiciada polo gran capital transnacional e as oligarquías económicas e financeiras, foi aproveitada por estas para  implantar a través dos seus representantes políticos no poder, un modelo social e económico asimétrico, desequilibrado e fondamente inxusto que, non dubidou en aplicar extremas fórmulas neoliberais -propias da máis rancia e escura ultradereita política-, xustificadas  estas como o remedio único e imprescindible para recuperar a bonanza económica e o emprego.

Na práctica, a realidade e outra e moi distinta. A salvaxe e inédita -por brutal- reforma laboral  imposta polo PP ao conxunto da clase traballadora, vén de propiciar unha fonda desregulamentación das relación laborais, que está a ter desastrosas e terribles consecuencias para os traballadores e as súas familias. Relacións laborais nas que o empresario pasou a ter respaldo legal e plena capacidade para impoñer  sen límites as condicións de traballo e as retribucións salariais, fronte a unha clase traballadora espoliada dos seus dereitos laborais máis elementais, completamente desprotexida ante a avaricia e a falla de escrúpulos de uns e a corrupción social, política e económica de outros, no marco dunha falsa e deteriorada democracia na que nin tan siquera o poder xudicial é quen de garantir non xa a xustiza, senón os dereitos máis elementais.

Estamos logo ante un modelo socioeconómico e laboral sustentado sobre un paradigma con terribles consecuencias para a seguridade e a saúde dos traballadores, no que:

É neste contexto  no que estamos a celebrar hoxe 28 de abril do 2014 o Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo. Un contexto de deterioro social, político e económico que desgraciadamente tamén afecta de xeito grave e directo ás condicións da seguridade nas que realizamos o noso traballo.

No noso Pais, máis aló de certos datos positivos, e das patéticas e frecuentes escenificacións de autoloubanza ás que nos ten acostumado o Goberno do PP, a sinistralidade laboral segue proporcionándonos datos altamente preocupantes e dificilmente xustificables.

Así atopámonos con que, na Galiza no ano 2013 o índice de incidencia dos accidentes mortais alcanzou no ano 2013 un valor de 5,3 puntos, valor superior á media do Estado español que foi de 3,1 o que sitúa ao noso País no terceiro lugar no conxunto do Estado en relación ao índice de incidencia en accidentes mortais.

Por outra banda aparece tamén como dato extremadamente preocupante que, o índice de incidencia de accidentes graves na Galiza foi no 2013 de 52,2 puntos, sendo o máis alto de todas as comunidades autónomas e chegando case a duplicar a media estatal, que foi do 23,8.

Estamos logo, ante un modelo social e laboral altamente perigoso para as clases traballadoras, no que os custes da seguridade e a saúde laboral son considerados por moitas empresas e mesmo polos gobernos da dereita, como un atranco para o incremento da produtividade e unha rémora  para a consecución dos máximos beneficios posibles.

Ante esta situación cumpre dar un paso ao fronte. Cumpre denunciar e loitar en cada posto de traballo, en cada taller e en cada fábrica polo irrenunciable dereito a traballar en condicións de plena seguridade e a preservar en todo momento a nosa saúde laboral.

Hoxe máis que nunca: Saúde e Loita

Unha aperta nacionalista e de clase

Antolín Alcántara Álvarez

Secretario Confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS