Financiado por:
/ Portada / Datos estatísticos

Análise da sinistralidade e as súas causas nas Obras menores: Propostas de actuación. Informe do Grupo de Traballo da Construción, da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST).

12-03-2016 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 18

As Obras menores a pesares da súa pequena contía, curta duración e ausencia de proxecto, implican con frecuencia traballos de alta perigosidade que arroxan cifras de sinistralidade altamente preocupantes. Sinistralidade que aparece asociada á falta de cumprimento por parte das empresas implicadas das súas obrigas en materia de PRL e dunha inaxeitada xestión da seguridade na saúde neste tipo de obras.

Así con data 9 de abril do ano 2014 constituíuse, no seo do grupo de traballo da Construción da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST), o subgrupo de traballo de Análise da sinistralidade e as súas causas en obras menores (SGT), co obxectivo de identificar os elementos críticos en relación aos riscos de seguridade e saúde aos que están sometidos os/as traballadores/as que executan este tipo de obras, co gallo de determinar as accións prioritarias destinadas a mellorar a súa seguridade.

Non existindo polo de agora unha definición de obra menor que describa con exactitude os elementos conceptuais que a delimitan, atendendo ao sentido común e a experiencia, así como ás referencias proporcionadas polas normas urbanísticas, podemos estabelecer que “unha obra menor é unha obra de pequeñas dimensións, pouca contía económica e curta duración, que se desenvolve cun número reducido de traballadores/as e non afecta a elementos estruturais que conleven unha especial responsabilidade”.

 O SGT para a realización da caracterización da sinistralidade procedeu a obter información sobre os datos de accidentes graves e mortais acontecidos en obras menores, que foron investigados polas CCAA do ano 2010 ao primeiro semestre do ano 2014, accidentes referidos a obras de construción realizadas fóra das instalacións propias das empresas, dunha pequena contía e que non afectaban a elementos de especial responsabilidade nin esixían proxecto para a súa tramitación.

Como resultado da análise realizada destaca notablemente o feito de que, un 61% dos accidentes de traballo graves ou mortais foron consecuencia de caídas en altura, dato este que debido a que o resto das causas tiveran unha incidencia porcentual inferior ao 5%, determinaron que a análise de esta forma de accidente centrara o desenvolvemento deste estudio.

Resultados máis destacados obtidos da análise realizada sobre os accidentes de traballo acontecidos por caídas en altura nas obras menores

Un 26% dos AT afectou a traballadores/as clasificados/as na ocupación de peóns da construción e da minería.

Un 35% dos/as traballadores/as accidentados/as non recibira formación en PRL segundo o V Convenio colectivo xeral do sector da construción, e nun 37% dos/as traballadores/as non consta a información.

Un 75% dos/as traballadores/as accidentados pertencían a empresas dos CNAE 41-43.

Un 67% das empresas tiñan menos de 10 traballadores/as e un 51% menos de 6 traballadores/as.

No 53% dos accidentes non existía documentación de Prevención dos Riscos Laborais na obra, e no 34% non consta esa información.

Nun 46% dos casos os traballos que realizaban os/as traballadores/as accidentados/as eran de rehabilitación.

No 72% dos accidentes non se tiñan adoptado nin implantado medidas preventivas.

 

Causas máis frecuentes das caídas en altura en obras menores, expresadas en porcentaxe en relación ao total de accidentes

No 32% dos casos, ausencia/deficiencia de proteccións colectivas fronte ás caídas en altura.

No 30% dos casos, non identificación dos riscos que deron lugar ao accidente.

No 23% dos casos, métodos de traballo inadecuados.

No 21% dos casos, inexistencia ou insuficiencia dun procedemento.

No 16% dos casos, falta de seguridade estrutural ou falta de parámentos.

No 15% dos casos, non utilización dos equipos de protección individual obrigatorios postos a disposición pola empresa.

No 14% dos casos, formación e/ou información inadecuada ou inexistente sobre a tarefa a desenvolver.

No 13% dos casos, método de traballo inexistente.

Dos datos obtidos da descrición dos accidentes segundo consta nas investigación realizadas:

    Practicamente a metade dos accidentes de traballo producíronse por caídas dende unha cuberta, e o resto maioritariamente dende unha escaleira ou dende unha plataforma ou estada.

    O 77% das empresas ás que pertencían os/as traballadores/as accidentados/as tiñan como modalidade preventiva Servizos de Prevención Alleos (SPA).

    Nun 35% dos accidentes nin tan sequera se tiña realizado a apertura do centro de traballo, e nun 59% dos casos non constaba a información.

Da análise dos datos obtidos no seu conxunto derívase:

    O descoñecemento que tiñan moitas das empresas que realizaban estas obras menores, sobre as súas obrigas en materia de prevención de riscos laborais, o que finalmente implicaba unha insuficiente planificación dos traballos a realizar.

    A existencia dun importante nivel de “intrusismo” de empresas adicadas a este tipo de obras, que compiten a un baixo custo económico á vez que carecen da estrutura preventiva necesaria e realizan unha xestión manifestamente insuficiente da PRL.

    A dificultade existente para achegar ás pequenas empresas a información sobre as súas obrigas preventivas, os requirimentos técnicos esixibles e as súas responsabilidades en materia de prevención de riscos laborais.

Como consecuencia das análises realizadas da accidentalidade neste tipo de empresas adicadas á realización de obras menores, e da experiencia acumulada en materia preventiva, o SGT considera que os puntos críticos en materia de seguridade e saúde laboral para a realización destes traballos son os seguintes:

PUNTOS CRÍTICOS:

a)    Elevada sinistralidade asociada ao incumprimento das obrigas en materia de PRL das empresas contratistas.

b)    Insuficiente implicación dos promotores na necesaria integración da PRL na fase de concepción e contratación dos traballos, o que pode supor a contratación de empresas con insuficiente estrutura e deficiente capacidade de xestión preventiva para executar os traballos encomendados.

c)     Dificultade para divulgar información sobre as obrigas, aspectos técnico preventivos e toma de conciencia das súas responsabilidades en PRL, debido tanto ás características como á tipoloxía dos traballos que realizan estas empresas.

d)    A maior parte dos AT en obras menores prodúcense por golpes sobre ou contra, resultado dunha caída do/a traballador/a. A maior parte destas caídas prodúcense dende unha cuberta, unha escaleira ou dende unha estada ou plataforma, durante a execución de traballos de reparación, montaxe ou desmontaxe, mantemento ou limpeza.

Principalmente estes AT prodúcense:

-        Durante o ascenso ou descenso das cubertas mediante escaleiras de man fixas ou estadas, realizado dun xeito inadecuado.

-        No desprazamento por cubertas fráxiles en mal estado ou cunha pendente elevada e sen protección perimetral.

As causas principais destes AT son: a non identificación dos riscos que finalmente desembocan no accidente, a falta de métodos de traballo e a inexistencia ou deficiencia das proteccións colectivas fronte ás caídas en altura.

a)    Unha elevada porcentaxe dos/as traballadores/as accidentados por caídas en altura non recibiran a formación obrigatoria en materia de prevención de riscos laborais.

ACCIÓNS PRIORITARIAS

Co obxecto de reducir a sinistralidade nas obras menores e tendo en conta a causalidade deste tipo de AT, o SGT propón o fomento das seguintes accións prioritarias:

a)    Desenvolvemento de actividades divulgativas e de sensibilización co gallo de concienciar ás empresas que realizan obras menores sobre as súas obrigas en prevención e a necesidade de incrementar a súa cultura preventiva.

b)    Realización dunha análise específica das obras menores con traballos en cubertas que inclúa o acceso ás mesmas con equipos de traballo, co obxecto de identificar aspectos concretos susceptibles de mellora en materia de seguridade e saúde no desenvolvemento destes traballos, que cando menos deberían centrarse nos seguintes aspectos:

Recomendación de accións prioritarias a realizar

Deseño de edificacións considerando os aspectos de seguridade que afectan aos traballadores/as durante a reparación e mantemento dos mesmos.

Verificación da seguridade estrutural do elemento soporte dende o que se vai traballar.

Axeitada selección dos equipos de traballo.

Aplicación de procedementos de traballo seguros.

Incorporación de novas técnicas e tecnoloxías para a protección contra as caídas en altura.

Seguimento, supervisión e control dos traballos realizados.

Identificación de posibles eivas normativas.

Revisión dos documentos técnicos existentes.

Elaboración de novos documentos técnicos e divulgativos dirixidos ás empresas que realizan este tipo de traballos.

Por outra banda, no marco do presente informe do SGT aprobado polo pleno da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST), no ANEXO II recóllese un recordatorio das obrigas legais que en materia preventiva teñen promotores e contratistas para garantir a seguridade e a saúde dos/as traballadores/as, neste caso tamén na execución de obras menores, a saber:

PROMOTOR

Recabar e transmitir ao contratista información sobre os riscos e as medidas preventivas adoptadas na obra (especialmente en relación co emprazamento e concorrencia de empresas e traballadores/as autónomos), así como as medidas de emerxencia a aplicar.

Designar aos técnicos/as competentes para dirixir, executar, coordinar e supervisar a obra. A designación do/a Coordinador/a de Seguridade e Saúde na fase de execución é preceptiva sempre que interveñan na obra máis dunha empresa ou unha empresa e traballadores/as autónomos/as o diversos traballadores/as autónomos/as.

Realizar a coordinación e supervisión das condicións de seguridade e saúde na obra en cumprimento da lexislación aplicable.

 

CONTRATISTA

Apertura do centro de traballo previo comezo da obra (Orde TIN/1071/2010) acompañada da correspondente avaliación específica de riscos.

Estabelecemento dos procedementos de traballo seguro (que, quen e como se van realizar as tarefas), incluíndo as medidas de protección colectiva e individual axeitadas á obra.

Cumprir e facer cumprir aos subcontratistas e traballadores/as autónomos/as as medidas de seguridade e saúde estabelecidas nos procedementos de traballo.

Informar e formar aos traballadores/as en materia preventiva segundo o V Convenio Colectivo do sector da Contrución, prohibindo a peóns auxiliares e aprendices realizar traballos en altura sobre equipos, medios auxiliares ou elementos provisionais.

Inscribirse no REA e dilixenciar un Libro de Subcontratación se procede segundo a Lei 32/2006

Nomear recursos preventivos cando sexa esixible pola normativa de aplicación.

Documentos

ARTIGO 3 BOLETIN GALEGO 18.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS