Financiado por:
/ Portada / Datos estatísticos

O 82,2% das enfermidades profesionais están causadas por axentes físicos

11-04-2012 - Observatorio de enfermidades profesionais

Os axentes físicos -posturas forzadas, ruído ou presión, entre outras- están na orixe da maior parte das enfermidades profesionais, cunha incidencia dun 82,2% sobre o total. O tramo de idade máis vulnerable ás patoloxías profesionais sitúase ao redor dos 40-44 anos e varía para homes e mulleres, segundo as conclusións que reflicte a estatística de xaneiro e febreiro do Sistema de Comunicación de Enfermidades Profesionais da Seguridade Social (CEPROSS), publicadas en www.seg-social.es

As enfermidades profesionais agrúpanse segundo os axentes causantes en seis grupos: químicos, físicos, biolóxicos, por inhalación de sustancias e axentes non comprendidos noutros apartados, enfermidades da pel causadas por axentes e sustancias non comprendidos en ningún apartado anterior e axentes carcinoxénicos.

Entre xaneiro e febreiro deste ano emitíronse 3.140 partes de enfermidade profesional dos cales 1.727 corresponden a homes e 1.413 a mulleres, o 55% e o 45%, respectivamente. Case a metade, o 48,31%, emitíronse sen baixa laboral.

Por grupos de idade, o 17,4% dos partes concéntranse entre os 40 e os 44 anos, seguidos do 15,5% que representan os que teñen entre 35 e 39 anos. Hai diferenzas de xénero en canto á idade en que teñen maior incidencia as enfermidades profesionais. Entre as mulleres o maior número de partes de enfermidade profesional concéntrase entre os 40 e os 49 anos, mentres que para os homes, entre os 35 e os 44 anos.

Por xéneros, os homes, co 44,52%, son os máis afectados polo grupo de axentes físicos, o 37,74% no caso das mulleres. Neste grupo prodúcese a maior porcentaxe de baixas laborais por enfermidades profesionais co 41,82%.

Segundo a actividade económica, o 44,24% dos partes de enfermidades profesionais con baixa laboral corresponde á industria manufacturera; o 13,56% ao comercio, reparación de vehículos de motor e artigos persoais e de uso doméstico; o 8,38% á construción; e o 7,89% a actividades administrativas e servizos auxiliares.

O Observatorio de Enfermidades Profesionais creouse como consecuencia da actualización do cadro de Enfermidades Profesionais (Real Decreto 1299/2006, de 10 de novembro) e desenvolve o sistema de Comunicación de Enfermidades Profesionais na Seguridade Social (CEPROSS). Este sistema mellora o fluxo de información entre as distintas administracións, institucións, organizacións e entidades interesadas no coidado e prevención de riscos laborais.

Ademais, o CEPROSS incorpora un servizo de alertas que ofrece a posibilidade de detectar, en tempo real, aquelas empresas que superan os límites de alerta establecidos. A través destes sistemas, a Seguridade Social desenvolve unha vixilancia permanente que permite detectar os problemas de saúde laboral e realizar un diagnóstico precoz.

 

Fonte de Datos: Ministerio de Traballo e Inmigración

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS