Financiado por:
/ Portada / Datos estatísticos

Accidentes laborais no conxunto do Estado e na Galiza. Primeiro semestre 2016

13-10-2016 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 21

No Estado español durante os primeiros seis meses deste ano 2016 rexistráronse un total de 639.404 accidentes laborais; 39.506 accidentes laborais máis que no ano 2015, o que supón un incremento da accidentalidade total do 6,6%. Deste total dos 639.404 accidentes laborais, 276.069 cursaron con baixa laboral; isto é 21.872 traballadores/as máis que o ano pasado, o que supón un aumento porcentual do 8,6%.

Dos 276.069 accidentes que causaron baixa, 238.526 aconteceron durante a xornada laboral –un 8,5% máis que no ano 2015-, e 37.543 foron accidentes in itínere, un 9,3% máis que no mesmo período do ano pasado.

Así no seu conxunto, do total de accidentes laborais acontecidos neste primeiro semestre do 2016, un 43,17% causaron baixa laboral, e destes un 86,40% producíronse durante a xornada de traballo, e un 13,60% o foron “in itínere”, isto é no traslado de ida ou volta ao traballo dende a propia residencia.

Os accidentes sen baixa notificados foron 363.335, un 56,83% do total de accidentes notificados, experimentando un aumento de 17.634 accidentes en relación ao mesmo período do ano 2015, un incremento do 5,1%.

Por pólas de actividade, a hostalería cun 16,3% de incremento, así como a construción e as actividades administrativas cun 12,4% respectivamente, foron as actividades nas que porcentualmente máis aumentou a accidentalidade.

Atendendo ás causas dos accidentes de traballo, as lesións músculo-esqueléticas por sobre esforzos físicos con 94.686 casos ocupa o primeiro lugar, seguido dos choques ou golpes contra obxectos fixos, caídas e tropezóns con 57.523 accidentes, e dos choques ou golpes contra obxectos en movemento con 32.765 casos.

No que respecta aos accidentes con resultado de morte, pasouse dos 285 falecidos do primeiro semestre do ano 2015 aos 301 do mesmo período do ano 2016, un 5,6% de incremento dos accidentes mortais, dos que 226 (75%) aconteceron durante a xornada de traballo, e 75 (25%) o foron in itínere. Os 226 falecementos acontecidos en xornada laboral -13 menos que no ano anterior- supoñen un descenso do 5,45%, namentres que as 29 mortes máis acontecidas nesta primeira parte do ano nos desprazamentos in itínere supoñen un incremento do 63%.

Neste primeiro semestre do ano, cada día faleceron no Estado español dous traballadores/as, sendo as principais causas de falecemento durante a xornada laboral os accidentes cardiovasculares (infartos e derrames cerebrais) con 116 falecementos, os accidentes de tráfico con 36 e atrapamentos, aplastamentos e amputacións con 26.

A distribución dos accidentes mortais en xornada laboral por sectores de actividade amósanos que houbo 119 mortos no sector Servizos (39,53% do total), 46 na Industria (15,28% do total), 32 no sector agropecuario (10,63%) e 29 na construción (9,63%).

En canto ás enfermidades profesionais, ata xuño deste ano 2016 declaráronse no Estado español un total de 11.657 enfermidades profesionais, das cales 6.098 foron sen baixa asociada e 5.559 con baixa. Un 8,86% máis que o mesmo período do ano 2015 a pesares da gran bolsa de infradeclaración e do feito de que aproximadamente un 20% das enfermidades derivadas do traballo aínda non están recoñecidas de maneira efectiva no actual cadro de enfermidades profesionais, o que faría sen dúbida que o número de casos rexistrados fora moito maior.

Accidentes laborais no País Galego. Primeiro semestre 2016.

Galiza líder en sinistralidade laboral nesta primeira parte do ano 2016.

Nestes primeiros 6 meses do ano rexistráronse na Galiza un total 11.513 accidentes laborais, dos cales 11.281 foron cualificados como leves, 210 foron graves e 22 foron mortais.

A nivel provincial os 210 accidentes graves distribuíronse do seguinte xeito: na Coruña producíronse 83, en Pontevedra 79, en Ourense 25 e en Lugo 23.

Dos 22 accidentes laborais con resultado de morte acontecidos en Galiza, na Coruña producíronse 9, en Pontevedra 7, en Lugo 5 e en Ourense 1.

No ranking provincial en relación ao conxunto do Estado, Lugo con 1,077 puntos ocupa o segundo lugar co maior índice de incidencia por detrás unicamente da provincia de Huesca con 1,4 puntos, sendo as únicas dúas provincias que comparten a dubidosa honra de superar un índice de incidencia superior a 1.

Así logo, o primeiro semestre deste ano 2016, devolve a Galiza ao primeiro posto de sinistralidade laboral no Estado Español, alcanzando un índice de incidencia de accidentes laborais con resultado de morte (nº de accidentes cada 100.000 traballadores/as en activo) que alcanza os 0,519 puntos fronte aos 0,259 da media estatal, isto é un índice de incidencia que nos indica que neste 1º semestre do ano, proporcionalmente morreron na Galiza por accidente laboral o dobre de traballadores/as que a media do conxunto do Estado.

En termos comparativos en relación ao mesmo período do ano pasado, na Galiza no ano 2015 producíranse 167 accidentes graves fronte aos 210 computados no primeiro semestre do 2016; 43 accidentes máis que supoñen un incremento do 25,75%. Incremento dos accidentes graves que se experimentou en todos os sectores: no sector servizos pasouse de 48 a 56 accidentes, na industria de 40 a 48, na construción de 31 a 39 e no sector da pesca de 18 a 25. Isto é, porcentualmente no sector servizos produciuse un incremento dos accidentes graves do 16,66 %; no sector industrial do 20 %; na construción do 25,80% e na pesca dun estratosférico 38,88%.

No primeiro semestre do presente ano faleceron no Estado español como consecuencia dun accidente laboral 301 traballadores/as, 16 máis que no mesmo período do ano 2015, o que supón un incremento relativo do 5,61%. En termos de correlación, Galiza cos seus 22 traballadores/as falecidos representa o 7,31% do total de mortes por accidente laboral do Estado.

Unha reforma laboral brutal e inxustificada xunto a unha política antisocial de recortes extremos, ten derivado nunha profunda desestruturación do mercado de traballo, na precarización laboral a ultranza e nunha perda de dereitos sen parangón no ámbito das relacións laborais.

Derivado destas actuacións, en concomitancia coa visión actualmente dominante das políticas neoliberais no espazo económico europeo e galego, a prevención dos riscos laborais no seu conxunto e a seguridade e saúde dos/as traballadores/as en particular, ten pasado a un segundo plano fronte á pretensión empresarial de minimización dos gastos e maximización dos beneficios, aínda que en moitos casos isto signifique o flagrante incumprimento da actual e vixente normativa en materia de prevención de riscos e saúde laboral.

Á vista das evidentes e verificables consecuencias, hoxe máis que nunca cómpre impulsar e desenvolver un sistema que realmente garanta a protección social e laboral do conxunto dos/as traballadores/as e as súas familias. Levar a cabo iniciativas políticas que dunha vez por todas aborden as cada vez maiores e máis profundas desigualdades sociais, incidindo na eliminación ou no seu caso minoración dos determinantes sociais (Ver Boletín CIG-Saúde Laboral nº 19: “As desigualdades na saúde e no traballo: Determinantes Sociais”), que tan nefastas consecuencias están a producir en termos de seguridade laboral e de saúde dos/as traballadores/as.

Concretamente no ámbito da prevención de riscos e a saúde laboral ultimamente tan deterioradas no noso país, cómpre entre outras cuestións: mellorar o sistema de detección, recoñecemento e rexistro de enfermidades profesionais; incrementar e mellorar a vixilancia da saúde axeitando a mesma aos riscos reais aos que os/as traballadores/as están expostos; reforzar os organismos e dispositivos técnicos da Administración galega en materia de prevención de riscos e saúde laboral; reforzar e potenciar as actuacións da Inspección de Traballo e dos/as técnicos/as habilitados do ISSGA mediante a mellora dos seus medios humanos e materiais, incrementando as súas actuacións de inspección e control; potenciar e garantir a independencia, a autonomía e a calidade dos servizos de prevención fronte aos distintos tipos de condicionantes e presións, tanto no que atinxe aos servizos de prevención das propias empresas como aos servizos de prevención allea (SPA) contratados por estas, … etc.

Documentos

ARTIGO 1 BOLETÍN GALEGO 21.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS