Financiado por:
/ Portada / Datos estatísticos

A sinestralidade laboral repunta lixeiramente en 2013

12-03-2014 - SINESTRALIDADE

Os primeiros datos feitos públicos polo Ministerio de Emprego sobre a sinestralidade laboral no ano 2013, aínda que con categoría de "avances", indican que os reiterados descensos de sinestralidade laboral rexistrado nos últimos anos se teñen detido no ano 2013, no que o índice de incidencia de accidentes con baixa en xornada de traballo aumentou lixeiramente, pasando de 2.848,9 a 2.869,0 accidentes con baixa por cada cen mil traballadores asegurados.

Este repunte é compatible cun leve descenso do número total de accidentes con baixa, que baixaron dende 471.223 en 2012 a 459.535 en 2013, e explicaríase polo descenso da poboación traballadora.

O sector de actividade no que máis crece o índice de incidencia é a agricultura, onde pasa de 2.405,1 a 2,845,6, seguido dos servizos (de 2.302,0 a 2.374,4).

En cambio rexistráronse descensos na industria (de 4.652,0 a 4.589,1) e na construción (de 6.296,9 a 5.740,2).

Os accidentes debidos a sobreesforzos seguen representando ao redor dun terzo do total de accidentes con baixa, 155.026 fronte a un total de 459.535.

En cambio, o índice de incidencia de accidentes mortais experimenta un lixeiro descenso global (de 3,15 a 3,12) que se produce tamén en todos os sectores de actividade agás nos servizos, onde aumenta case un 10%, pasando de 2,02 a 2,23.

Os accidentes in itinere mantéñense estables (62.484 en 2013 fronte a 62.686 en 2012), se ben se rexistran descensos nos graves (pasan de 1.024 a 870) e nos mortais (pasan de 112 a 108).

Estes datos suxiren, pero non demostran, que boa parte dos descensos dos anos anteriores poderían ter sido máis unha consecuencia da crise económica e que, ao recuperarse a actividade, a sinestralidade podería volver aumentar.

En todo caso, trátase só dun avance de datos. Os datos definitivos adoitan facerse públicos despois do verán.

 

Fonte: MEYSS

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS