Financiado por:
/ Portada / Delegados

A Unión Europea desbota a creación dun rexistro de nanomateriais

15-01-2015 - HIXIENE

A Unión Europea considera insuficiente e pouco operativa a información proporcionada polos rexistros nacionais de nanomateriais existentes en Bélxica, Dinamarca e Francia, polo que inicialmente desbota creación dun destes rexistros a nível da UE.

A pesar de esixtiren rexistros nacionais de nanomateriais en Francia, Bélxica e Dinamarca, a UE tras unha xuntanza dos seus Estados membros instrumentalizada a través do Subgrupo de Nanomateriais (CASG-nano) celebrada en Bruxelas a primeiros de decembro, decidiu desbotar inicialmente a posibilidade de crear un rexistro destas características.

As razóns, aducidas para a toma inicial desta decisión foron entre outras: 

Considerar que os actuais rexistros non son o medio máis axeitado para proporcionar aos consumidores información pertinente sobre os nanomateriais, xa que estes na maioría non inclúe ningunha información sobre os produtos de consumo específicos que conteñan tales materias.

Por outra parte, un informe de avaliación realizado sobre o sistema francés, constatou que o 62% das substancias notificadas ao rexistro francés no ano 2013, xa estaban cubertas por rexistros REACH, aínda que a cobertura das súas nanoformas neste último non está clara.

Asemade dito informe prevé que o 90% das substancias incluídas no rexistro francés o ano pasado van ter un expediente de rexistro REACH no ano 2018; previsión esta que provoca diverxencia de opinións dado que o número actual de nanomateriais rexistrados no REACH segue a ser moi baixa.

Por outra banda, a pesares que na consulta pública sobre medidas de transparencia realizada sobre esta materia, os representantes da industria manifestaron que preferirían un rexistro europeo de nanomateriais antes que unha pluralidade de diferentes rexistros estatais, a Comisión determinou que este modelo non tiña un grande impacto no fluxo de produtos que conteñen nanomateriais no mercado da UE, non habendo ningunha razón de peso para introducir un rexistro comunitario.

En calquera caso está previsto que a decisión definitiva da Comisión sobre as medidas para aumentar a transparencia dos nanomateriais no mercado da UE, sexa  publicada a mediados do ano 2015, unha vez realizada a avaliación de impacto prevista para o este mes de abril.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS