Financiado por:
/ Portada / Delegados

A Xustiza considera “inadmisíbel” que o INSS pague “produtividade” por dar altas médicas a traballadores/as

13-06-2013 - Saúde laboral

A CIG presentou en rolda de prensa, dúas sentenzas polas que se anulan parte dos obxectivos de produtividade dos/as Inspectores/as médicos/as do INSS e dos médicos de Sanidade Mariña do ISM. As sentenzas poñen de manifesto que a seguridade social estaba a utilizar medios fraudulentos para limitar a duración das baixas e estender a vixencia dos recoñecementos médicos dos traballadores embarcados, poñendo así en risco a súa saúde. A sentenza referida ao INSS ten especial relevancia, porque abrangue ao conxunto de traballadores/as de todo o Estado.

No ano 2011, a Secretaría de Estado da Seguridade Social aprobou os obxectivos estratéxicos do Instituto Nacional da Seguridade Social que incluían un “índice de baremación da duración dos procesos de incapacidade temporal”. Segundo isto, no plus de produtividade pasábase a computar o número de altas médicas para o seu cálculo. Isto traducíase, no caso do INSS, en que cantas máis altas se concederan maior puntuación se obtería no índice de produtividade e polo tanto máis diñeiro se cobraría.

O xulgado central do Contencioso-Administrativo número 5, con sede en Madrid, vén de emitir a sentenza pola que se anula este índice por consideralo contrario a dereito.

Nunha anterior sentenza, emitida xa no mes de abril, o Xulgado Central do Contencioso-Administrativo núm. 2, con sede en Madrid, estimaba tamén o recurso da central sindical contra a resolución do Secretario de Estado da Seguridade Social que fixaba os obxectivos de xestión para o ano 2011, e que servían igualmente de base para o cobro do complemento de produtividade dos médicos do ISM.

O avogado da asesoría xurídica nacional da CIG, Héctor López de Castro explica que estas dúas sentenzas son importantes polo que significan en si pero, sobre todo, polo que revelan. “Estamos nun momento no que hai un dogma segundo o que o estado debe reducir o seu déficit, debe ingresar máis e debe gastar menos. Con estas dúas sentenzas ponse de manifesto unha forma de reducir o gasto, pero ademais de facelo mal, porque se fai en fraude de lei e faise pondo en perigo a saúde laboral dos traballadores”.

No referido ao ISM, os médicos de Seguridade Mariña realizan os recoñecementos de embarque marítimo, que serven para determinar que as condicións psicofísicas dos mariñeiros son compatíbeis co posto de traballo e non supoñen perigo para a saúde e seguridade do traballador embarcado, do resto da tripulación do buque e da propia navegación marítima.

No caso da sentenza referida ao INSS a súa transcendencia é moito maior tanto no ámbito, porque afecta ao conxunto de traballadores de todo o Estado, como pola súa transcendencia económica, xa que o Instituto Nacional da Seguridade Social é o que paga as prestacións por incapacidade temporal das traballadoras e traballadores que se encontran de baixa por enfermidade ou accidente.

O punto en común das dúas sentenzas é que se introduce como complemento de produtividade dos médicos, tanto do INSS, como do ISM un factor que prima os obxectivos económicos das entidades xestoras sobre o propio dereito á protección da saúde do artigo 43 da Constitución.

López de Castro explica que se introduce un complemento económico na xestión da duración das baixas e os recoñecementos que ten como consecuencia que se pague máis en produtividade, ao conxunto do servizo, obtendo un resultado que define como “antixurídico” porque o que se pretende é aforrar custos á administración da Seguridade Social. “A consecuencia é que hai traballadores/as que reciben alta médica cando as súas condicións probabelmente non son as máis idóneas para traballar”.

Isto é contrario tanto ao código deontolóxico profesional médico, xa que non poden ver condicionada a súa actuación por factores económicos, como á propia definición do complemento de produtividade, que debe pagar a rendemento, dedicación e interese que un/unha traballador/a ou funcionario/a pon na prestación do seu traballo.

Neste sentido, Esther Fontenla, médica de Seguridade Mariña do ISM explicou, na rolda de prensa, que as/os profesionais tanto do ISM como do INSS, “sentímonos condicionados/as por unha banda polo resto de compañeiros/as da administración do Estado, porque este complemento de produtividade non se dá exclusivamente ao persoal médico senón que se reparte a partes iguais entre todas as traballadoras e traballadores da Dirección Provincial”.

Xunto a isto, matizou que puxeron en dúbida que isto fora en concordancia co Código Deontolóxico da profesión médica e por iso consultaron á Organización Médica Colexial que en escrito de resposta déronlles a razón considerando que efectivamente ía en contra. Atendendo a isto, explicou, “intentamos chegar a un acordo coa administración” entendendo que este obxectivo estaba condicionando o seu labor e o acto médico en si.

Fontenla considera que estas sentenzas confirman que, efectivamente, a introdución destes índices no cálculo de produtividade “van en contra do Código Deontolóxico da profesión médica”.

Pola súa banda Xaime Rey, responsábel do sector de Administración do Estado da CIG-Administración, lembrou que desde a central sindical tamén se intentou convencer aos responsábeis da Secretaría de Estado da Seguridade Social da necesidade de que se retirase este apartado, entendendo que afectaba á libre prescrición e libre actuación dos/as médicos/as. “A administración sempre argumentou que os obxectivos non eran materia incluída na negociación colectiva senón que os marcaba a administración como unha estratexia de xestión”.

Para a CIG a prestación sanitaria por IT (incapacidade temporal), é fundamental na medida en que garante a subsistencia material das traballadores e traballadores en situación de enfermidade. Ante estas sentenzas, Francisco Miranda Vigo, secretario confederal de Comunicación da central sindical denuncia que as políticas de austeridade están levantando sospeitas sobre as/os traballadoras/es que se ven na necesidade de exercer este dereito. “Hai cantidade de persoas que teñen que acudir aos seus postos de traballo dados de alta estando enfermas e mesmo casos de despedimentos para aqueles que pola súa situación de enfermidade non están aptos para realizar o seu traballo en condicións óptimas”.

No medio dunha campaña mediática de demonización dos traballadores/as que se ven obrigados/as a recorrer a unha baixa por enfermidade estas sentenzas constatan que é a propia administración a que “fai trampa” para conseguir uns obxectivos puramente económicos.

www.galizacig.com

Documentos

Sentenza INSS.pdf
Sentenza produtividade médicos ISM.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS