Financiado por:
/ Portada / Delegados

A OIT cifra en 2,02 millóns as mortes anuais por enfermidade profesional

14-05-2013 - SAÚDE LABORAL

A Organización Internacional do Traballo (OIT) estima que cada ano morren no mundo 2,02 millóns de persoas por enfermidades profesionais, o que supón unha media de máis de 5.500 mortes diarias por esta causa.

Con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, a OIT publicou un informe sobre a prevención das enfermidades profesionais segundo o cal cada ano morren 2,34 millóns de persoas por accidentes ou enfermidades relacionadas co traballo e que o custo anual destas doenzas supón o 4% do PIB mundial.

Só na Unión Europea o custo destas enfermidades se sitúa, como mínimo, en 145.000 millóns de euros ao ano, segundo o organismo internacional.
A OIT estima que cada ano se producen 160 millóns de casos de enfermidades relacionadas co traballo, que seguen sendo as principais causas de mortes do ámbito laboral, o que supón "unha pandemia inaceptable".

Segundo a organización, a natureza destas enfermidades está a cambiar con gran rapidez e os cambios tecnolóxicos e sociais, xunto ás condicións económicas agravan os perigos para a saúde e crea outros "novos".

Denuncia que aínda que algúns riscos tradicionais diminuíron porque hai maior seguridade, hai enfermidades como a neumoconiosis que segue estando moi estendida e, ademais, hai outras novas que están a aumentar.

Entre elas, están os trastornos mentais e musculoesqueléticos, que son os máis comúns dentro dos vintesete países da UE.

Segundo a OIT, o estrés laboral e as súas consecuencias supón xa un "grave problema" porque se detectou que se relaciona con patoloxías musculoesqueléticas, cardíacas ou dixestivas e, se se prolonga, pode provocar graves trastornos cardiovasculares.

A crise económica e a recesión contribuíron a aumentar o estrés, a ansiedade, a depresión e outros trastornos mentais relacionados co traballo e chegaron a provocar nalgúns casos o suicidio.

A OIT afirma que hai un "consenso xeneralizado" en considerar que a prevención é máis eficaz e menos custosa que o tratamento e a rehabilitación, polo que subliña a necesidade dun "paradigma de prevención integral" centrado nas enfermidades profesionais e non só nas lesións.

O devandito paradigma debe incluír, entre outras cuestións, a mellora dos sistemas de rexistro e notificación das enfermidades profesionais, a mellora dos sistemas nacionais de seguridade e saúde e que haxa diálogo social entre gobernos, patronais e traballadores para establecer unha cultura preventiva.

Acceso ao Informe: "A Prevención das Enfermidades Profesionais"

 

Fonte: expansión.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS