Co financiamento de:
/ Portada / Datos estatísticos

A Sinistralidade laboral na Galiza, 2023. Nada que celebrar

25-03-2024 - GABINETE TÉCNICO CONFEDERAL DE SAÚDE LABORAL-CIG

Atendendo ás estatísticas da sinistralidade laboral na Galiza proporcionadas polos distintos organismos públicos adicados a este tema e ás declaracións públicas realizadas sobre esta materia pola Goberno do PP na Xunta de Galicia, certos medios de comunicación e as organizacións sindicais estatais, que ven nos datos proporcionados unha mellora substancial da evolución da sinistralidade laboral no noso País, dende o Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG negamos a maior e dicimos que estas son unhas afirmacións enganosas e desacertadas, carentes da necesaria análise ponderada dos datos que, sen dúbida require a preocupante situación preventiva que vén sufrindo o noso País nos últimos anos.

 

                                                                                                LIGAZÓN AO BOLETÍN CIG SAÚDE LABORAL Nº 50

 

De entrada, atendendo á información estatística, tal e como se proporciona e sen ningún tipo de ponderación previa, teriamos que destacar que na Galiza no ano 2023 o conxunto dos  accidentes de traballo (leves, graves e mortais) con baixa na xornada laboral (exclúe os accidente in itínere), pasaron de 25.732 accidentes no ano 2022 a 27.274 accidentes no ano 2023, acadando así a sinistralidade laboral global neste pasado ano un incremento do 5,99% en relación ao anterior ano 2022. Incremento este só superado pola CCAA de Canarias.  Pouco ou nada neste dato do que congratularse.

No 2023 houbo no noso País 364 accidentes cualificados como graves, un -8,77% por debaixo dos computados no ano 2022. É esta unha estatística, a dos accidentes graves, que sempre nos xera unha xustificada desconfianza en relación a súa exactitude e veracidade. Resulta unha práctica habitual ou cando menos moi estendida, que en non poucas empresas cando se produce un accidente laboral que perfectamente podería ser rexistrado como grave, polas lesións da persoa traballadora accidentada e polo alcance das súas feridas, este accidente remata sendo cualificado como accidente leve, sen cambiarse a súa cualificación inicial de rexistro, aínda que posteriormente se constate fehacentemente que ese accidente nunca tivo que ser cualificado como leve xa que a todas luces era un accidente grave. Con este tipo de práctica son moitas as empresas que intentan eludir a actuación da Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS), que en primeira instancia estaría obrigada a investigar este tipo de accidentes de carácter grave, para averiguar as súas causas e poñer remedio aos flagrantes incumprimentos preventivos que a bo seguro cometeu a empresa, así como proceder a propoñer a sanción que en cada caso corresponda.

No que atinxe aos accidentes in itínere (aqueles que se producen no traxecto de ida e volta ao traballo dende o fogar da persoa traballadora), estes como vén acontecendo nos últimos anos, manteñen na nosa terra unha clara tendencia á alza. Así no ano 2023 producíronse 3.149 accidentes in itínere fronte aos 2.670 que se produciron no 2022, dato que supón un incremento deste tipo de accidentes do 17,94%. Destes accidentes, 3.097 foron cualificados como leves, 46 como graves e 6 foron accidentes mortais. En definitiva un incremento importante e significativo deste tipo de accidentes do que sen dúbida tampouco hai nada que celebrar.

Mais se en algo segue desgraciadamente destacando o noso País é na elevada proporción de accidentes laborais de carácter mortal. Un ano máis, 2023, e xa van moitos, Galiza sitúase novamente nos primeiros postos do ranquing de mortos por accidente laboral, acadando unha incidencia de 4,84 sinistros con resultado de morte por cada 100.000 persoas traballadoras, case o dobre do índice de incidencia Estatal (2,92), e unicamente por detrás das CCAA da Rioxa, Melilla e Cantabria. Unha vez máis pouco  ou nada do que congratularse.

Chegados a este punto, imos proceder deseguido a analizar a estatística relativa aos accidentes laborais con resultado de morte na nosa terra. Para poder facer unha análise crítica e honesta desta información estatística coa intención de discernir e clarificar cal é realmente o estado da situación da accidentalidade laboral de carácter mortal na nosa Patria, non nos queda máis remedio que na procura de evitar sesgos e falsos argumentos, proceder a ponderar os datos de sinistralidade do ano 2022.

ANÁLISE PONDERADA DA SINISTRALIDADE LABORAL MORTAL NA GALIZA NO ANO 2023

ACCIDENTES DE TRABALLO MORTAIS REXISTRADOS (inclúe accidentes in itínere)

Segundo as estatísticas proporcionadas hai uns poucos día polo Instituto para a Seguridade e a Saúde Laboral na Galiza (ISSGA), en relación aos accidentes mortais acontecidos no pasado ano 2023 no noso País, os accidentes con resultado de morte terían baixado un -23,29% en relación ao ano 2022. Ano que como nos últimos anos precedentes anteriores, a nosa terra tivo o triste demérito de ocupar en todos eles un lugar no podio entre as tres CCAA con maior número porcentual de accidentes de traballo mortais. Dito doutro xeito, cando un traballador  ou traballadora galego/a saía da casa para ir traballar, en todos estes últimos anos tivo moitas máis posibilidades (as veces incluso o dobre) de morrer nun accidente de traballo que o resto de persoas traballadoras das outras CCAA do Estado. Esta é unha verdade demostrada e incontestable, máis aló do agochamento e o maquillaxe de datos aos que nesta e outras materias nos teñen acostumados os distintos Gobernos do PP na Xunta.

Así as cousas, unha vez máis temos que denunciar o intento de acomodar as cifras aos intereses políticos de quen ocupa e mal xestiona o Goberno do noso País, e deste xeito ocultar no posible a auténtica e deteriorada realidade da prevención dos riscos laborais na Galiza.

No ano 2022, cando o computo de accidentes mortais situábanos como galegos/as nos primeiros postos absolutos de accidentes mortais, no grupo de CCAA  co maior índice de incidencia neste capítulo de todo o Estado, a argumentación que  expuñan e defendían os políticos/as de turno do PP era que o accidente do buque  de pesca “Vila de Pitanxo” en augas do Canadá, con 21 mariñeiros afogados e/ou desaparecidos, tiña condicionado decisivamente a estatística final de mortes por accidente. Iso aínda que descontando incluso estas 21 mortes, o número de accidentes mortais de persoas traballadoras galegas seguiría estando, a pesares deste desconto, no ranquing de CCAA con maior número de accidentes mortais. Dito isto, pode ser entendible e incluso defendible este argumento empregado para explicar e minimizar o alcance da sinistralidade mortal na Galiza no ano 2022.

O que dende logo xa non é defendible nin entendible, é que dende o Goberno da Xunta de Galicia e as súas institucións non se utilice a mesma metodoloxía e o mesmo soporte argumental para situarnos a todos os galegos/as diante duns datos reais e sen sesgos, a través dos cales realmente informarnos e constatar a auténtica realidade preventiva do noso País, máis alá de subterfuxios e medias verdades para tentar agochar e suavizar a mesma.

A cousa é ben sinxela. Se nós aceptamos o argumento do ano 2022 utilizado polo Goberno do PP na Xunta, ás 73 mortes por accidente laboral habería que descontarlles as 21 acontecidas polo afundimento do “Vila de Pitanxo”, quedando o computo do ano 2022 en 73-21 mortes, isto é 52 mortes por accidente laboral máis aló dun acontecemento tráxico e extraordinario como foi segundo o PP o naufraxio do barco.

Así logo co obxectivo de non deturpar a información, se o PP empregara o seu mesmo razoamento para o cálculo e ponderación do alcance da sinistralidade laboral mortal na Galiza ao longo do ano 2023, a correlación porcentual de sinistralidade deste pasado ano co ano 2022, veríase significativamente variada e daríanos unha visión moito máis realista da situación da sinistralidade laboral e preventiva da Galiza neste pasado ano 2023.

Vexamos, 73 mortes totais incluídas as acontecidas in itínere, restadas as 21 mortes (“extraordinarias”) do “Vila de Pitanxo”, dános 52 persoas traballadoras falecidas por accidente laboral no 2022. Se temos en conta que no ano 2023 faleceron un total de 56 traballadores/as galegos/as, a correlación porcentual co ano 2022 que agora a Xunta computa co resultado dunha redución do -23,29% da sinistralidade mortal laboral, trocaríase esta nun incremento ponderado do 7,69% por riba do ano 2022.

Así mesmo os accidentes laborais mortais en xornada de traballo no ano 2022 pasarían de 67 a 46. Con dito cómputo ponderado resulta que lonxe de producirse unha redución neste ámbito do -25,37% no ano 2023, a realidade é que a estimación mellor ponderada e máis realista indicarÍanos que a sinistralidade laboral mortal en xornada de traballo incrementouse na Galiza nun significativo 8,69%.

Efectivamente o Goberno do PP da Xunta coma sempre fai, conta o conto como mellor lle vén, manipulando a realidade segundo lle convén aos seus interese políticos e privándonos a todas as galegas e galegos dunha información honesta, crítica e veraz, que describa con claridade a auténtica realidade preventiva do noso País que tanto tempo leva ocultándonos esta formación política.

Como senón se explica que logo de levar a CIG anos e anos reclamando a elaboración de análises críticas e en profundidade das estatísticas de sinistralidade e enfermidades profesionais no noso País, o ISSGA sega sen atender esa demanda pregándose aos intereses e ordes do PP, mentres este mira unha e outra vez cara outro lugar, o ocultando os problemas e utilizando o engano e a manipulación informativa como a peza clave e estratéxica da súa xestión.

FORMA OU CAUSA XENÉRICA DE COMO SE PRODUCIRON OS ACCIDENTES

Se atendemos á Forma ou causa xenérica de como se produciron os accidentes na correlación entre 2022 e 2023, para ter unha visión preventiva máis ponderada e real teríamos que facer a mesma operación de axuste en relación aos mortos do naufraxio do “Vila de Pitanxo” no 2022, como xa vimos con anterioridade.

Así as cousas se atendemos á táboa proporcionada polo ISSGA, esta proporciónanos os seguintes datos:

Para ponderar a información proporcionada nesta táboa do ISSGA e axustar esta a realidade preventiva, procederemos a exceptuar da táboa as 21 persoas traballadoras do “Vila de Pitanxo” do capítulo de “afogamentos e sepultamentos”, dando como resultado a seguinte táboa ponderada:

ACCIDENTES DE TRABALLO MORTAIS EN XORNADA LABORAL SEN O CÓMPUTO DOS MORTOS DO BUQUE DE PESCA “VILA DE PITANXO”

Así as cousas, non computando o accidente “extraordinario” do “Vila de PItanxo” e os 21 afogados no ano 2022, a fotografía preventiva resultante e significativamente distinta. A realidade ponderada é que non só non baixamos no 2023 a accidentalidade mortal nun 25,37% respecto ao ano 2022, senón que esta sube ata o 8,69%, porcentaxe esta que nos sitúa dun xeito moito máis axustado e fiable na realidade preventiva do noso País, na que os sinistros laborais con resultado de morte seguíronse incrementando no ano 2023.

ACCIDENTES DE TRABALLO MORTAIS EN XORNADA LABORAL POR XÉNERO

Se atendemos aos datos proporcionados polo ISSGA en relación aos accidentes de traballo mortais en xornada laboral por xénero, atopámonos coa seguinte táboa, na que a accidentalidade dos homes baixa un -30,30% no 2023 en relación ao ano 2022, e sube un 300% en relación ás mulleres.

Se temos en conta que todos os accidentados do buque de pesca do “Vila de Pitanxo” foron homes e descontamos estes 21 traballadores do cómputo estatístico para ponderar os datos  e axustalos máis á realidade preventiva do noso País, a consecuencia é que a accidentalidade dos homes (sen ter en conta os accidentes in itínere) no ano 2023 sería un 2,22% maior que a acontecida no ano 2022; e a accidentalidade mortal das mulleres traballadoras galegas seguiría sendo un significativo 300% maior no ano 2023 que no ano 2022, pasando o acumulado porcentual dun menos 25,37% a un incremento positivo xeral do 8,69% en accidentes mortais.

ACCIDENTES DE TRABALLO MORTAIS EN XORNADA LABORAL SEN O CÓMPUTO DOS MORTOS DO BUQUE DE PESCA “VILA DE PITANXO”

ACCIDENTES DE TRABALLO MORTAIS EN XORNADA LABORAL POR SECTOR

Se atendemos aos accidentes de traballo mortais por sector, procedendo como até agora a eliminar do cómputo do ano 2022 no sector da pesca aos 21 falecidos do buque “Vila de Pitanxo” en augas do Canadá, a resultante amosaríanos con maior precisión a situación preventiva real no ano 2023 nos sectores produtivos do noso País.

ACCIDENTES DE TRABALLO MORTAIS EN XORNADA LABORAL SEN O CÓMPUTO DOS MORTOS DO BUQUE DE PESCA “VILA DE PITANXO”

Destaca neste caso a forte diminución da baixada porcentual dos accidentes laborais mortais no sector da pesca, que pasa dun -88,00% a un -25,00%; o estratosférico 250% de incremento da sinistralidade mortal no sector agropecuario; e o significativo incremento da mortalidade laboral por accidente no sector da construción que alcanza o 25,00%. Así as cousas, a pesares que se aprecia un importante descenso na sinistralidade laboral co resultado de morte no sector da industria dun -27,27%, o resultado global do conxunto dos sectores produtivos na Galiza segue a reflectir ese incremento ponderado do 8,69% nos accidentes laborais mortais en xornada de traballo na nosa terra.

En definitiva, e sen necesidade de referenciarse na análise ponderada anteriormente realizada e só fixándonos nos datos proporcionados pola propia Administración galega, temos que dicir que:

Ocupando Galiza no 2023 o segundo posto do ranquing de maior sinistralidade laboral global no conxunto do Estado cun incremento do 5,99% en relación ao ano 2022 e só por detrás das Illas Canarias.
Incrementándose no 2023 nun 17,94% o número de accidentes in itínere respecto ao ano 2022.
Incrementándose un 300% no 2023 o número de traballadoras galegas que sufriron un accidente mortal.
Acadando o cuarto posto do ranquing autonómico de incremento de accidentes de carácter mortal, cun índice de incidencia neste capítulo de 4,84 sinistros cada 100.000 persoas traballadoras, practicamente o dobre que o índice de incidencia media de todo o Estado (2,92).

Seguen pensando vostedes que realmente temos algo que celebrar?

FONTES:

Instituto Nacional de Estatística (INE).

Ministerio de Traballo e Economía Social.

Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA).

Medios de prensa: Faro de Vigo, A Opinión, A Voz de Galicia.

 

Documentos

ARTIGO 4 BOLETIN CIG Saúde Laboral Nº 50.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS