Co financiamento de:
/ Portada / Datos estatísticos

Galiza lidera novamente a sinistralidade laboral con resultado de morte, tamén durante o estado de alarma

17-06-2020 - DATOS ESTATÍSTICOS

O presente artigo fundaméntase na información de accidentes de traballo procedente da explotación mensual que efectúa a Subdirección Xeral de Estatística e Análise Sociolaboral dos partes de accidentes de traballo notificados a través do sistema Delt@, unha vez foron recibidos polas autoridades laborais provinciais.

No caso das autoridades laborais das comunidades autónomas do País Vasco e Cataluña estas dispoñen de procedementos de notificación propios e remiten a información de accidentes de traballo mediante ficheiros externos a Delt@.

Resulta preciso destacar que debido á declaración do estado de alarma pola COVID-19, a partir do 14 de marzo de 2020 produciuse unha redución importante na actividade económica realizada, así como tamén se puideron producir atrasos na tramitación administrativa dos partes de accidentes de traballo respecto aos prazos habituais, o cal afecta os resultados estatísticos desta publicación de avance.

ESTADÍSTICA DE ACCIDENTES DE TRABALLO. DATOS ABSOLUTOS ESTADO

Como resulta normal e razoable, consecuencia do enorme parón da actividade laboral acontecida na maioría dos sectores produtivos, as estatísticas de accidentes de traballo en termos absolutos reflicten unha importante contracción en materia de accidentes de traballo.

No Avance xaneiro – abril 2020, o número de accidentes de traballo con baixa foi 151.087, mentres que o de accidentes de traballo sen baixa foi 162.694.

Comparando as cifras co mesmo período do ano anterior, os accidentes con baixa experimentaron unha diminución do 24,7% e os accidentes sen baixa do 28,8%.

Dentro dos accidentes con baixa, producíronse 131.897 accidentes en xornada de traballo e 19.190 accidentes in itinere.

A variación en relación ao ano anterior situouse no -24,1% para os accidentes en xornada e no -28,5% para accidentes in itínere.

Por situación profesional dos accidentes con baixa, producíronse 142.405 accidentes para asalariados e 8.682 accidentes para traballadores/as por conta propia.

No período xaneiro – abril 2020 producíronse 131.897 accidentes con baixa en xornada, dos cales 1.089 accidentes foron graves e 184 accidentes foron mortais.

Comparando estes datos cos do mesmo período do ano anterior, producíronse 276 accidentes graves menos e 35 accidentes mortais máis.

En canto á desagregación por sexo, un 73% dos accidentes en xornada con baixa afectaron a homes e un 27% afectaron a mulleres.

Os accidentes mortais en xornada distribuíronse en 178 casos en homes e 6 en mulleres.

GALIZA OUTRA VEZ LIDER CO MAIOR ÍNDICE DE ACCIDENTES LABORAIS MORTAIS

Novamente unha vez máis Galiza volta a ostentar o terrible e inxustificable primeiro posto no ranquing de comunidades autónomas co maior índice de incidencia de accidentes laborais mortais de todo o Estado en relación ao período xaneiro –abril do presente ano 2020, segundo o avance do informe estatístico de sinistralidade elaborado polo Ministerio de Traballo.

Efectivamente, mentres o índice de incidencia promedio de accidentes mortais de carácter laboral sitúase no Estado nun 3,08, na Galiza ese indicador alcanza o valor de 5,46, o que quere dicir que de cada 100.000 traballadores/as na Galiza case temos o dobre de accidentes mortais que no conxunto do Estado. O dito doutro xeito, os traballadores e traballadoras galegos/as temos case o dobre de posibilidades de padecer un accidente laboral con consecuencias mortais que a media dos traballadores/as do conxunto do Estado.

No pasado ano 2019 rexistráronse na Galiza un total de 30.228 accidentes de traballo con baixa, dos cales o 90,07% producíronse en xornada laboral; o que quere dicir que dos 50 traballadores/as falecidos en accidente laboral, 43 o fixeron durante a súa xornada de traballo.

Dos traballadores/as falecidos no 2019 en accidente laboral na Galiza, un 43% dos mesmos foron traballadores/as con contrato temporal, cando este colectivo supón en cambio só o 26% dos traballadores/as suxeitos a esta modalidade de contratación, o que indica a terrible correlación que existe entre a temporalidade e precariedade laboral cos accidentes de traballo con resultado de morte.

Sen dúbida algunha a prevención de riscos laborais segue a ser unha asignatura pendente de aprobar no noso País, consecuencia e gran medida dunha inexistente política institucional de prevención nos sectores produtivos galegos debido a inanición e falta de iniciativa política e administrativa do Goberno Galego do PP de Feijóo neste eido.

Así as cousas e logo de tamén liderar Galiza no ano 2019 o índice de incidencia en accidentes de traballo mortais, atopámonos que no primeiro cuatrimestre deste ano 2020 Galiza volta a acadar o primeiro posto do Estado no índice de incidencia de accidentes laborais mortais. Un dubidoso “privilexio” este que deixa, como no mesmo período do pasado ano, 17 persoas traballadoras galegas mortas como consecuencia do seu traballo, e todo isto a pesares da importantísima paralización da actividade laboral dos nosos sectores produtivos como consecuencia da pandemia do COVID-19, o que indica ás claras que nin dende o Goberno da Xunta nin dende as empresas galegas leváronse a cabo iniciativas significativas e minimamente eficaces en materia de seguridade e protección dos traballadores/as galegos.

Ligazón a este documento con gráficas no PDF adxunto

Documentos

GALIZA LIDERA NOVAMENTE A SINISTRALIDADE LABORAL CON RESULTADO DE MORTE, TAMÉN DURANTE O ESTADO DE ALARMA.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS