Financiado por:
/ Portada / Datos estatísticos

Sinistralidade laboral Galiza 2017

17-09-2018 - INSST

Nesta monografía actualízanse e amplíanse os datos relativos á sinistralidade laboral en Galicia obtidos no mes de febreiro do 2018. A información agrúpase nas seguintes epígrafes: Accidentes de traballo sen baixa, accidentes de traballo con baixa, accidentes de traballo mortais, Índices de incidencia, variación interanual dos accidentes con baixa en xornadade traballo ocorridos nos últimos dez anos, enfermidades profesionais e patoloxías non traumáticas causadas polo traballo.

Esta publicación elaborouse coa información obtida dos partes de accidentes de traballo, enfermidades profesionais e enfermidades relacionadas co traballo notificadas á autoridade laboral galega mediante os sistemas Delt@ (Declaración electrónica de traballa dores accidentados), CEPROSS (Comunicación de enfermidades profesionais na Seguridade Social) e PANOTRATSS (Patoloxías non traumáticas) do persoal traballador afiliado á Seguridade Social que teña cubertas as ditas continxencias.

Accidentes de traballo: na Orde TAS/2926/2002, do 19 de novembro, do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, establécese que a comunicación de partes de accidentes de traballo debe realizarse por medios electrónicos a través dunha aplicación informática denominada Delt@. Os accidentes de traballo poden, ou non, producir a baixa laboral do persoal traballador. Estes accidentes poden ocorrer durante a xornada de traballo (no propio centro, noutro centro ou en desprazamentos), ou ben ao ir ou volver do traballo, denominándose nestes casos accidentes in itínere. Neste documento realízase a elaboración estatística sobre os accidentes de traballo con baixa en xornada laboral, indicándos e de xeito separado, o número de accidentes in itínere. A explotación realízase clasificando os accidentes segundo o grao da lesión en: leves, graves (incluíndo os moi graves) e mortais; e segundo algunhas das variables incorporadas no parte de accidente de traballo: sectores de actividade, forma de producirse o accidente, natureza da lesión, parte do corpo lesionada, sexo, idade, nacionalidade do persoal traballador accidentado, cadro de persoal, antigüidade na empresa e no posto de traballo, hora do día, hora do traballo, día da semana , etc. Con todo o anterior, faise unha caracterización atendendo aos múltiples aspectos do accidente laboral. Ademais, en consideración á súa importancia, trátanse por separado os accidentes de traballo mortais.

Enfermidades profesionais: na Orde TAS/1/2007, do 2 de xaneiro, establécese dende o 1 de xaneiro de 2007 que as enfermidades profesionais se tramitan por medios electrónicos, a través da aplicación informática CEPROSS. A Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social será a responsable da administración da aplicación. A dita unidade directiva remite mensualmente á autoridade laboral un arquivo coas enfermidades profesionais que corresponden a Galicia. Cos datos recibidos elabórase a información estatística relativa ás enfermidades profesionais contida nesta monografía anual.

Patoloxías non traumáticas causadas polo traballo: O sistema PANOTRATSS deseñouse co obxectivo de comunicar as patoloxías non traumáticas causadas ou agravadas polo traballo,de acordo co artigo 156.2e) e 156.2f) do Real decreto lexislativo 8/2015 de 30 de outubro polo que se aproba o texto refundido da Lei Xeral da  Seguridade Social. Esta base de datos recollerá as enfermidades non  incluídas na lista de enfermidades profesionais que contraia o traballador con motivo da realización do seu traballo, sempre que se probe  que a  enfermidade tivo por causa exclusiva a execución deste. Tamén conterá as enfermidades ou defectos, padecidos con anterioridade polo traballador, que se agraven como consecuencia da lesión constitutiva do accidente. O contido do ficheiro está declarado na disposición adicional terceira da Orde TIN 1448/2010, do 2 de xuño.

Fonte: ISSGA

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS