Financiado por:
/ Portada / Delegados

A FIFA demandada por complicidade en explotación laboral en Qatar

16-11-2016 - SEGURIDADE

Segundo a denuncia o traballador foi sometido a condicións laborais inhumanas próximas á escravitude. A indemnización solicitada ronda os 4.500 euros e pode sentar un precedente legal.

A Confederación Holandesa de Sindicatos (FNV) presentou unha demanda contra a xunta directiva da FIFA, por complicidade na explotación laboral dun obreiro orixinario de Bangladesh, que traballou entre 2014 e 2016 en Qatar na construción dos estadios do Campionato Mundial de Fútbol de 2022.

Segundo a denuncia o traballador foi sometido a condicións laborais inhumanas próximas á escravitude. A indemnización solicitada ronda os 4.500 euros e pode sentar un precedente legal.

Segundo Liesbeth Zegveld, a avogada holandesa en materia de dereitos humanos, que contribuíu a preparar a demanda “o obreiro é case propiedade dos seus amos; eles deciden cando empeza a súa xornada, come, dorme, recibe a paga e pode marcharse”, e engadiu que “en Qatar piden tempo, pero a situación raia aínda na escravitude”.

Preto dun millón de migrantes levantan no Estado árabe as infraestruturas do Mundial, e é a primeira vez que a FIFA é requirida por non defender os seus dereitos. De momento, a Federación rexeita as alegacións. O pasado xuño subliñou os seus esforzos para que as autoridades cataríes aseguren unha mellora laboral nas instalacións derivadas do mundial en resposta ás críticas de Amnistía Internacional e nega a súa responsabilidade nos problemas sociais dos países anfitrións.

En 2013, e despois de que organizacións humanitarias como Amnistía Internacional denunciasen a morte de centenares de traballadores, o propio goberno catarí investigou a situación. O resultado arroxaba probas de ducias de accidentes entre os obreiros contratados con vistas ao Mundial.

A falta de garantías laborais e humanitarias dos traballadores migrantes en Qatar derívase en gran parte da kafala. Así se denomina á lexislación laboral que require o consentimento do empregador para cambiar de traballo, deixar o país, obter unha licenza de condutor, alugar unha vivenda ou abrir unha conta bancaria. Amnistía Internacional testemuñou sobre traballadores que asinaron falsas declaracións acerca de recibir os seus salarios, co obxecto de que lle fosen devoltos os seus pasaportes.

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS