Financiado por:
/ Portada / Datos estatísticos

Sinistralidade laboral: un monstro que non para de medrar

24-12-2015 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 17

Dende a promulgación da vixente reforma laboral do ano 2012, aprobada e impulsada polo Goberno do PP, o mercado de traballo no Estado español está a sofrer unha imparable e progresiva situación de desestruturación e deterioro. A extensión da precariedade na contratación, a degradación das condicións de traballo, a desvirtuación da negociación colectiva, o temor á perda do emprego e a indefensión manifesta na que se atopa a clase traballadora tras a reforma da lexislación laboral, veñen en derivar nun notable incremento da sinistralidade e nunha progresiva destrución e inoperancia dos mecanismos de protección da saúde laboral.

A realidade é que a reforma laboral promovida por este Goberno, ten outorgado aos empresarios/as a capacidade e o poder absoluto para determinar as condicións de traballo da poboación traballadora. A maioría das veces, dun xeito inhumano, inxusto e extremadamente abusivo; producindo situacións como xornadas de traballo interminables, case sempre mal pagadas ou simplemente non pagadas; imposición de horarios anacrónicos, cambiantes e excesivos; salarios de miseria cando non de puro escravismo; movilidade funcional e territorial a capricho do/a empresario/a; incremento desaforado dos ritmos e cargas de traballo…, etc. Todo isto, unido a uns procedementos de despedimento extremadamente sinxelos e baratos que apenas necesitan de xustificación, rematan por colocar aos traballadores/as nunha situación de indefensión e incertidume permanente, tendo que aceptar unhas condicións de traballo realmente inaceptables, e vendo extraordinariamente minguada a súa seguridade e saúde laboral.

Un dos efectos sinérxicos á vez que perversos derivados da conxunción de crise económica e reforma laboral, é o continuado descenso nos investimentos en prevención realizados polas empresas. Circunstancia esta que se produce á vez que as súas organizacións patronais (CEOE e CEPYME), presionan sen rubor para promover reformas lexislativas destinadas a relaxar, e en última instancia desregular, a normativa e as súas esixencias en materia de prevención de riscos laborais.

Se baixamos aos números, a pesares que o actual sistema de recollida de información en materia de accidentes tende a rebaixar e enmascarar o alcance real das cifras; atopámonos con que no ano 2013 o índice de incidencia (nº de accidentes cada cen mil traballadores/as) incrementouse nun 2% respecto ao ano anterior. Que no ano 2014 a sinistralidade laboral computada polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, voltou a rexistrar un importante incremento respecto a anos anteriores -tanto en termos absolutos como en termos relativos (índice de incidencia)-, experimentando un 3,4% de subida no número de accidentes con baixa en relación ao ano 2013, e un 1,6% de subida nos accidentes mortais en relación ao mesmo período. Preocupante tendencia de incremento esta que non acontecía dende o ano 2007.

Por outra banda, segundo os últimos datos rexistrados que até agora temos, referidos ao primeiro semestre do presente ano 2015, os accidentes de traballo con baixa producidos durante a xornada laboral teñen medrado no Estado español nun alarmante 6,7%. En concreto neste período se teñen producido 254.197 accidentes laborais rexistrados, dos cales 166.471 foron sufridos por homes, un 7,6% máis que o ano anterior; e 87.726 foron sufridos por mulleres, o que supón un 5,1% de incremento da sinistralidade sobre o mesmo período.

Se facemos un acumulado do aumento da sinistralidade experimentada nos tres últimos anos, en relación ao índice de incidencia dos accidentes rexistrados con baixa, atopámonos con que o incremento da mesma é dun alarmante 12,1%. Alarma que aínda podería verse notablemente incrementada, se ampliáramos o período de análisis e incluíramos no mesmo os accidentes sen baixa. Accidentes sen baixa en moitos casos, consecuencia das presións das empresas ou do temor fundamentado dos/as traballadores/as a perder o seu emprego, mais tamén como consecuencia do palpable endurecemento dos criterios, que as mutuas están a aplicar aos traballadores/as para concederlles a baixa laboral logo dun accidente.

Sorprende tamén o dato, por irreal e distorsionado, que do total de accidentes rexistrados neste semestre, 251.906 foran considerados como leves, e que curiosamente só en 2006 casos a súa cualificación fora a de grave.

Para comprender este anacronismo, temos que saber que o promedio diario de falecementos por accidente laboral no Estado español é de 2 traballadores/as,  e que a maioría dos accidentes que acontecen nos centros de traballo, son sistematicamente cualificados como leves por unha parte importante dos/as empresarios/as. Este é un factor relevante de inestimable importancia, xa que por unha banda se o accidente tivera a cualificación de grave debería ser investigado, o que posiblemente acarrearía as sancións correspondentes aos empresarios/as polas infraccións cometidas, e por outra, permitiría a través da investigación da Inspección de Traballo averiguar as causas e as responsabilidades do accidente como primeiro paso para que este non se volva a producir.

No que se refire aos accidentes acontecidos nos desprazamentos de ida ou volta do traballo, os chamados in itínere, teñen medrado un significativo 7,7%.

Mais sen dúbida, sendo conscientes da importancia das cifras que acabamos de ver, o máis preocupante, se cadra, desta información estatística, son os 285 traballadores/as que neste primeiro semestre do ano teñen perdido a súa vida en accidentes laborais. Accidentes mortais estes que veñen a supoñer un doloroso incremento do 3,3% sobre o mesmo período do anterior ano 2014.

No ranquing de accidentes mortais por sectores produtivos, en termos absolutos o sector servizos con 122 traballadores/as falecidos/as e un incremento do 11,9% sobre o mesmo período do ano anterior, figura á cabeza desta tétrica listaxe. Mais é o sector da Industria con 60 traballadores/as falecidos/as no que vai de ano, o que en termos relativos experimenta cun 30,4% o maior incremento da mortalidade.

Neste senso, se atendemos ás causas de morte durante a xornada laboral, os accidentes cardiovasculares acumulan neste primeiro semestre 111 mortes rexistradas, cantidade altísima que sen dúbida ten que ver co estrés laboral que cada día teñen que soportar máis traballadores/as, pero que en termos absolutos supón unha redución do 8,1% respecto ao mesmo período anterior.

Os accidentes mortais como consecuencia de “choques e golpes con obxectos en movemento” suman 41 traballadores/as falecidos/as; nada menos que un 310% máis que no mesmo semestre do ano anterior.

No que atinxe aos accidentes mortais in itínere, suman neste primeiro semestre 46 traballadores/as falecidos/as, un 13,2% menos que no mesmo período anterior.

En relación ás Enfermidades Profesionais, os últimos datos aos que tivemos acceso do Observatorio das Continxencias Profesionais da Seguridade Social, indican que nos primeiros nove meses do ano 2015 foron declaradas 14.517 enfermidades profesionais, incrementándose nun 13% o número de enfermidades declaradas en relación ao pasado ano 2014. Destas enfermidades profesionais declaradas, un 53,37% o foron sen baixa laboral asociada, e un 46,63% o foron con baixa laboral.

Se ás 14.517 enfermidades profesionais declaradas até o mes de setembro, lles sumáramos as 3.887 patoloxías non traumáticas causadas polo traballo (non teñen a consideración de enfermidade profesional), atopariamonos con que nos primeiros 9 meses deste ano se declararon 18.404 patoloxías profesionais relacionadas co traballo, o que supón un promedio de 67 traballadores/as diarios.

A pesares das cifras podemos afirmar, que ao día de hoxe segue a existir un notable subrexistro e infranotificación de enfermidades profesionais, o cal en gran medida ten moito que ver coa adxudicación de competencias realizada a favor das Mutuas, para o pago das pensións por incapacidade permanente derivadas de enfermidades profesionais que antes abonaba o INSS. A partir dese momento e por motivos evidentes que fundamentalmente teñen que ver con aforros económicos a costa da saúde dos/as traballadores/as, e coa prevalencia das ideoloxías que postulan a protección das empresas privadas e o seu benefico económico fronte o dereito do interese público e social, as declaracións de enfermidades profesionais  pasaron a ter que superar moitos máis atrancos dos razoablemente esixibles para o seu recoñecemento e tramitación.

No caso da Galiza, a sinistralidade laboral no ano 2014 supuxo un total de 11.130 accidentes, incrementándose nos primeiros seis meses deste ano 2015 nun estratosférico 9,74%. Ademais con 29 accidentes mortais neste primeiro semestre, a Galiza lidera os índices de mortalidade laboral no conxunto do Estado. Dos 29 accidentes mortais acontecidos no noso País, 14 (48,28%) producíronse en A Coruña, 7 (24,14%) en Pontevedra, 5 (17,24%) en Ourense e 3 (10,34%) en Lugo.

Con estes datos o noso País prácticamente duplica neste período a media Estatal de accidentes mortais, cun índice de incidencia de 0,554 puntos fronte aos 0,285 puntos de incidencia da media do Estado español.

No conxunto, neste período rexistráronse na Galiza un total de 12.214 accidentes, dos cales 12.017 foron cualificados como leves (98,36%), 168 foron cualificados como graves (1,37%) e 29 accidentes (0,27%) foron de caracter mortal.

Por provincias a distribución da sinistralidade total repártese do seguinte xeito: A Coruña 5.421 accidentes (44,38%), Pontevedra 4.236 (34,68%), Lugo 1.299 (10,64%) e Ourense 1.258 (10,30%).

Na Galiza evidénciase que o deterioro da situación preventiva é incluso máis alarmante que o que acontece no conxunto do Estado español. A inoperancia acadada nestes últimos anos por unha Xunta de Galiza gobernada polo PP raia o esperpéntico. Inoperancia que se explica non só polos terribles e desgraciados datos de sinistralidade que arrastra o noso País, senón que tamén, por iniciativas políticas de Goberno tales como a supresión (eliminación) unilateral da Subdirección Xeral de Saúde Laboral, cuxas funcións e competencias foron trasladadas, -sen participación nin consulta dos axentes sociais-, á Dirección Xeral de Emprego que dentro da mesma Consellería de Traballo tivo que asumir mal que ben, unhas competencias e responsabilidades para as que a todas luces non estaban preparados. Mais isto non quedou aí, aos poucos meses, tamén sen previo aviso nin consulta algunha, elimináronse a propia Consellería de Traballo e a Consellería de Industria, para rematar fusionándoas nunha nova mega-Consellería liderada pola Consellería de Economía, que pasou a denominarse “Consellería de Economía, Emprego e Industria”, desdibuxándose de novo o conxunto das competencias, funcións e responsabilidades públicas que a administración e por ende o poder político autonómico teñen con Galiza en materia de prevención de riscos e saúde laboral. Un auténtico despropósito que revela ás claras tanto o nulo nivel de sensibilidade e responsabilidade político-social do Goberno da Xunta do PP nesta materia, como a situación de fracaso e desastre que sofre a prevención no noso País, cuns niveis de sinistralidade totalmente inxustificables, ante a inanición dunha administración autonómica que mira para outro lado e por exemplo, plantexa para o vindeiro ano 2016 unha redución orzamentaria intolerable do 95%, no capítulo VI (inversións reais) dos orzamentos do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA); posiblemente a única entidade pública galega realmente operativa e cualificada para actuar coa eficacia e o rigor técnico necesario nesta materia.

Á vista dos feitos, a conclusión é simple e meridianamente clara: o Sistema Preventivo no Estado español (e na Galiza particularmente) non funciona;  as empresas seguen sen posuir nin asumir unha auténtica cultura preventiva; a lexislación normativa en materia de prevención segue sen cumplirse nin aplicarse; a integración da prevención nos distintos niveis da empresa segue a ser unha entelequia, e os investimentos en prevención das empresas (e incluso das Administracións) brilan cada vez máis pola súa ausencia. Se a esto lle sumamos a evidente falta de sensibilidade, de rigor, de intelixencia, de decisión e de vontade política para facer da prevención de riscos laborais un elemento fundamental, consustancial e irrenunciable do mundo do traballo, un factor estratéxico de desenvolvemento e competitividade empresarial, e un dos principios fundamentais dun estado social e de dereito; as casusas da súa falta de implantación, da súa ineficacia, e máis se cabe aínda, da súa ineficiencia, pasan a ser evidentes e diáfanas.

Podes imprimir este artigo, en formato folleto, no PDF adxunto.

Documentos

ARTIGO 3 BOLETÍN GALEGO 17.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS