Financiado por:
/ Portada / Datos estatísticos

O ISSGA contabiliza 216 notificacións de enfermidades profesionais no terceiro trimestre do 2013

04-11-2013 - DATOS ESTATÍSTICOS

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) recibiu no terceiro trimestre deste ano 216 partes de enfermidades profesionais, dos que 125 foron con baixa. Por sexos, 118 dos afectados eran mulleres e 98 homes. Con respecto ao mesmo período do ano pasado, no cal se comunicaron 210 partes de enfermidade, o incremento foi do 2,86 por cento.

Os sectores dos servizos e da industria son os que rexistraron máis partes de enfermidades profesionais. Nos servizos producíronse 115 casos e na industria 80, seguidos da construción, que rexistrou 12; da pesca, con 5 partes; e da agricultura, con 4 casos. No sector servizos, as notificacións afectan en maior grao ao colectivo feminino e no caso das rexistradas no sector de industria, ao masculino. En ambos os dous casos, a maioría das patoloxías detectadas son provocadas por axentes físicos, e máis concretamente lesións osteomusculares.

Por grupos de enfermidades, o maior número de casos foron provocados por axentes físicos, 160, dos que 91 foron con baixa. As provocadas por posturas forzadas e movementos repetitivos no traballo supoñen o maior número de enfermidades deste grupo; seguidos das enfermidades producidas por axentes biolóxicos con 22 casos, 17 deles con baixa.

Con respecto ás enfermidades orixinadas por inhalación de sustancias e axentes non incluídos nos outros grupos houbo 14 casos, deles 8 con baixa; no de enfermidades da pel por sustancias e axentes non comprendidos nos outros grupos comunicáronse 14 casos, deles 5 con baixa; no de axentes químicos houbo 6 partes, 4 deles con baixa; e no grupo de axentes carcinóxenos non houbo ningún parte de enfermidade.

Por provincias, o maior número de partes procede de Pontevedra, onde se notificaron 118, deles 64 cursaron con baixa. Na Coruña houbo 51 comunicacións, delas 32 con baixa. En Ourense rexistráronse 31 partes, dos que 20 foron con baixa. E en Lugo houbo 16 casos, 9 deles con baixa.

Acceso á Información Estatística das Enfermidades Profesionais no terceiro trimestre de 2013.

Fonte: ISSGA

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS