Financiado por:
/ Portada / Datos estatísticos

A sinistralidade laboral, un monstro que non para de medrar: datos, análises e reflexións. Galiza: chove sobre mollado

14-10-2019 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 34

Ante a crenza común e erradamente estendida de que os accidentes laborais son fundamentalmente o resultado de distraccións, excesos de confianza, descoidos ou faltas de atención, a realidade é que os accidentes prodúcense practicamente sempre por varias causas, sendo as máis comúns aquelas relacionadas coa organización do traballo e a non prevención ou falta de prevención.

En termos xerais e segundo avalan numerosos estudios sobre o tema, aproximadamente só no 12% dos casos os accidentes de traballo son imputábeis ao ”factor humano”, aínda que evidentemente todo accidente adoita ter algún compoñente persoal.

REPERCUSIÓN ECONÓMICA DA SINISTRALIDADE NO MARCO DA UE

Segundo os datos aportados no pasado XXI Congreso Mundial sobre Seguridade e Saúde no Traballo celebrado en Singapur, os accidentes e as lesións relacionadas co traballo son a consecuencia a nivel mundial dunha perda do 3,9% do PIB cun custo mínimo estimado de 2,68 billóns de euros.

No caso da Unión Europea (EU), os problemas de saúde e as lesións relacionadas co traballo están a supoñer anualmente unha perda equivalente ao 3,3% do seu PIB o que supón uns 476 mil millóns de euros dos que unha gran parte se destinan a políticas de indemnización, asistencia social e atención sociosanitaria dos traballadores/as accidentados, que no caso español maioritariamente pagamos todos nós (a sociedade) e non as empresas responsables da sinistralidade.

Segundo os cálculos estatísticos presentados neste Congreso, a nivel mundial as enfermidades relacionadas co traballo representan o 86% de todas as mortes relacionadas co traballo, cifra que se incrementa no caso da UE onde estas supoñen máis do 90% do total.

No caso dos países europeos os cancros relacionados co traballo representan a maior parte dos custos (119.500 millóns de euros) seguidos dos trastornos musculoesqueléticos, ámbolos dous grupos de enfermidades e de accidentes laborais extraordinariamente mal representadas e identificadas no caso español, como consecuencia da manifesta e intencionada infradeclaración deste tipo de patoloxías por parte fundamentalmente das mutuas (que non recoñecen en moitos casos a orixe laboral das mesmas) e outros organismos institucionais con competencias na materia, que aínda seguen aplicando as directrices de actuación emanadas e tramadas polo anterior goberno neoliberal do PP en materia de restrición de dereitos laborais e sociosanitarios, coas terribles consecuencias que isto supón para os traballadores/as afectados.

Segundo o Dr. Joachim Breuer (Presidente da Asociación Internacional da Seguridade Social, AISS) “Un mundo sen sinistralidade laboral e sen enfermidades profesionais é posible. As enfermidades e os accidentes nos lugares de traballo non son froito nin do destino, nin da casualidade, nin da mala sorte, senón que son o resultado de causas específicas. Sen dúbida algunha as empresas teñen a obriga de prestar máis atención aos riscos para a saúde que afectan á seguridade e ao benestar dos traballadores/as”.

A investigación internacional da AISS cuxos resultados foron difundidos no marco do XXI Congreso Mundial sobre Seguridade e Saúde no Traballo, revela que as inversións realizadas polas empresas en materia de prevención de riscos e saúde laboral dos seus traballadores/as son altamente rendibles en termos económicos directamente cuantificables, estimándose que por cada euro de inversión obtense cando menos unha rendibilidade de dous euros, aparte de constituír un importante factor competitivo que permite que as empresas dispoñan dunha man de obra sa e motivada.

ACHEGAMENTO Á PROBLEMÁTICA DA SINISTRALIDADE LABORAL NO ESTADO ESPAÑOL

Ao contrario do que acontece nos países desenvoltos da nosa contorna no marco da UE nos que a sinistralidade laboral descende, máis ou menos segundo os períodos, de maneira progresiva e permanente, no Estado español a sinistralidade laboral experimenta continuos vaivéns oscilando entre outros factores en función do ciclo económico. A maior activación económica maior incremento do índice de incidencia de accidentes laborais e a menor actividade económica ou recesión, maior diminución do índice de incidencia. O feito de que isto non aconteza desta maneira nos países da nosa contorna dá unha idea das importantes deficiencias que arrastra o Sistema Preventivo español, caracterizado entre outras cuestións, ao contrario que no resto de Europa, por unha prevención maioritariamente externalizada na que as empresas encargan e contratan a súa prevención a entidades privadas especializadas denominadas Servizos de Prevención Alleos (SPA), non sendo as empresas en moitos casos suxeitos activos e directos da seguridade dos seus propios traballadores/as.

Elementos atípicos do Sistema Preventivo español

En relación aos países do noso entorno no marco da UE o Sistema Preventivo español presenta cando menos unha serie de características atípicas que en boa medida poderían explicar a súa ineficiencia:

Para mostra un botón

No ano 2016 mentres no Estado español a Seguridade Social (S.S.) destinou 33 millóns de euros, un 0,4% dos ingresos por cotizacións de Accidente de Traballo (AT) e Enfermidades Profesionais (EEPP) a financiar programas de prevención, en Alemaña no ano 2015 (un ano antes) esta destinou 1.112 millóns de euros, un 9% dos ingresos do sistema polos mesmos conceptos. Unha diferencia de 8,6 puntos en termos de aplicación porcentual dos orzamentos e de 1.079 millóns de euros en termos de investimento real; datos que por si mesmos poderían explicar moitas cousas.

DIFICULTADES NO RECOÑECEMENTO DE ACCIDENTES E ENFERMIDADES PROFESIONAIS

No Estado español o recoñecemento dunha enfermidade profesional depende de que quede demostrado que esta é a consecuencia única e exclusiva da execución do traballo realizado, así como, con carácter excluínte, que estea incluída no listado de enfermidades profesionais que teñen aprobado o seu potencial recoñecemento, limitando de xeito significativo as posibilidades de recoñecemento dunha enfermidade como de orixe profesional, aínda que iso sexa evidente e manifesto.

Os danos ou lesións de todo alcance e gravidade producidos polos accidentes laborais e as enfermidades profesionais para ser recoñecidos no Estado español, deben ser previamente rexistrados a través dun procedemento administrativo non exento de múltiples eivas e distorsións e no que interveñen distintos actores en moitas ocasións con distintos criterios e intereses económicos contraditorios, vinculados estes ao resultado final deste procedemento administrativo do que se derivarían, se é o caso, indemnizacións, prestacións e custos sanitarios.

Para ser recoñecido un accidente ou unha enfermidade profesional debe ser rexistrada, non polo traballador/a afectado/a nin polos seus representantes, senón por un terceiro (normalmente un profesional médico) que pertence a un organismo ou institución (médico da mutua ou do sistema público de saúde). Non é ningún segredo para ninguén a estas alturas, especialmente no caso das mutuas, que estas se conducen frecuentemente con criterios basicamente de carácter económico e empresarial obviando sistematicamente os dereitos que asisten aos traballadores/as en pos dos resultados e obxectivos económicos estabelecidos, negando e dificultando por principio unha gran parte dos recoñecementos de accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

Estas circunstancias na práctica no seu conxunto conducen a un funcionamento deficiente e inxusto do procedemento de recoñecemento das continxencias profesionais, xerando un importante subrexistro destas continxencias que en definitiva deturpa, dana e deteriora unha posible planificación eficaz e eficiente das políticas preventivas destinadas a minimizar os riscos para a saúde que sofren os traballadores/as nos seus postos de traballo.

ACHEGAMENTO AO PERFIL XERAL DA ACCIDENTABILIDADE NO ESTADO ESPAÑOL

Tras practicamente 25 anos dende a promulgación da Lei Xeral de Prevención (1995) no Estado español, seguen a ser moitísimos os traballadores/as que non dispoñen ou non coñecen a un delegado/a de prevención nas súas empresas; algo tan básico e elemental que nos pode aproximar ao estado real da prevención no conxunto do Estado.

Notas sobre a caracterización xeral da accidentabilidade no Estado español nos últimos anos

Novidades na metodoloxía estatística para o cálculo da sinistralidade laboral

A información sobre accidentes de traballo que deseguido se relaciona incorpora xa neste avance que vai dende xaneiro a xuño do presente ano 2019 dúas importantes novidades estatísticas:

  1. A partires de agora se contabilizan como accidentes mortais todos os falecementos a consecuencia dun accidente de traballo que se produzan no prazo dun ano dende a data do accidente, independentemente da cualificación da súa gravidade inicial, adaptándose ás recomendacións da Organización Internacional do Traballo (OIT) e á metodoloxía utilizada na confección da Estatística Europea de Accidentes de Traballo, EUROSTAT.
  2. Inclúense con carácter xeral nas estatísticas de sinistralidade laboral, os accidentes sufridos polos afiliados ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA), que supón a incorporación nos cómputos estatísticos de máis de 2,5 millóns de traballadores/as autónomos.

A SINISTRALIDADE LABORAL NO ESTADO ESPAÑOL NO PRIMEIRO SEMESTRE DO ANO 2019

Segundo os datos do Ministerio de Traballo dispoñíbeis a data de hoxe, nos primeiros 6 meses do ano 2019 o número de accidentes laborais con baixa foi de 310.130, o que supón un novo incremento da sinistralidade do 3,7% respecto do mesmo período do pasado ano 2018. Do total destes accidentes, 268.823, o 87% dos mesmos aconteceron durante a xornada de traballo. E o 13% restante, 41.307 foron accidentes in itínere, supoñendo respectivamente un incremento do 4,3% e o 0,3% en relación ao mesmo período do ano anterior.

Pola contra os accidentes laborais sen baixa asociada, 354.202, descenderon 1,6% en relación ao mesmo período do 2018, e os accidentes mortais, 292, experimentaron unha baixa porcentual do 12% en relación aos acontecidos o ano pasado neste mesmo período.

Do total de accidentes con baixa, 294.434 (95%) foron asalariados e 15.696 (5%) foron autónomos.

Segundo a súa gravidade, neste primeiro semestre do ano 2019, 252.211 (85,66%) foron accidentes leves; 1.767 (0,6%) accidentes graves, e 200 (0.06%) accidentes mortais.

Por sectores foi na construción (+13,1%), agricultura, gandería, silvicultura e pesca (+9,6%) onde máis se incrementou a sinistralidade.

Entre os asalariados os accidentes en xornada de traballo (254.178) segundo a forma na que se produciu a lesión foron: 90.563 (35,63%) por sobre esforzo físico e lesións musculoesqueléticas; 63.485 (24.97%) por golpes contra un obxecto inmóbil; 39.351 (15,48%) choques ou golpes contra un obxecto en movemento e colisións; 25.578 (10.06%) contactos con axentes materiais cortantes, punzantes ou duros; 9.029 (3,55%) accidentes de tráfico e 26.172 (10,30%) outras causas varias.

Accidentes mortais

Se atendemos á forma na que se produciron, os accidentes mortais dos asalariados na xornada de traballo (200), aconteceron como segue: 85 (42,5%) morreron por infartos, derrames cerebrais e causas naturais; 32 (16%) por accidentes de tráfico; 31 (15,5%) por atrapamentos, aplastamentos ou amputacións; 6 (3%) por colisións, choques ou golpes contra un obxecto en movemento; 32 (16%) golpes resultado dunha caída; 1 (0,5%) por afogamento nun líquido e 13 (6,5%) por outras causas.

Se atendemos ao sector os accidentes mortais de asalariados en xornada de traballo, estes distribuíronse do seguinte xeito: 95 (47,5%) no sector servizos; 52 (26%) na construción; 37 (18,5%) na industria, e 16 (8%) no agrogandeiro, silvicultura e pesca.

SINISTRALIDADE LABORAL NA GALIZA NO ANO 2019: líderes en accidentes graves e mortais. Chove sobre mollado

Efectivamente chove sobre mollado. A análise dos datos da sinistralidade laboral na Galiza correspondentes aos primeiros seis meses do presente ano corrobora que o noso País consolida un perfil de alta sinistralidade que xa se está a facer estrutural, consecuencia en gran medida da histórica inanición orzamentaria e a permanente falla de acción política do actual goberno do PP en materia de prevención de riscos e saúde laboral.

Neste primeiro semestre a suma dos accidentes en xornada de traballo (13.878) e in itínere (1.410) que sufriron os traballadores e traballadoras galegos foi de 15.282, dos cales 14.993 foron leves, 266 graves e 29 mortais (24 en xornada laboral e 5 in itínere).

Estas cifras veñen a supoñer en relación ao índice de incidencia media mensual que a Galiza, cunha taxa de incidencia do 0,403 en accidentes mortais, consolídase como líder absoluto destacado de sinistros laborais con resultado de morte no conxunto do Estado español, practicamente duplicando a taxa media do Estado (0,207).

Líderes en accidentes mortais

Efectivamente, se calculamos o índice de incidencia que nos permite correlacionar o número de accidentes de traballo por cada 100.00 traballadores/as, atopámonos con que o noso País sitúase como a CCAA co maior índice de incidencia media de accidentes mortais, 0,403 fronte ao 0,207 da media do Estado. Isto é, que os traballadores/as galegos están a sufrir proporcionalmente practicamente o dobre de accidentes mortais que o conxunto dos traballadores/as do Estado español.

Por tipo de accidente segundo a súa gravidade

Do total de accidentes rexistrados durante a xornada laboral, os accidentes de carácter leve incrementáronse nun 3,6%.

Os accidentes mortais durante ese período foron un total de 24, o que supón un devastador incremento do 26,31%; e os accidentes graves rexistrados foron 238, un 6,25% máis que converten ao noso País na terceira comunidade de todo o Estado que está a rexistrar, tamén neste ano, máis accidentes laborais graves e mortais.

Por sectores

Dos nosos sectores produtivos os de maior accidentabilidade neste período foron os seguintes: a industria manufactureira con 4.028 accidentes (29%); a construción con 2.015 accidentes (14,52%); o comercio ao por maior e a reparación de vehículos a motor con 1.934 accidentes (13,93%); o transporte e o almacenamento con 1.096 accidentes (7,90%); e o agro, a gandería, a silvicultura e a pesca con 1.088 accidentes (7,84%); concentrando entre todos eles practicamente o 75% da nosa sinistralidade.

Por provincia

Se atendemos á sinistralidade laboral por provincias, A Coruña rexistrou un total 6.404 accidentes, o que supón un incremento do 9,6% respecto ao mesmo período do 2018; Lugo rexistrou 1.620 accidentes cun incremento do 10,5%; Ourense 1.506 cun incremento do 1,6%, e Pontevedra 4.348 o que supuxo neste caso unha redución dos sinistros laborais do 5,25%.

In itínere

Nestes primeiros 6 meses do ano 2019 producíronse un total de 1.410 accidentes de traballo in itínere, dos cales 28 foron graves, 5 mortais (todos en A Coruña) e o resto leves.

A estas alturas ninguén minimamente informado dubida que a prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde no traballo constitúen elementos esenciais e irrenunciábeis para a clase traballadora no marco dunha sociedade minimamente democrática e socialmente xusta.

As importantes deficiencias do sistema preventivo vixente en conxunción coa devastadora, inxusta e mesquiña reforma laboral levada a cabo polo último goberno do PP teñen abocado á maioría social traballadora a unha situación de extrema precariedade laboral e a uns niveis de desprotección social e laboral absolutamente inaceptábeis. Estas circunstancias en concorrencia coa permanente inacción política e a incapacidade manifesta dos distintos gobernos de turno para promover a implantación e xestión de políticas preventivas públicas eficaces e eficientes, está a converter a sinistralidade laboral nunha característica estrutural do sistema produtivo poñendo en serio risco a seguridade e a saúde do conxunto dos traballadores.

Día a día, ano a ano, unha e outra vez, os datos falan por si mesmos. É urxente e necesario abordar a reconfiguración do marco de relacións laborais e do actual sistema de prevención de riscos laborais. Tanto por intelixencia económica como por xustiza social, non podemos permitir que ir traballar supoña na práctica asumir un elevado risco para a seguridade e a saúde dos traballadores/as e por extensión das súas familias

Se o caso español é de por si de “nota”, o caso da Galiza é de auténtica “traca”. Se algo teñen conseguido os sucesivos gobernos do PP na nosa terra, é que sexamos líderes en sinistralidade laboral, ocupando sistematicamente os primeiros postos deste terrible ranquing de iniquidade social e de non prevención. Un primeiro posto de auténtico “terrorismo” laboral que como puidemos observar con anterioridade fai que nestes momentos un traballador ou traballadora galego/a teña practicamente o dobre de posibilidades de morrer nun accidente laboral que un traballador/a español.

Pois ben, ante esta persistente e desastrosa situación preventiva que tan gravemente afecta aos traballadores/as galegos, podería esperarse que o Goberno do PP na Xunta de Galicia tomase cartas no asunto e fose quen de promover e implantar as políticas publicas que en materia de prevención de riscos laborais e seguridade no traballo tan acuciantemente necesitamos os galegos/as. Nada máis lonxe da realidade, máis ben e para desgraza de todos/as nós, todo o contrario. Mentres o Goberno da Xunta do ínclito Feijóo hai uns poucos anos encargábase de eliminar a Consellería de Traballo transferindo as súas competencias á Consellería de Economía, aproveitando que o Miño leva tempo pasando por Lugo, procedeu a eliminar a Dirección Xeral de Relacións Laborais, reducindo a súa entidade á categoría de subdirección, importándolles pouco ou nada (á vista está) as súas nefastas consecuencias para o conxunto da clase traballadora galega.

A pesares de que a Xunta de Galicia gobernada polo PP ten transferidas dende o principio a execución das políticas de prevención de riscos e saúde laboral na Galiza (o Estatuto de Autonomía do noso País, estabelece no seu artigo 29, epígrafe 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma da Galiza a execución da lexislación do Estado en materia laboral), a realidade é que esas competencias apenas se exercen especialmente cando como todo fai supoñer temos o dubidoso honor de ser unha das CCAA con esas competencias transferidas que historicamente menos investimentos e menos orzamentos adica á seguridade e a saúde laboral do pobo traballador galego. Os resultados hai xa varios anos que están á vista. A qué esperamos para mudar?

Podes imprimir este artigo, en formato folleto, no PDF adxunto.

Fontes:

-     Estatísticas. Instituto Nacional de Estatística (INE)

-     Estatísticas. Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA)

-     Consulta documentos varios. Instituto Sindical de Traballo, Ambiente e Saúde (ISTAS)

-     Consulta documentos varios. Asociación Internacional da Seguridade Social, AISS.

-     Consulta documentos varios. XXI Congreso Mundial sobre Seguridade e Saúde no Traballo (Singapur)

Documentos

ARTIGO 1 BOLETÍN GALEGO Nº 34.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS