Financiado por:
/ Portada / Delegados

A renovación das baixas por incapacidade temporal estenderase ata un máximo de 35 días

21-02-2013 - SAÚDE

O Ministerio de Emprego e Seguridade Social e o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade están a punto de saldar o Real Decreto polo que se reformará a xestión e o control dos procesos por incapacidade temporal (IT) no estado español.

O último borrador, establece catro categorías para as baixas segundo a duración estimada do proceso.

Deste modo, eliminarase a consabida obriga actual de acudir ao médico de Atención Primaria (AP) para renovala cada 7 días, con independencia da gravidade da patoloxía.

O novo modelo de IT responde á experiencia pilotada en Navarra e culmina o proceso de reforma que deixou sen concluír o Goberno socialista na anterior lexislatura.

Así, o proxecto de Real Decreto establece que nos procesos de duración considerada inferior a 5 días naturais, o médico de cabeceira emitirá o parte de baixa e o parte de alta no mesmo acto médico (o paciente pode pedir recoñecemento médico neses 5 días para estender a baixa).

Nos procesos de duración estimada de entre 5 e 30 días naturais, a primeira revisión farase dentro dos 7 días seguintes á baixa. De darse parte de confirmación, o seguinte poderá darse ata 14 días despois do primeiro parte, como máximo.

Nos procesos de duración estimada entre 31 e 60 días, a primeira revisión farase non máis tarde dos sete primeiros días naturais tras a baixa. Despois deste primeiro parte de confirmación, os sucesivos partes, cando sexan necesarios, non poderán superar unha diferenza entre eles de máis de 28 días naturais. No último grupo, o dos procesos que se prevé causen baixa durante 61 ou máis días, a primeira revisión poderá aprazarse ata 14 días despois de darse a baixa.

Por outro lado, os partes de confirmación nesta cota non poderán superar unha diferenza entre si de máis de 35 días. Neste último grupo, os médicos de AP xa manifestaron que solicitarán que a primeira revisión sexa ao mes e non aos 14 días, debido á previsible gravidade das patoloxías que se incluirán neste tramo. En calquera das cotas, o traballador terá tres días hábiles para presentar o parte de baixa na súa empresa e, superados os 365 días de baixa, o caso pasará a xestionalo o Instituto Nacional da Seguridade Social.

Para determinar que patoloxías van en cada cota estimativa, os ministerios dirixidos por Ana Mato e Fátima Báñez traballan nunhas táboas tipificadas para os distintos procesos patolóxicos e a súa incidencia nas actividades laborais. Estas táboas facilitarán ao médico de AP prazos orientativos baseados no diagnóstico, a ocupación e a idade do traballador.

Non obstante, estas táboas non irán anexas á aprobación do Real Decreto, prevista para o mes de marzo, xa que a propia norma inclúe na súa disposición transitoria segunda un prazo de seis meses dende a publicación do Real Decreto para incorporar as táboas de duracións óptimas aos procedementos informáticos da AP dos distintos Servizos Públicos de Saúde.

O proxecto tamén establece na súa disposición transitoria cuarta un prazo máximo de tres meses para que se estableza un sistema informático que permita comunicarse por vía telemática ás mutuas cos centros de AP, as inspeccións médicas do Instituto Nacional da Seguridade Social e o Instituto Social da Mariña.

Alixeirar as cargas burocráticas é un dos mantras que se repite durante as 28 páxinas do proxecto de Real Decreto. Non obstante, o rigor do proceso inclúe a necesidade de realizar informes complementarios nos procesos con duracións previstas superiores aos 31 días. A nova normativa establece que para continxencias comúns, o segundo parte de confirmación de baixa, calquera que sexa a súa duración, irá acompañado do devandito informe no que se incluirán as doenzas padecidas polo traballador, o tratamento médico prescrito, a evolución das doenzas e a súa incidencia sobre a capacidade funcional do interesado.

Igual informe deberá acompañarse no terceiro parte de confirmación de baixa nos procesos derivados de continxencias profesionais. Todos estes informes deberán actualizarse cada dous partes de confirmación de baixa posteriores. Así mesmo, a inspección médica (que terá acceso ao historial completo de Primaria e Hospitalaria de todos os traballadores do sistema de Seguridade Social) emitirá un informe de control no que explicará o por que da necesidade de manter a baixa cada tres meses. Todos estes informes médicos formarán parte da historia clínica electrónica do paciente en AP.

Nas xustificacións do proxecto de Real Decreto especifícase que entre os seus obxectivos está a necesidade de "evitar o absentismo inxustificado, a utilización da IT como mecanismo alternativo ao desemprego ou a xubilación, ou outras prácticas abusivas.

Esta reordenación deberá atender ao necesario equilibrio entre o control da fraude e a protección do traballador impedido para a súa actividade laboral", indica. Así mesmo, sinala a súa intención de prestar especial atención aos procesos de baixa cunha duración inferior a 15 días, que son os que supoñen unha carga económica máis notable para as empresas.


Fonte: economiadehoy.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS