Financiado por:
/ Portada / Delegados

A presencia dos robots nas empresas

01-08-2018 - SAÚDE LABORAL

Segundo un estudo elaborado polo Grupo Adecco, xestión de recursos humanos, e o Instituto Cuatrecasas de Estratexia Legal en RRHH, o 88% dos profesionais de recursos humanos enquisados cre que a robótica terá unha incidencia alta ou moi alta no mercado laboral nos próximos anos; ademais o 78% sinala que este posible impacto producirase a medio e longo prazo.

O 93% dos enquisados/as asegura que os cadros de persoal ou non están preparados para a integración de robots ou soamente estano de maneira parcial. Así, aínda que as empresas consideran que os efectos da implantación de robots serán positivos (un 50% pensa que dotarán de maior axilidade nos procesos, un 21% que fomentarán a innovación e o desenvolvemento de novos produtos e un 14% que axudarán a reducir o número de erros), tamén cren que a coexistencia de ambos será problemática, polo menos a curto prazo.

No Estado español o número de robots instalados creceu un 6% no último ano, o que supón que no noso país haxa unha base de preto de 35.000 robots industriais, cifra que está notablemente por baixo do resto de Europa. O uso principal, ao redor dun 57%, que teñen os robots no Estado español ten que ver coas operacións de manipulación e carga e descarga de máquinas. Por sectores, é o do automóbil e a industria auxiliar o que máis robots emprega, algo máis dun 48%.

A maioría dos profesionais expertos en recursos humanos (3 de cada 4) cre que o avance da robótica non supoñerá a destrución de postos de traballo. De feito, unha parte importante deles asegura que dará lugar á creación de novos empregos ata agora descoñecidos.

O presidente do Instituto Cuatrecasas, afirma que “dende a perspectiva do mercado de traballo, non sería desexable limitar o dereito dos empresarios para decidir sobre a incorporación e desenvolvemento do elemento robótico no proceso produtivo, aínda que iso poida eventualmente repercutir de maneira prexudicial no emprego a curto prazo en determinadas actividades e empresas”. “Aínda sendo aconsellable que a Lei contemple determinadas obrigacións adicionais para o empresario a efectos dunha maior empregabilidade dos/as traballadores/as afectados pola robotización, iso ha de primarse sobre unha hipotética imposición legal de medidas limitativas á liberdade empresarial respecto diso como sería, por exemplo, a obrigación de manter unha cota determinada de persoas en todo proceso produtivo que se pretenda robotizar”.

En relación ao impacto no mercado laboral, o 88% dos profesionais de recursos humanos enquisados considera que a robótica terá unha incidencia alta ou moi alta no mercado laboral dos próximos anos, un 9% cre que terá unha incidencia media e o 3% que o impacto será baixo ou moi baixo. Segundo os enquisados, este posible impacto no mercado laboral terá lugar a medio e longo prazo como sinala o 78%; só un 6% dos profesionais cre que nun período breve de tempo poderemos vivir todos estes cambios. Destacar que o 9% está convencido de que os maiores impactos da robótica na empresa xa se produciron e estamos a convivir a diario con eles.

Entre os efectos negativos que trae consigo a robotización os enquisados/as indican a potencial resistencia dos/as empregados/as ao avance tecnolóxico (55%) e a reacción sindical que poida carrexar a adopción da robótica nas empresas estatais (49%).

Do estudo despréndense outra serie de datos como que o 42% dos/as enquisados/as teme pola integridade física das persoas no caso de que os sistemas de seguridade dos robots ou a súa programación fallen; o 37% cre que a robótica impactará de maneira notable na autoestima dos/as traballadores/as.

En relación ao uso que se faga dos datos que vaia obtendo a empresa coa mobilidade do robot, a posible discriminación na programación do robot ou o impacto da robótica nas súas políticas de RSE (Responsabilidade Social Empresarial), o 32%, o 36% e o 39% dos profesionais, respectivamente, aseguraron que estes tres supostos preocúpanlles pouco ou nada.

O 87% dos expertos en recursos humanos aposta pola regulación para xestionar os avances da robótica, especialmente a nivel europeo. Neste sentido, o 48% avoga pola regulación pública e conxunta a nivel da Unión Europea (UE). O 25% coincide na necesidade de establecer unha normativa, pero cre conveniente que se faga a nivel internacional. O 9%, pola súa banda, aposta por unha regulación a nivel nacional. E o 5% opina que debe existir unha lexislación parcial.

Pola contra, existe un 5% que é partidario de non regular a actividade dos robots, ben porque non o considera necesario (3%), ben porque cre que debe ser a propia industria quen controle os mecanismos e se autorregule, quedando á marxe as administracións públicas (2%).

Fonte. Confilegal

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS