Financiado por:
/ Portada / Datos estatísticos

Máis da metade das empresas non investigan os accidentes de traballo, a pesares de ser legalmente obrigatorio

30-05-2019 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 32

A lei de Prevención de Riscos Laborais (LPRL) no seu artigo 16.3 obriga ao empresario a “investigar os feitos que teñan producido un dano para a saúde dos traballadores/as, co gallo de detectar as causas destes feitos”. Se nos atemos literalmente ao artigo 16.3 da LPRL, a obriga do empresario é a de investigar todos aqueles accidentes con consecuencias lesivas para os traballadores/as afectados.

Transcendendo esta delimitación formal en relación á obriga de investigación de “accidentes con consecuencias lesivas para os traballadores/as” e facendo unha lectura ampla da LPRL en consonancia co seu espírito e filosofía, resulta evidente que esta delimitación resulta a todas luces insuficiente ao non incluír todos aqueles “accidentes brancos” ou tamén chamados “incidentes” que, por unha ou outra circunstancia non remataron ocasionando lesións aos traballadores/as. A súa necesaria investigación permitiría identificar situacións de risco descoñecidas ou infravaloradas ata ese intre, posibilitando a implantación de medidas correctoras para o seu control sen ter que esperar a que acontezan accidentes lesivos para os traballadores/as.

Os obxectivos dunha investigación de accidentes consisten esencialmente por unha banda en:

Así as cousas parece lóxico e necesario que dada a súa obriga legal e as consecuencias que deste acto se derivan, o empresario debería en principio investigar todos os accidentes de traballo. Neste senso existen diversos criterios para seleccionar e discriminar que accidentes ou incidentes deben ser sempre investigados.

A Organización Internacional do Traballo (OIT), considera que se deben investigar os accidentes que:

Por outra parte o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) ao considerar que é imposible investigar todos os accidentes, estabelece os seguintes criterios:

ü Notable frecuencias repetitiva

ü Risco potencial de orixinar lesións graves

ü Que presenten causas non ben coñecidas

Que acontece se non se investiga un accidente ou incidente?

Se incumpre unha obriga legal estabelecida para o empresario, tanto para accidentes como para incidentes. Este incumprimento empresarial constitúe unha infracción tipificada como grave, xustificada pola perda de importantísima e vital información para realizar actividades preventivas eficaces.

En calquera caso resulta conveniente que naquelas empresas nas que exista un Comité de Seguridade e Saúde Laboral, se estabelezan os criterios sobre o tipo de accidentes e incidentes que se investigarán e o grado de intensidade que en cada caso terán que ter esas investigacións.

Asemade deberíase garantir a participación dos delegados/as de prevención na investigación de accidentes e incidentes, non só por ser unha obriga legal do empresario, senón porque a súa participación facilita a obtención de información fundamental de primeira man que está máis achegada á realidade de traballo.

A NON INVESTIGACIÓN DOS ACCIDENTES DE TRABALLO POLAS EMPRESAS

Como xa vimos anteriormente a investigación dos accidentes/incidentes de traballo é un instrumento necesario e imprescindible para coñecer as causas que os provocaron, de tal xeito que se poidan adoptar as medidas preventivas necesarias para eliminar esas causas e reducir a posibilidade de que se poidan repetir ese tipo de accidentes.

No caso de accidente o empresario está legalmente obrigado a notificar por escrito á autoridade laboral os danos para a saúde sufridos polos traballadores/as ao seu servizo no desenvolvemento das súas actividades laborais (artigo 23.3 da LPRL), a través do Sistema de Declaración Electrónica de Accidentes de Traballo (Delt@) ou o sistema equivalente que estea estabelecido na correspondente Comunidade Autónoma.

Pois ben, a pesares das prescricións normativas, as determinacións legais e os sistemas de comunicación habilitados para asegurar o cumprimento destas obrigas, a maioría dos empresarios do estado español incumpren flagrantemente a súa obriga legal de investigar os accidentes de traballo acontecidos na súa empresa.

Aínda que dende a Enquisa Nacional de Xestión da Prevención realizada no ano 2009 polo chamado en aquel entón Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT), que xa puxera de manifesto que só un 35% das empresas españolas investigaba os accidentes, -sorprendentemente non se volveu facer a nivel estatal unha enquisa destas características-, en cambio si sabemos que só o 60% das empresas que contratan un servizo de prevención alleo (SPA) contratan a actividade preventiva de investigación de accidentes de traballo.

Por outra banda se acudimos á II Enquisa sobre Xestión Preventiva das Empresas Andaluzas realizada no 2014 e alta-mente representativa do que acontece no conxunto do Estado, os resultados afianzan contundentemente o dito ata agora. Segundo esta enquisa só un 28,4% das empresas andaluzas in-vestigan os accidentes laborais dos traballadores/as ao seu servizo.

Máis recentemente, no ano 2016, a Enquisa Anual Laboral (EAL) realizada polo Ministerio de Traballo e que excepcionalmente ese ano incluíu un apartado sobre prevención de riscos laborais, a pesares de que na mesma se excluíron sectores como agro, gandería, silvicultura, pesca, educación, defensa, administración pública, empregadores de persoal doméstico, actividades sanitarias e de servizos sociais, e que esta foi dirixida a empresas de cinco ou máis traballadores/as, o resultado da mesma revelou que só un 34,4% das empresas españolas investigaba os accidentes laborais. Isto é, que o 65,6% das empresas non cumpren coa súa obriga legal de investigar os accidentes.

Así as cousas parece evidente que estamos ante un problema cronificado e cunha longa traxectoria histórica que parece non preocupar demasiado nin aos distintos partidos de Goberno dos últimos anos, nin tan sequera á propia Inspección de Traballo que non inclúe no seu Plan Estratéxico 2018-2020 ningún tipo de actuación destinada a paliar esta perigosa situación.

Se temos en conta que os accidentes non investigados rondan o 60%, is-to supón que uns 300.000 accidentes de traballo quedan anualmente sen investigar, sen que isto conleve ningún tipo de sanción para a infinita maioría das empresas que non cumpren coa legalidade nesta materia.

Tal é así que segundo a propia Memoria da Inspección de Traballo correspondente ao ano 2017, no apartado sobre “Investigación de Accidentes de Traballo (AT) e Enfermidades Profesionais (EEPP)”, se computaron un total de apenas 1.501 actuacións nesta materia, das que tan so 110 derivaron en proposta de sanción e 230 en requirimento. Así as cousas non é de estrañar que os empresarios sexan conscientes da súa impunidade para seguir sen cumprir coa obriga de investigar os accidentes de traballo dos seus empregados/as. Hoxe por hoxe a posibilidade de que os sancionen é practicamente insignificante.

Propostas de mellora

Mais esta situación con vontade política e a necesaria sensibilidade laboral é perfectamente abordable, cando menos para mellorar substancialmente a calamitosa e preocupante situación actual. Aparte da evidente necesidade de incrementar dunha maneira importante o número de actuacións da Inspección de Traballo nesta materia dándolle a prioridade que realmente merece, poderían adoptarse outras iniciativas sinxelas que contribúan a mudar esta cronificada e inadmisible situación, a saber:

“Investigar un accidente de traballo hoxe constitúe a base para impedir que se poida repetir mañá”

Podes imprimir este artigo, en formato folleto, no PDF adxunto.



 

Documentos

ARTIGO 1 BOLETÍN GALEGO 32.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS