Financiado por:
/ Portada / Delegados

A Inspección obriga a cambiar os horarios de traballo nun hospital

20-09-2016 - SAÚDE LABORAL

Inspección de Traballo instou á xerencia da área de Saúde de Navalmoral a reorganizar a xornada laboral e os descansos do persoal adscrito ao centro de saúde de Almaraz tras a denuncia que presentaron os traballadores polo prexuízo que supoñía ter que desprazarse a Deleitosa a realizar as gardas unha vez finalizada a súa xornada.

O centro de saúde de Almaraz e a súa zona de influencia está formado por un equipo de seis médicos e catro enfermeiros de atención primaria, que presta servizos de luns a venres de 08:00 h. a 15:30 h., e un equipo de atención continuada, formado por tres médicos e tres enfermeiras para fins de semana e festivos.

Na zona existen dous Puntos de Atención Continuada, un en Almaraz e outro en Deleitosa. A atención neste último é a que resultaba problemática, posto que as gardas de 15:30 h. a 22:00 h. tíñaas que facer o persoal que terminaba en Almaraz, acumulando ata 48 horas semanais con carácter semestral e diminuíndo o tempo de descanso entre xornadas, que debe ser dun mínimo de doce horas, -e non se chegaba a dez-, polo que tamén supoñía un risco dende o punto de vista da seguridade.

Para desprazarse a Deleitosa (uns 80 quilómetros ida e volta) os sanitarios viaxaban no seu propio coche -sen que lles pagasen quilometraxe nin dieta, segundo aseguran os afectados- terminando de traballar ás dez da noite cando empezaran ás oito da mañá, quedando así expostos aos riscos derivados da condución, en condicións máis desfavorables que en caso de finalizar unha xornada ordinaria, como son a acumulación de 14 horas ininterrompidas de traballo efectivo e a condución en horario nocturno.

En base a todo iso a Inspección requiriu á xerencia da área de Saúde a corrección das deficiencias detectadas no cumprimento da normativa en materia de xornada e descansos, -tendo en conta a súa repercusión nas medidas de prevención de riscos laborais-, lembrando que o seu incumprimento está tipificado como infracción grave.

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS