Financiado por:
/ Portada / Delegados

A Audiencia Nacional rexeita que o INSS pague “produtividade” a inspectores/as por dar altas médicas

27-01-2014 - SAÚDE LABORAL

A Audiencia Nacional vén de reiterar a sentenza pola que se anulaban parte dos obxectivos de produtividade dos/as Inspectores/as médicos/as do INNS considerando que “non é admisíbel” que estes obxectivos estean fixados no sentido de dar alta médica ou o pase á incapacidade permanente. Entende que isto debe vir determinado porque o estado de saúde do traballador/a impida ou non desenvolver o traballo. A sentenza abrangue ao conxunto de traballadores/as do Estado.

No ano 2011, a Secretaría de Estado da Seguridade Social aprobou os obxectivos estratéxicos do Instituto Nacional da Seguridade Social que incluían un “índice de baremación da duración dos procesos de incapacidade temporal”. Segundo isto, no plus de produtividade pasábase a computar o número de altas médicas para o seu cálculo. Isto traducíase en que cantas máis altas se concederan, maior puntuación se obtería no índice de produtividade e polo tanto máis diñeiro se cobraría.

O xulgado central do Contencioso-Administrativo número 5, con sede en Madrid, emitía, en maio de 2013, a sentenza pola que se anulaba este índice por consideralo contrario a dereito. Porén tanto o Avogado do Estado como a Administración da Seguridade Social presentaban os recursos que veñen de ser desestimados pola Sala do Contencioso da Audiencia Nacional.

O avogado da asesoría xurídica nacional da CIG, Héctor López de Castro explicaba daquela que a sentenza é especialmente relevante porque coa pretensión de reducir o gasto do Estado, aplicouse unha medida en fraude de lei e pondo en perigo a saúde laboral dos traballadores.

A sentenza afecta ao conxunto de traballadores/as do Estado porque o Instituto Nacional da Seguridade Social é o que paga as prestacións por incapacidade temporal das traballadoras e traballadores que se encontran de baixa por enfermidade ou accidente.

Acceso á Sentenza

Máis información sobre a sentenza http://www.cigsaudelaboral.org/novas/13-6-2013/a-xustiza-considera-inadmis-bel-que-o-inss-pague-produtividade-por-dar-altas-m-dicas

 

Fonte : www.galizacig.com/avantar

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS