Co financiamento de:
/ Portada / Datos estatísticos

Informe de accidentes laborais de tráfico 2021

18-10-2022 - INSST

O Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo vén elaborando, dende 2007, informes relativos á sinistralidade laboral relacionada co tráfico. Neles constátase que os accidentes relacionados co tráfico e a mobilidade da poboación traballadora teñen un papel tristemente destacado, tanto polo seu número como pola súa gravidade, polas secuelas que producen e polo custo persoal e económico que supoñen para a sociedade. Estes datos avalan de forma incuestionable a prioridade de actuar neste campo para minimizar os riscos existentes. Este documento presenta os resultados correspondentes ao ano 2021, tentando desta maneira contribuír á prevención eficaz destes sinistros e poñendo de manifesto a necesidade de tomar medidas que contribúan á súa redución.

No ano 2021 rexistráronse 601.123 accidentes laborais de tráfico que representan un 10,9% do total de accidentes de traballo. Neles faleceron 216 persoas traballadoras, un 29,1% dos accidentes mortais de traballo.

Os accidentes laborais de tráfico (ALT) poden ocorrer durante a xornada laboral (ALT en xornada) e tamén no traxecto do domicilio ao traballo (ALT in itinere). Os primeiros sumaron 20.622 accidentes, nos que contabilizaron 100 falecidos, mentres que os segundos rexistraron 44.720 accidentes, con 116 falecidos.

As profesións que sufriron os ALT en xornada con maior intensidade foron os condutores/as e operadores/as de maquinaria móbil e traballadores/as de servizos de protección e seguridade. O grupo de idade máis afectado foron os menores de 25 anos. A incidencia foi maior nos homes, cun índice de incidencia 3,8 veces maior que o das mulleres.

No caso dos ALT in itínere, a incidencia é algo maior nas mulleres. O grupo de idade máis afectado foron os menores de 29 anos. Entre as ocupacións máis afectadas destacaron os peóns da agricultura, pesca, construción, industrias manufactureiras e transportes; e os traballadores/as de restauración e comercio.

Do total dos 601.123 accidentes de traballo con baixa que se produciron no ano 2021 no Estado, 65.342 foron accidentes de tráfico, chamados accidentes laborais de tráfico (ALT) que representan un 10,9% do total de accidentes de traballo. Dos cales, un 57,8% foron accidentes in itínere.

En canto á gravidade, o peso porcentual do ALT nos accidentes de traballo leves é do 10,8% e este aumenta progresivamente a medida que os accidentes son máis graves: así, os ALT representan o 19,4% dos accidentes de traballo graves e no caso dos accidentes de traballo mortais os ALT constitúen o 29,1%.

No presente informe, tentando profundar nas características fundamentais e diferenciadoras dos ALT en xornada de traballo e os ALT in itínere procédese ao estudo dos mesmos de forma separada. Así mesmo, analízanse baixo esta mesma óptica os ALT mortais dado o seu peso porcentual dentro do conxunto dos ALT.

Ao analizar as comparacións dos datos de 2021 cos do ano anterior que se presentan ao longo de todo o informe, débese ter presente a excepcionalidade dos datos de sinistralidade do ano 2020, como consecuencia das restricións laborais e sociais adoptadas para a xestión da pandemia.

Ligazón ao Informe de accidentes laborais de tráfico 2021

 

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS