Financiado por:
/ Portada / Datos estatísticos

Sinistralidade laboral grave e mortal na Galiza. Orixe e delimitación de causas. CIG

03-03-2021 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 37

A base estatística da información proporcionada neste artigo en relación á temática que aquí abordamos, é basicamente aquela que nos últimos anos ten traballado e analizado o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) a través de distintas publicacións. O enfoque e a perspectiva de desenvolvemento da nosa análise, aínda que baseada nos datos estatísticos, tamén se fundamenta na nosa experiencia e coñecemento da realidade preventiva das empresas galegas no ámbito do noso País.

Así as cousas, o noso interese non é outro que contribuír a conformar unha visión e unha perspectiva preventiva que poña o foco naquelas cuestións que consideramos importante abordar e analizar co gallo de identificar, poñer en común e buscar solucións preventivas ás causas que nestes últimos anos están a propiciar os altos niveis de sinistralidade grave e mortal que estamos a padecer na Galiza.

A estas alturas a ninguén xa se lle escapa que na Galiza levamos nos últimos anos liderando o ranking de índice de incidencia de accidentes graves e mortais dentro do Estado español. Sen dúbida algunha os accidentes graves son en gran medida a antesala de futuros accidentes mortais, especialmente cando non se identificaron correctamente os riscos e non se adoptaron e implementaron as medidas preventivas axeitadas para a súa eliminación e/ou control.

 Por outra banda, a frecuente infradeclaración de accidentes graves, mal cualificados en demasiadas ocasións como leves, están a producir un pernicioso efecto de non eliminación dos riscos que finalmente por recorrencia e repetición acaban rematando nun accidente mortal. Así as cousas a correcta cualificación do nivel de gravidade dos accidentes constitúe, ao noso entender, un factor clave para a redución dos accidentes graves e mortais, xa que isto propiciaría que a ITSS rematara actuando de oficio, así como os técnicos/as habilitados do ISSGA.

Na nosa Terra as actividades produtivas dos sectores primarios que utilizan maquinaria pesada ou cortante, así como procedementos de traballo que conlevan a exposición a caídas en altura, esmagamentos, cortes ou amputacións, teñen unha gran relevancia en termos de accidentabilidade grave e mortal. Tal é o caso do sector Agrario (manexo de tractores); Forestal (motoserras e caída de árbores) e Pesca (accidentes a bordo e afogamentos).

Tamén teñen especial relevancia na accidentabilidade e en moitos casos por causas semellantes, no sector da Construción (cortes, caídas en altura e ao mesmo nivel, esmagamentos); no sector da Industria (cortes, caídas en altura e ao mesmo nivel, esmagamentos, atrapamentos) e nos sectores de Transporte e o Almacenamento (accidentes de tráfico en misión, esmagamentos, colisións con obxectos en movemento).

Outros sectores ou subsectores de actividade que na Galiza están a ter unha relevante incidencia na sinistralidade laboral como consecuencia da alta incidencia de enfermidades profesionais, son as cadeas de montaxe, especialmente as de automoción, con abundantes cronificacións de lesións altamente invalidantes de carácter musculoesquelético (TME) que rematan por ter gravísimas consecuencias de incapacitación laboral para o traballador/a afectado (en moitas ocasións bastante novos) e economicamente para o sistema de protección da Seguridade Social.

O sector de extracción e transformación da lousa e o granito, así como dos aglomerados de cuarzo, onde na Galiza se producen cada ano practicamente o 70% dos casos de enfermidades derivadas da exposición ao po de sílice cristalina, resulta tamén relevante cando o sector na Galiza

supón tan só un 35% da totalidade do sector a nivel estatal. Desgraciadamente a medio-curto prazo moitos destes traballadores afectados rematan por morrer (non teñen cura) como consecuencia destas terribles enfermidades profesionais, aínda que o seu cómputo e rexistro en termos de accidentabilidade quede agochado nos rexistros oficiais.

Máis aló da segmentación sectorial, ao noso entender existen factores concorrentes, ás veces de carácter estrutural, que sen dúbida están a afectar á accidentabilidade grave e mortal, e que nun futuro próximo poderían incluso ter maior incidencia e repercusión na sinistralidade laboral, se estes factores non son tratados convintemente.

A accidentabilidade nos desprazamentos en itínere e en misión, en moitos casos potenciados polas características dos vehículos, a nosa orografía e dispersión territorial, o mal estado de conservación das estradas ou os elevados ritmos de traballo impostos con curtos espazos de tempo difíciles de cumprir. Factores estes de risco que normalmente vense agravados pola inexistencia na maioría das empresas galegas de plans preventivos de mobilidade.

Os accidentes cardiovasculares consecuencia por unha parte de hábitos pouco saudables, mais tamén en gran medida da mala ou inexistente planificación do traballo e das fases de descanso e recuperación, dos altos niveis de demanda, de frenéticos ritmos de traballo, do alongamento frecuente das xornadas laborais, … en definitiva, dunha sobre-explotación laboral continuada que finalmente remata por producir accidentabilidade e graves consecuencias para a saúde nos traballadores/as implicados.

É tamén de destacar que a raíz da confección do primeiro mapa de risco químico da Galiza levado a cabo polo ISSGA, atopámonos ante un panorama revelador no que son moitas as empresas, unha boa parte, que en moitos casos almacenan ou utilizan nos seus procesos produtivos, produtos e/ou axentes químicos cuxos riscos non están suficientemente identificados. Falamos de substancias canceríxenas, mutáxenas e reprotóxicas (CMR) que en moitas ocasións a longo e medio prazo, a miúdo cando xa esta concluída a vida laboral do traballador/a, rematan por xerar cancros laborais que todos os anos causan unha gran cantidade de mortes ás que non se lles recoñece a súa orixe laboral, quedando frecuentemente agochada a súa causa.

Se a todo isto que sucintamente levamos expoñendo até agora sumámoslle o pouco músculo preventivo das nosas empresas,  -a gran maioría microempresas ou pequenas empresas- a pouca cultura preventiva do noso tecido produtivo no que a integración da prevención nas pequenas e medianas empresas sigue a ser un obxectivo moi lonxe de acadar, e nas que a prevención de riscos laborais séguese a ver máis como un gasto que como unha inversión, sumado isto aos enormes déficits de formación en materia de seguridade e saúde laboral tanto de empresarios/as, como de responsables laborais, como dos propios traballadores/as, a actual situación resulta máis doada de entender.

Un mercado laboral cada vez máis envellecido con traballadores/as non preparados para o alongamento unilateral da súa vida laboral, xunto con altos niveis de precarización e distintas modalidades de externalización do traballo e de subcontratación, configuran o perfil dun mercado de traballo acosado por múltiples factores de risco de carácter estrutural que é necesario abordar e cando menos en parte corrixir, entre outras, mediante a aplicación de políticas activas de prevención máis realistas e eficaces.

Así mesmo en ningún caso podemos esquecer a pouca importancia política que ata o de agora lle veñen outorgando á prevención de riscos e a seguridade laboral os distintos Gobernos da Xunta de Galicia, a tenor dos historicamente paupérrimos investimentos realizados pola administración autonómica na promoción e consolidación de políticas públicas destinadas ao fomento da prevención no noso País.

Así as cousas, consecuencia entre outros, destes relevantes factores, a situación preventiva na Galiza goza da posibilidade dun amplo marxe de mellora, se estas eivas e deficiencias son abordadas colaborativamente, con sentido común e con resolución, nun proceso de mellora continuada que necesariamente debe impulsar e liderar, como é a súa obriga, a Administración pública do noso País coa activa contribución do conxunto dos axentes sociais.

Dos datos estatísticos e os informe aportados e elaborados polo ISSGA, esperamos que dende a Comisión de Análise da Sinistralidade grave e mortal na Galiza, recentemente creada,  seremos capaces de acoutar os sectores preferentes de actuación e aquelas actividades que están a xerar unha maior accidentabilidade grave e mortal, co gallo de propoñer estratexias de actuación tendentes a identificar e posteriormente eliminar e/ou controlar aqueles factores de risco desencadeante deste tipo de sinistralidade.

Neste senso e só a nivel de mostra, parécenos interesante o seguinte cadro extraído dun informe/estudo do noso Instituto que nos indica a distribución porcentual dos accidentes investigados por bloques de causas nos distintos sectores/actividades no período 2005-2017.

Fontes: ISSGA //GTCSL

 

Ligazón ao artigo "Sinistralidade laboral grave e mortal na Galiza. Orixe e delimitación de causas. CIG" en formato imprimible

Ligazón ao  Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 37


No PDF adxunto tes este artigo en formato imprimible

 

Documentos

ARTIGO 3 BOLETÍN GALEGO 37.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS